A Liga máis larga entra na súa última andaina. O percorrido aquel que semellaba inacabable e prometía cansacio, está a piques de alcanzar o termo da viaxe. Antes que os resultados reais conformen a cadaquén no seu matemático lugar, queda, para alomenos dous dos equipos galegos , Deportivo e Compostela, a posibilidade de emerxer, co orgullo do bo xogo e a victoria, o ánimo dos seus afeccionados, en compromisos de difícil pronóstico. O Deportivo xógase en Madrid, amáis dunha alancada xigante cara a Uefa, o convencemento de varrer o medo escénico ao Bernabeu, o estadio que lle resultou caro nos pasados compromisos. Madrid e Dépor foron acaso os dous equipos máis tristes coas súas actitudes de xogo no campionato, se comparamos o seu potencial de clase balompédica cos resultados alcanzados. As espectativas eran outras. Por eso é que cómpre agardar o espectáculo que se debe.
Hoxe, en Santiago, o Compostela pode propiciar que esta Liga non teña relanzos, que sexa toda ela unha consecuencia da brega, das irregularidades que conleva o camiño cando é moito . Por San Lázaro andará o Atlético de Madrid soñando co título que se lle escapa na casa e ten que procuralo fóra. As dificultades deste soño han ser as necesarias como para que o Compos deixe, un ano máis, a Liga no aire, como corresponde a un equipo que foi serio aspirante na primeira volta e agora predispón os turnos da pelexa para o máis atento no último remate.
E pola súa banda o Celta, recuperado felizmente, viaxa tranquilo ao Carlos Tartiere a confirmar a ilusionante espera da próxima tempada , cando a canteira sexa un esplendor.