Centro de Documentación da AELG
Poesía inédita - Versos para Marcos
Vázquez Pintor, Xosé

Versos para Marcos

Coma no mar se abre a superficie dos adentros,
bogo en ti, nesa memoria daquel  lance, cando
eran as palabras vagalumes no meu cuarto
de arribadas: barco safo e corazón baleiro
de amencidas e solpores onde navegar
a terra que soñamos.
Facer un libro era a mau de Ulises en Penélope: 
travesía do confín, a xerfa no gurgullo
da maré, a sarabullada do Miño en Auria
cando xea e baixa o río en obeliscos tantos
do nordés que se confunden de aguia parabólica
en niño de alfareiros para afiador en roda
tarazana que conleva  nogueira en ramuín
e os equinocios de maceda en coiro que se abre
de zapato en allariz para os andares.Ouh
amigo marcos, lembra
quen te ama e quere e asubía ao lonxe tan fortísimo
alalá que sabe a pouco e somos máis e máis
a repartirmos contigo o froito das maceiras
que son luces de candil e soles cando encairan.


Xosé Vázquez Pintor
23 de decembro, 2008
en Cangas.