Centro de Documentación da AELG
Boapedre aínda
Vázquez Pintor, Xosé
Autores/as relacionados/as:
Fonte: La Voz de Galicia

     Pídenme os amigos que aterre da nube branca que me levou consigo pola Pontevedra antiga, a cidade máxica que silencia e garda a pedra dos canteiros, maus labradoras dos arxinas. Difícil baixar da ensoñación. Hei de esquencer Lusinda, Manuel, Ghraniza, Goriño, Zè, Amara, Varela, Liboria, Gavioto, María da Trindade, Antía...Nomes que son de aquí, dos espacios que me poden. Épicas. Biografías. E xa aterrado, que faga comparanza cos lugares e xentes de arestora, novo milenio. Hai un chouto de mar, que non de río. Unha navegación, unha marea - que dirían os meus amighos da Moureira de Gavioto e Liboria - de distancias, de todo tipo e consideración.  Onde hoxe hai latas de cemento e ferro armado, gaiolas sobrepostas, houbo antes paisaxe e mar, emerxendo na miseria dun tempo larpeiro, que larpaban só os ricos, os señoritos. Esa recordanza non condiciona que roubaran tamén os espacios da pedra do polbo, de lañar a sardiña, de armar o copo, polas maus das armadoras das redes na ribeira. Nada queda senón tránsito, carricoches de metal que son capaces de alcanzar os 130 pola avenida de beiramar, matando o soño e a vista. ( Corre, hostia, corre ! E Santa María, senlleira, medía vista no outeiriño das Torres: ) Para onde mira xa a pedra fermosa do plateresco ? Río mancado de xofres. ENCE-CELULOSAS son a peste poderosa; señoritos de arestora, tanta ruína. ) E queredes que eu aínda aterre neste mundo de tal milenio podre e masoquista, aquí en Pontevedra roubada canda a Ría ? Pero si que aterro e vou de encanto polas prazas que viven contra aquel designio de posguerra: fame e olvido. Aquí están, circundando os ecos da Porta das Travancas, os meus amigos/as. A resistencia da memoria para converter a tristura en orgullo cando alzo os ollos, vexo e miro as marabillas dos orfebres, escoito as voces do alén, comungo os pasos de Lusinda pola rúa do Rego, saúdo a Sarmiento, Pintos, Quiroga, Luís Amado, Castelao, Bóveda...baixando os banzos da gloria, pórtico do paraíso que aquí hai, se é que se quere e ama á Terra, aínda.