Nas infaustas necroloxías das últimas semanas - algunhas delas tan rechamantes, chuscas e evidentes que un non sabe se a vida é ese espectáculo que se perpetúa cando vas levado en ombros que non cadran, nin siquera na estatura descomposta dos porteadores - cabe algo máis que profundar no realismo. Maus, rostros, foto. (Sempre a foto! Patéticos ) Que lles queda arestora aos teatreiros da Humana Comedia, despois do visto nos últimos días ? Velaí vén axiña o Entroido Fértil de Galicia. Entre a borralla dos incensos, caladiño se foi, leváronnolo, Xoán Manuel Casado Martínez, nas antípodas do antedito.
Pois nesta necrochunga mediática cos crisantemos e as poderosas visitas, aparecen os amigos de Asociación Cultural Pedralonga, de Marín, no Salón de Plenos do Concello e fan a entrega dos fermosos pergameos Galegos de por vida, que asinan máis de cen persoas, chamados por lista pública, recoñecidos como declarantes : A Que a lingua galega é a miña lingua, a lingua que quero me acompañe deica máis alá da morte [....] Que, se terceiras persas, tentasen impedir a realización desta miña derradeira vontade, pido a calquer outro familiar ou amigo/a que tiver coñecemento deste meu desexo, que tome todas as medidas para facelo cumprir, e en caso de absoluta imposibilidade, que faga que se me enterre en siléncio A. Teño a certeza de que esta Asociación noviña non xorde dos cimiterios privados, nin da deserción pública do noso idioma nas honras fúnebres que adoitan o consumo dos ricachos de arestora, nin da tolemia revolucionaria duns cregos tolitatis e desnortados. Non. Eu sei deste documento desde hai meses. Das dificultades que cómpre vencer.
Foi unha solporecida alegre a do 26 de xaneiro no Salón de Plenos do Concello de Marín, cheo de Amor e Lealtade ao noso ben máis querido, á nosa mellor riqueza, que é herdanza: a Lingua. Un gaiteiro só, Alberto, para tres pezas singulares. E os versos aínda case adolescentes de Natalia Crespo e Lucía Novas, con arrecendo a mimosas, os máis madurecidos de Xosé Manuel Millán Otero, os de Bernardino Graña, que oficiou de sacerdote de Chiapas, reclamando xustiza, clemencia, liberdade, aos deuses milenarios que desoen, xordeira inmensa, o corazón dos febles. Palabra e versos para o mundo. Desde Marín, como antes foron desde Compostela, Vigo, A Coruña, O Couto Misto. E aló no fondo da paisaxe solidaria: Irimia, O Pedregal de Meira, Francisco Carballo, Rubén Aramburo, Xurxo Gude... para quen cre ou quen escoita de agnóstico, ateo ou Irmandiño. A Nosa Lingua.