Centro de Documentación da AELG
Merza toca no ceo
Vázquez Pintor, Xosé
Autores/as relacionados/as:
Fonte: A Nosa Terra, Diario de Pontevedra, Faro de Vigo, La Voz de Galicia, Vieiros

 Eu de neno quería ser músico. Na miña tribo todos lembraban aquela mañá do San Roque na vila de Melide, cando me subira ao carón do mestre director da Banda de Bisantoña e acenaba cos braciños abertos as sucesivas viaxes das notas fusas, corcheas, redondas, negras…polos pentagramas de soñar. Unha ousadía que nada valeu máis alá da anécdota da infancia. Porén deixou en min esa pegada de afectos cara aos nosos músicos populares, case da aldea, case da vila, case da urbe. Sempre a Música: pasarrúas de mañá e tarde, concertos, seareiros, orgullo de parroquia e cidadanía que empurra e danza por dentro nas interpretacións das partituras.. Lembro músicos insignes (“números” lles din aínda agora, acaso para non mancar as autoestimas): Sidorio e Clemente, da Banda de Ventosa, que son ben merecentes dunha parafita, busto ou placa, algo é. E tantos máis na contorna de Galiza, esta emigración.
 Arestora sei polos informativos de todas as canles, rotativas e dixitais, que a Banda de Merza, na Terra de Deza, con 180 anos de andaina  proveitosa no noso currículo vital cara ao mencer e a Historia da Cultura, alcanza a cabeceira do “35 Certame Internacional de Bandas de Música Villa de Altea”, por unha segunda vez, a outra fora no 2004: dúas participacións e dúas vitorias internacionais en competencia con  agrupacións de Francia, Portugal e Valencia. Unha ledicia compartida por todas/os os ben nados, os limpos  dos ciumes e das envexas que denigran. Escoiteinos neste verau: música espilida para a memoria e para o progreso, avance sempre; interpretación que buliga polo sangue e medra na arca das sensibilidades de quen escoita e todo é conforto, animación, suplicatorio para que nunca chegue ese último asopro, a última nota, o aceno final do brazo e dedo índice do director que nos avisa do tempo ben cumprido nesta marabilla do son que enleva ata que remata aquí; e agora cómpre a  xeira solidaria de soñarmos máis alá. E de máis alá vén esta achega dun premio de prestixio internacional para o orgullo dunha parroquia galega coa Banda de seu; a que nos conleva de viaxes interiores neste outono, case inverno,  de auga que cae de riba, incesante ás isobaras, compañeira que sempre nutre, identitaria: chuvia e música de Galiza para que o mundo saiba, valore e nos teña na alta estima desde antes e desde xa. Un “ghainete pías” cheo de melindres, e viño novo, e máis futuro (sen as máculas do perigo permanente das torres eléctricas de Redesa, aínda campantes sobre Merza) e  corpo e alma en festa para vós.