Foi un tempo de espera para a celebración dun novo record no balonmán galego. Co ascenso do Chapela e a consolidación en Europa do Octavio e o Teucro, faltaba a superación do Cangas nese trance último, esgotador, na loita pola permanencia e contra todos os obstáculos. Nunca o equipo estivo só. O mítico Gatañal era unha festa por cada partido, unha animación. Velaí a importancia de que o Cangas siga na Asobal, por méritos propios : porque engrandece o campionato. Todos os clubes, todos, queren vir a Cangas para veren o espectáculo da afeción que soñan, dos cantos que animan, da onda humana que percorre as bancadas e resiste ata os últimos segundos nesa emoción que conleva o balonmán, cando se sinte.
Alcanzada a permanencia, caben todas as felicitacións para os catro conxuntos que nos representarán na próxima convocatoria. É fermoso levar o nome de Galicia polos pavillóns, polos espacios diversos. Confirma unha boa saúde e a certa esperanza noutras recuperacións sociais, noutras alegres conquistas. Por hoxe, case eufóricos, poderiamos dicir con orgullo nunca desbordado : Asobal, Galicia. ( Que ben !.