¡¡Manda ladrillos!!
A definición do dicionario da RAG de vivenda é a seguinte: “Lugar onde se habita”. (sic). O Gran Xerais é un pouquiño máis ‘dadiveiro’: “Casa, morada, lugar no que se habita normalmente, domicilio, fogar”; pero tampouco é unha cousa moi caralluda na súa explicación.
Isto vén a que o outro día, nunha cea de remate do curso, os profesores máis novos berraron a de Deus contra o goberno porque “ninguén, nin estes nin os outros, quere que os xoves teñamos a independenza de elexir como e donde queremos vivir”. Despois de moitas facecias, verdades coma puños, algún que outro razoamento ben estructurado, decidimos suxerirlles á RAE (que tamén ten unha definición formidábel: “Lugar pechado e cuberto construído para ser habitado por persoas”.) e á RAG que inserise a seguinte: “Dise daquel artigo de luxo, descoñecido por moitos, co que se especula ás toas dende que os promotores, construtores, notarios, rexistradores, taxadores, concelleiros, políticos, bancos, axencias inmobiliarias, Facenda... atoparon nela, na vivenda, o negocio do século (debemos ser respectuosos neste punto e non poñer os cualificativos que nos cospe o corazón) para seguiren obtendo farturentos e rendosos beneficios por medio da súa construción, venda, aluguer ou xestión; sendo sempre ‘o paganini’ o cidadán da rúa que si precisa urtenxemente dun lugar onde habitar”.
Os xoves andan afirburados porque a fame do ladrillo é inesgotábel. Cada ladrillo dun piso novo é un lapadoiras que se leva de seu o contido dos vindeiros trinta anos do seu peto. (¡E iso que é unha boa hipoteca!, segundo o ferinte anuncio televisivo do cachapelada que ten un apelido que fala de roubo, barnaxe ou tornadía). ¡Qué ben!, di un coñecido meu. Cando estea a piques da xubilación, se é que a temos daquela, tereino rematado de pagar, e xa será meu este pisiño no que estamos agora. Pensade que, dicía o outro día ‘un descoñecido ferido’ na radio, dende o chan baledeiro de todo ó durmir a primeira noite na casa, hai dezaseis xestións e pagos.
Vexo que o ladrillo se espallou por tódalas conversas dos bares; que se fulano vendeu o piso que mercara hai cinco anos por sete veces máis, que se viches todo o que están a construir en..., alá no cú do mundo, que se hai moitos Tamayo e Sáez (nomes prohibidos hoxe) agochados nas construtoras... E, ¡coma sempre!, mentres, os pobriños que teñen unha nómina carracha, que teñen contratos temporais ou que están parados, fan un cálculo imposíbel para mercaren onde habitar e saíren da casa dos seus pais ós corenta anos.
Os que por idade, por sorte ou por calquera outra razón aquí non precisa, non estamos mergullados ou embullados nesa “redemuíña ou sorbedoiro de cartos”, asistimos a un espectáculo insufríbel de móbiles, carreiras dun extremo a outro da cidade, de “visitas rapadas” a pisos inda non ergueitos, de gallifas e caroucadas duns promotores que lles prometen ós seus potenciais clientes o santo e maila esmola por catro patacóns de nada. ¡E cantos montes e marafontes se perderon nese borboriño de papeis, planos e palabras!
O ladrillo é o peor pesadelo da nosa sociedade. ¿E os gobernantes que fan mentres? Falar, falar e falar. Prometer, prometer e prometer. E como cacarexan tan a miúdo e non poñen ovos, pois iso, os da rúa a encabuxarse tódolos días un pouquiño, que é moi recomendábel.
Señores políticos; voulles facer esa pregunta que mil e un cento de cidadáns deste país nos facemos tódolos días, e non por iso baleira e oca: ¿Para cando a vivenda deixará de ser un obxecto de luxo faraónico e se converterá nun ben de primeira necesidade ó alcance de todos?