Centro de Documentación da AELG
Soñar Galicia
Máiz Togores, Xosé María
Autores/as relacionados/as:
Fonte: O Chioleiro(III)

Soñar Galicia

Eu tamén quero soñar Galicia.
Cando neno, soñaba cunha Galicia castelá. Unha Galicia que non falaba galego, agás nesas situacións excepcionais nas que a lingua de Rosalía convertíase nun exemplo cuase arcaico museístico de manifestación literaria do rural. Era unha Galicia que pensaba, falaba e actuaba na lingua de Cervantes, xa que era a que outorgaba ós galegos ese falencioso prestixio que con tanta ardencia desexaban algúns. Había que tollermos o acento galego porque "o correto" era falar sen a musicalidade nin os erros das campás de Bastavales. E xa non digamos se falábamos con alguén de fóra, daquela o propio era limparmos de xiros rurais e excepcións paifocas, trocando o galego nun gaspallo inevitábel dos nosos antergos. Iso si, se queríamos facer un exercicio de mergullamento en pobo (como dícía Unamuno) ou folgar coa literatura "popular", "collíamos con pinzas" a nosa lingua nunha mostra de toleranza e respeito para con ela. Uns intres de esparamexos en galego non podían "prexudicar seriamente a nosa saúde lerdamente capitalina". Bo, para ser xustos, o meu tío Filoso e mailo meu avó Lois eran dous verdadeiros crentes, e actuantes, do galego. Con eles comecei a espertar e a soñar en galego. ¿Eran a nota do snobismo madrileño? ¿Eran dúas senlleiras illas nunha marusía castelanizante? Non cho sei.
Cando mozo, soñaba cunha Galicia de esmorga e troulada. En Madrid facíamos un meticuloso proxecto das diferentes etapas da nosa xira gallifeira. Por falar, comezábamos coas festas do Apóstolo e rematábamos coas de San Ramón no Tremo. Corenta días de berros, foguetes, romarías, viño, gaitas e gargalladas escachantes. Algúns días, a choiva mesturábase co cheiro do polbo á feira; e os churros, correúdos pola humidade, sabíannos entón a toxos e arome do campo da festa. ¡Deus, que pracer! Certo é que a festa da Peregrina era a festa da comarca. Movilizaba miles de persoas e por ela mesma prestixiaba á orquestra que participaba nela. Non había liortas nin leas violentas, soamente algunha que outra roñadela, producto da efusividade da nosa falangueira vida. Certo é que entón foi cando eu comecei a concienciarme (¡a Deus grazas!) dalgunhas cousiñas da "problemática galega". Como di o refraneiro, “co tempo maduran as uvas vagas”. Os libros e o falar coa xente da aldea fixeron o resto.
Cando..., hoxe, mellor dito, soño algo moi diferente. Soño cunha Galicia ergueita e propia de seu. Unha Galicia na que non cumprisen mergullamentos lingüísticos nin discriminacións positivas de persoas ou linguas. Unha Galicia na que fose, para todos, un privilexio falar unha lingua coma a nosa. Unha Galicia que soubese campar das súa peculiaridades sen ter que pedirlles perdón ós que as rexeitan por badocas. Unha Galicia que fose respectada por esa minoría de veraneantes que chegan cada ano con tanta borra e tan pouca planta e que fan en certas vilas de verán o que xamais farían na costa leste da península. Unha Galicia sen paro, sen contratos lixo, sen violenza de calquera clase e sen políticos vap (vacacións anuais pagadas). Unha Galicia na que as inxustizas denunciadas durante meses e anos non desaparecesen por arte de meiguería agora que gobernan “os meus”. Unha Galicia na que non existan arbitrariedades, nin atropelos, nin iniquidades, nin ilegalidades. Unha Galicia solidaria, aberta ó mundo e enchoupada das novas que veñan de calquera recanto afastado do mundo. Unha Galicia moderna, ben comunicada e na que ninguén sentise o menor arredamento por mor da súa ideoloxía. Unha Galicia baldeira de tópicos e na que os mesmos de sempre non fixesen as mesmas promesas de sempre.
(P.D. Perdón por este desexo persoal: Unha Galicia libre de manobras escuras no aferrollado e manexado polos pouquiños de sempre mundo do libro.)
En resumo, unha Galicia de seu.