Centro de Documentación da AELG
Quo vadis, Carrefour ?
Vázquez Pintor, Xosé
Autores/as relacionados/as:
Fonte: La Voz de Galicia

     Van aló quince días do ano novo cando escribo esta crónica na beiramar de Cangas. Amansa o frío e regresa a borraxeira que  difumina a luz sobor do mar. Recibo nas últimas horas un feixe de  noticias que me animan: a Fundación Enclave, desde Santiago, convida ás Xornadas sobre Coordenación de Políticas Lingüísticas, no salón de actos do Café Airas Nunes. Bamarti, empresa Promotora e Constructora de A Estrada, aposta pola promoción da nosa Cultura e axuda a Edicións Fervenza a sacar adiante unha colección de libros novos. Vou con eles na solporecida cara á Avenida da Cultura, onde hai as pedras para a memoria, o granito do país en homenaxe aos estradenses que deixaron o ronsel, os vieiros abertos: novela, poesía, teatro.... As Asociacións Culturais A Cabana e O Meigallo, de Moraña e Cuntis, achéganme a súa revista A Taboada, ateigada de afectos, antropoloxía, imaxes; na cuberta a foto de Xosé Campos, o Cego do Violino, de Xinzo-Cuntis, ano 1895. Muro, cego e caxato, os tres esteos para escoitar daquelas a Música da Vida. Os meus amigos de Melide mandan O Melidao, portavoz das angueiras da Terra Central de mámoas, castros, patrimonio. Escoito, de volta ás clases, a fermosa fonética dos meus alumnos/as pontevedreses, que aman o manantío, a forza das palabras que nos achegamos no instituto, ao carón do Lérez, na Xunqueira do Cobo: palabras nos labios de mociñas/os que son de Bora, de Xeve, da Pontevedra rural e da máis urbana, ese contorno, esa amistade, tanta riqueza. E sei, sabemos todos xa, da voz galega de Marta Dahlgren, a profesora sueca de inglés, na Universidade de Vigo, que rompe os medos e descobre un niño de esperanza nas mil primaveras para a nosa lingua.
 
     Pero aló abaixo, enfoscado no pozo negro da noite, canda o tempo daqueles séculos escuros que atravesou Galicia, rosma Carrefour, ignorante dos espacios nos que pousa a pouta do ricacho alleo, ese que chega e vai de predador, bruando, foncho, roibo o rostro de soberbias: A gallego no, sólo en castellano A. Unha nube brava, unha penca de odio. E os brados de Eduardo Pondal alá ao fondo do mar de Fisterra, de Orzán e Bergantiños ( os versos prohibidos do noso Himno ) ( Hai que dar aviso, xa !