Centro de Documentación da AELG
Furibundia
Máiz Togores, Xosé María
Autores/as relacionados/as:
Fonte: O Chioleiro(III)

Furibundia

Vivimos nun pezoñento mar de inxustificados ataques de furia.
Colles o metro e deluvas a calquera dos outros usuarios que comparte contigo ese pequerrechiño espazo público a calquera hora do día, e recibes, de esguello, unha sañiosa ollada de desprezo e, se non estás espelido, unha boa zafrañada no fígado.
Camiñas pola túa cidade falando amigabelmente con alguén e, como non vexas es canciño que leva unha interminábel correa de varios metros de longura, e que está a facer “as súas cousiñas” no medio da beirarrúa, recibes unha enrabechada descárrega de estripotes e alcuños, sempre con ese rabicho de ser acusado de infrinxir os dereitos máis elementais dos animais.
Estas lendo o periódico na sala de espera do médico, nun silencio mentireiro e argallante, presaxio de que algunha cousiña vai ocorrer, e senta na túa beira un bremante paciente. Mándache ó carallo o xornal porque comeza a rosmar moi polo baixo mirándote de contino (debe buscar iso da complicidade dos descoñecidos), e a súa mesma “mareira” fai que o volume sexa, ós poucos minutiños, case coma os dos altofalantes dos aeroportos, inaturábel. Os demais gardamos silencio co desexo de que este acirritado ataque de carraxe sexa pasaxeiro. Pero non, pensa este home que o desprezamos, e, nun botar chispas inexplicábel, fala, mais ben berra, dos gobernantes, da insolidariedade humana, da merda da calor e dos mil requisitos que che piden no banco para calquera solicitude. Miro o reloxo e “o noso amigo” leva case quince minutos facendo chatolas cos dentes. Non o aturo máis. Cambio de sitio porque levo “engranzado” na mesma palabra todo ese tempo e non dou rematado o artigo que tanto me peta, bo, mellor dito, me petaba. Os artigos lidos por etapas son unha verdadeira desfeita. ¿Mellor deste xeito? Non, moito pior. Sínteo como un desprezo e dime, cos ollos cheos de sangue, que son un inhumano. Calo coma un peto, claro está.
¿Por que este mundo é dos asañados e arrebecidos?
¿Por que vemos como normal que un irrespectuoso linguateiro che amole o teu espazo vital e non “poidas” facer nadiña?
¿Por que somos tan condescendentes, mais ben uns bragallas, cos que alimentan a súa furia co "ben facer e ben calar" dos demais?
¿Por que non sabemos distinguir entre berrar a rabia nun desafogo persoal (sexamos sinceros, todos algunha vez o fixemos) e respectar un dos dereitos fundamentais do cidadán: non sentirse "esgarrafexado" polas folgas de aviltada tose dos veciños?
¿Por que o único que facemos é cambiar de asento ou mirar ó "tendido dos curas" cando somos víctimas destes derramamentos de malvadosas rabechas?
¿Por que nos estamos a afacer, chove sobre mollado, a esta "prosperidade da furibundia"?