Unha fotografía fermosísima da fortaleza da Torre de Amarante ao aveiro do Monte Farelo, faime recoller a vella teima dos nativos das terras da Ulloa, de Melide e do Deza por cadraren eles o espacio máis perfecto e obxectivo do centro xeográfico de Galicia. É unha estampa que eu lle pedín ao seu autor, o xove Hugo Arias, das Pontes, que anunciara aos catro ventos, na certeza que da arte xorde a maxia dos encontros, como aquí, para a discusión dese punto cernal das equidistancias.
Todos os meus informes, aínda o último, do amigo Mingos Fuciños, fan referencia a este punto das ruínas da torre vella de Amarante como centro máis probábel. Quen diría que deste vello solar dos Nogueiros, ou Noguerol, ergueito acaso no s. XIII, de torre circular, que coñeceu idas e voltas das antigas Casas nobiliarias, emerxe arestora desde a soedade e a ruína unha luz de vagalume a nos convocar ao estudio e á concordia xeográfica. Non é pois o centro o Castelo de Pambre, señor de todas as aves do paraíso: invencible foi a súa pedra aos Irmandiños ( hoxe en maus privadas, coutada á vista ). Todo apunta que as xeometrías, estando perto, se achegan ao Monte Sunmio dos romanos, a grande curota de case mil metros, soa e acordante, vixía das dez légoas, testa alzada que se mira ( dicimos no Morrazo ) ao lonxe: Monterroso, Antas de Ulla, Palas de Rei, Melide, Arzúa, O Pino, O Candán, O Val de Camba. Agolada ao pé. Na outra a Torre de Amarante ( Historia que foi ). E o Conde, alá por Medinaceli. ) E nós ? Fica por aquí a lenda do corredor dos mouros, que atravesa o Farelo, intacto aos ecos: un galo foi e nunca chegou. O señores amos de arestora, señoritos mercantís, posuíron este solar de armas con trece roeles de azur, en campo de prata. Acaso a Condesa de Fenosa poida e saiba dar explicación da saúde do Castelo. E se o tal Valedor do noso Patrimonio, que seica por aí existe nos papeis, quixer botar unha mau..., antes de que as feroces carrocetas e os trailer cheguen cos guindastres do roubo e do traslado, porque o Orgullo, a Ciencia e a Furia, aquí xa non hai.