Centro de Documentación da AELG
Castelao pendente
15 de abril de 2001
Vázquez Pintor, Xosé
Autores/as relacionados/as:
Fonte: La Voz de Galicia

Canta barafunda, canto chirlo, canto chisgarabís... Eran as claves da filosofía proletaria de Galicia, desde a asunción da sabiduría labrega e mariñeira para referiren o mal tempo, o mal tempero, o mal andacio, cando todo se trasveste para o camuflaxe que ha levar consigo o engano, a defraudación, outra vez a derrota. Tanta e tanta resistencia non pode ser de por vida, eternamente á espera. Hai unha revolución democrática pendente, ese asentamento da nosa dignidade sobre os alicerces xa postos, fermosamente construídos polos facedores de outrora: digamos Castelao e os mártires, digamos o exilio, digamos a esperanza de hoxendía. Os lerchos de arestora non deberían estar por máis tempo no xardín das acacias, arrolando as margaridas do sono e o despiste. En nosoutros/as está a estima, o cerne da memoria que foi abrindo fontes e camiños. Nesta data dos marabillosos cravos portugueses, 25 de avril insobornábel, Galiza prosegue o avante, esta nao que sabe océanos, universos. E Castelao a bordo, co governalle teso e firme coma un buxo cara á viaxe da Luz que afogue o escuro de vez, tanta mentira.