Centro de Documentación da AELG
A ponte que non existe
Vázquez Pintor, Xosé
Autores/as relacionados/as:
Fonte: A Nosa Terra, Diario de Pontevedra, Faro de Vigo, La Voz de Galicia, Vieiros

Leo con abraio que a Ponte dos Cabalos non é ninguén, que non está nos arquivos do noso Patrimonio Histórico das herdanzas. Máis de mil anos de resistencia para que logo os papeis non rexistren a súa biografía. ¡Que País temos! E un, mesmo idiotizado, pregúntase se nesta borralla burocrática non habería aínda alguén que dese conta de tanto sono, de tanta preguiza e cegueira. É tan grave esta ofensa coma a de meter o pisón onde había que meter moito antes a sabiduría.
Porén algo está á vista do común: existe unha data: ano 970, do posíbel acabamento das obras, cando os camiños eran de  intelixente trazado e construción (pragmatismo e fermosura que hoxe son case unha ousadía); hai unha Ínsua, por acaso salvada pola Xunta despois de pararen a ignominia das tantas minicentrais (¡tres na cativa distancia do Arnego antes da súa entrega ao encoro en Portedemouros!) espacio a protexer onde se atopa un mundo cheo de vida vexetal e, sobremaneira, unha arquitectura de auga, con pasares e desniveis para o aproveitamento óptimo do Río (véxase unha muradella de pedra que couta as augas das inchentes e agocha a ribeira da erosión, tan ben feitiña, de tanto amor dos devanceiros labregos, que só con ollala xa anima ao máximo respecto, ese que non tiveron en data recén os que laminaban as árbores da marxe dereita: a minicentral andaba entón en furias e nouturnios).
Este lóstrego mediático da intemperie sobre as boas e non boas consciencias, cando foi o ataque ou accidente á Ponte, pode ser aínda aproveitado en positivo: implíquese nel tamén o concello de Lalín, mesmo a Ulloa e o Deza. E déixense calquera dos grupos políticos de arestora de aproveitaren o feito da desgracia en canto de recoñeceren aínda máis o labor da Asociación de Amigos dos Pendellos, lumieira, facho, que axuda e convoca á lucidez nos máis de tres anos de existencia para que as achegas e os orgullos de ilustrarmos ao pequeno mundo rural que aínda somos todos medre nos eidos da investigación e dos convivios, nos arredores  de cadaquén, coma chorimas. E o alcalde e o concelleiro de cultura d´Agolada, que teñen comigo “a palabra” das súas entregas solidarias para a recuperación urxente dos símbolos máis antigos desta arquitectura de Feira e Vila (traermos xa de vez a Alta Ara da capela das Virtudes do leito do río Ferreiroa, para a súa exposición e espera nos espacios axeitados da Casa do Concello)  non vexan sombras partidarias onde non hai senón luces de abrente natural e compromisos de ledicia, nin epígonos do BNG nin sambenitos, senón persoas (por outro acaso xa os penúltimos románticos deste tempo negociado) sen máis beneficio que as autoestimas e un labor silandeiro que nos honra como un día ou hora merecentes do futuro que soñamos culto e feliz, en Festa e Risa, Música e Palabra  permanentes, como cando de hoxe en oito días, sábado dezaseis de sol a sol, honremos  no III Encontro nos Pendellos, ao Patriarca da galeguidade por tanta Vida feita: Avelino Pousa Antelo, dixen. “Traede unha rosa”.