Cádrame ver o último lance do programa da TV 1, O semáforo : outro comaquén de cadros televisivos que nos asoballan desde todas as frontes. Neste caso , a idea de Narciso Ibáñez Serrador, alomenos no apunte final, foi ben máis que desgraciada. Eu diría que se lle escapou das mans. Así, as presencias do coruñes Cañita Brava e do pontevedrés Xosé Failde, deixaron un pouso de agravio moito alá do desafine musical, da anécdota ousada, das habilidades asumidas. Se as intencións dos responsables do tal semáforo eran ofertar oportunidades, desinhibir, integrar, axudar de algún xeito aos moitos menesterosos que se saben capaces dentro de calquera tipo de manifestación artística, a utilización, case que patética, de Cañita e de Failde para o ridículo, a risadilla, borran de raíz todas estas propostas solidarias.
E nestes contextos desafortunados, curiosamente, sempre andamos os galegos en complicidades. Somos, de certo, unha terra rica. Calquera pode chegar ata aquí, deixar que os ollos naveguen, e escolmar a paisaxe e a paisanaxe máis diversas. Esto hónranos en positivo. Pero temos que saber tamén que as intencións dos observantes non cadran sempre perfectas e desinteresadas como correspondería. Son demasiadas veces os casos que se achegan á reserva con ánimo de lucro, de rebaixe, de intereses miserables. Non quero dicir que os que ficharon a Cañita e Failde para o peche ridículo deste espectáculo na 1 da TVE, trouxeran esta intención deliberada, pero, ao fío da representación na despedida do programa, paréceo, semella que os nosos protagonistas fosen víctimas, máis ca intérpretes naturais, desta circunstancia. E isto ofende, anque as palabras posteriores ao acto se vistan de seda e de amistade. Un sorriso amable e a man aberta para estes dous galegos pillados polas cámaras dun desconcerto evidente, cando a intención escapa.