Namentras arde Belén e as cidades e os campos de refuxiados da Cisxordania coñecen o odio e o terror dos súbditos do sanguinario Sharon, un tal Colin Powell prepara hoxe, cando escribo esta crónica, unha viaxe mediática a Oriente Medio: cinismo a esgalla a desta Casa Blanca no periplo do seu Secretario de Estado. Viaxe sebática de varios días, con parada e paparotas en Marrocos, Exipto, España e Xordania antes de chegar ao cerne do conflicto, onde Israel alimenta a súa soberbia e o noso desprecio; e xa paseamos polos bairros xudeos das vilas históricas de Galicia, de pé lixeiro, escoitando os ecos de arestora: o asubío da metralla, as masacres de Jenín, Nablús, Hebrón, Gaza... Anoxando o perfil e o bandullo de Sharon, o sorriso malvado de Bush, as complicidades da mixirica Europa.
E nesto estou cando quero escribir do Encontro dos Amigos das Sobreiras en Carmoega, en Agolada, ao pé do Arnego, río máxico que baixa das curotas do Faro para se entregar ao Ulla en Portodemouros: triste finitude, mar coutado ao lonxe. Pois aquí foi a fin de semana última de marzo, baixando co río, navegando, vindo no esplendor da terra que abrocha, co canto acendido do pimpín e o cuco recén chegados de aló, na sombra alta das sobreiras, que teñen aquí, no Pozo Negro de Quian, o valemento da selva, o santuario que só recibe a visita das aves predadoras nos picados de comer. O resto é namais ver.
Queremos salvar o Val de Carmoega da negrura dos encoros. Queremos que vivan as ribeiras das árbores vestidas da cortiza, tantas hai. Queremos que nunca cheguen por aquí os bustos e a memoria asasina de Sharon e outros. Queremos que si o fagan as nenas/os palestinos cando queiran encher de fermosura e ben o seu territorio da herdanza, hoxe roubado. Queremos que se pare o tren AVE da guerra, e fiquen sós nos apeadeiros da intemperie todos aqueles que runfan tesos de ira e lume da metralla contra alguén. ( Xa !