Centro de Documentación da AELG
O Billete
Vázquez Pintor, Xosé
Autores/as relacionados/as:
Fonte: La Voz de Galicia

Levo algúns meses sendo usuario do transporte público, por mar e por terra. Recupero así unha parte importante da miña biografía e convivo felizmente no autobús e no barco coa xente que dá palique, que conta historias familiares, que novela as liortas e enfatiza as mensaxes, que critica a civilización incivil e que se nega a ir de incognito e individualmente nese tránsito de millas e quilómetros que separan as habitacións dos lugares de lecer ou de traballo. Somos pois, nosoutros ( ese 20,1 % que referen as enquisas de última hora ) os viaxeiros da vida : usuarios afectos ao coche de liña, ao tren, ao vaporeto.
Leo os resultados de A Sondaxe A : un de cada tres galegos nunca utilizou os transportes públicos. Cóstame crer a certeza destes números. E máis se penso na poboación de Galicia, cando as estradas miserentas, as incomunicacións, o desastre do tempo que nos chega tarde  para carrexarmos os bultos, que tantas veces somos nós, non permitían outro servicio que o daquelas rodas que movían os vellos Krup e os Diamond. Se hoxe hai un coche de marca, utilitario e familiar, en moitas casas con  pensionistas, que acaso son quen pagan este   antollo aos fillos ou aos netos, si que andaron eles a bordo nos coches mistos de feiras e mercados, nos A colectivos@ das festas e romarías. Non pode ser que a memoria borre tan axiña ese pasado. Por eso me sorprende o resultado da enquisa. Que se repita de xeito máis aleatorio, en cidades, vilas e parroquias; imos ver.
Veremos que hai aínda moitos usuarios  que esperan na A parada A, suben ao A coche de línea@, sentan e conversan, regalan os ollos cando pasa un aire xuvenil que arrecende ao seu carón; ou dormen a lixeiriña soneca do descanso antes de se apear. É a sinxela liturxia dos convidados  móbiles, dos pasaxeiros do autobús, do tren ou do barco, que se recoñecen e contan as súas  coitas, lerchean felices coas  pequerrechas fortunas do diario. O universo nunca extinto do billete. Que tampouco vai desaparecer.