Centro de Documentación da AELG
Balonmán Cangas
Vázquez Pintor, Xosé
Autores/as relacionados/as:
Fonte: La Voz de Galicia

Que a liga Asobal ía ser dura sabiámolo todos. Xóganse trunfos, puntos que valen ouro para a permanencia dentro desta elite mundial. Moitos non dubidan en clasificala como a mellor competición que existe. Presupostos millonarios pechan o paso aos febles e desencantan outras posibilidades : promoción, competencia, equidade, orgullo deportivo. Parecía case un imposible cando se alcanzou o ascenso. E non o é. Aínda que as lesións non respeten por igual a uns e outros. O Balonmán Cangas súmase a esta loita contra o infortunio e arestora tense que medir co Cidade Real, que o multiplica en presuposto. Xogáronse xa os dous partidos na capital manchega, con victoria repartida. Veñen hoxe, martes, e máis o xoves, de volta a Galicia. “A mellor  afeción de España” ( en palabras de moi recoñecido prestixio ) merece que o seu equipo ande uns anos máis, acaso para sempre, entre os elexidos. O Gatañal, xa case mítico, onde cantan todas as voces e un pobo entra nese trance das necesarias axudas coa calor do aprauso, da música, vai vivir outras dúas tardes de emoción, de entusiasmo, superándose ante as adversidades, que lle levaron por diante, como un mal vento, aquel xogador de Alxeria, que marcaba nun ris-ras escentilante. Nin Salin, nin César. Pero quedan outros : os que nos poñen na linde da emoción e pagan, pagamos con eles, a xuvenil andadura nesta competición que é de expertos. Aínda así merece a pena. Porque saben xogar e deron espectáculo contra os mellores da táboa clasificatoria; porque honran a Galicia levando consigo o nome dunha vila que dignifica este deporte, que é exempro. Só falta que hoxe, martes, e o próximo xoves mande o corazón e a cabeza , en equilibrio. Esta afección merece a alegría da permanencia e o recoñecemento da Federación para a montaxe do Campionato de España.Sería, vai ser, o mellor pagamento.