Centro de Documentación da AELG
Os moradores da nada - Dimitri Krasnoiev
Lama, Xavier
v2xavierlamaosmoradoresdanada004.html

     A vida de Dimitri Krasnoiev adquire un particular relevo despois da publicación do ensaio The boyar's pride do ilustre historiador británico sir Thomas Madison.
     Foi Krasnoiev o catador de confianza de Iván o Terrible, o encargado de remoer vagarosamente na punta da lingua ou pasar poi a súa gorxa as comidas e as bebidas destinadas ó gran zar para te-la seguranza de que o veleno, que circulaba na Corte de man en man coma unha pantasma silandeira e estragadora, non lle ía gadaña-la vida.
     Iván Grozny o Temido fora testemuña da morte da rama rexente, a súa nai benquerida, entre vómitos e unha respiración zalucada na que ardía a evidencia do fin. Contaba o zar con oito anos e a pavura a acabar de igual xeito tradeaba o seu acougo. Ó seu arredor medraba a edra da conxura, alimentábanse rombantes ambicións e repetíanse as chufretas dos boiardos, que trataban a Iván como a un esmoleiro e o sometían á azouta abaixante da fame.
     Con trece anos, o señor de tódalas Rusias requiriu os servicios de Dimitri coincidindo co espertar da conciencia do inmenso poder que converxería nas súas mans se lograba riparllo a aquel corifeo de nobres apodrecidos de vaidade. Foi daquela, sendo aínda un infante que comezaba a sobreporse ó illamento, cando ordenou que botasen ós lobicáns un boiardo que o humillara a noite anterior. Refiren as crónicas que Iván Grozny gorentou o pracer da vinganza que o había converter cos anos nun desapiadado gobernante mentres as feras esnacaban ó nobre infiel, e probablemente o catador Krasnoiev sentise entón que a súa vida era crebadiza coma unha lamella de gasa en medio dun mundo de loitas sotarregas.
     O seu olfato de antenas cautelosas podía detecta-las pezoñas disoltas na comida e no seu padal gardaba un código de sensibilidades intransferibles para catalogar sabores e individualizar cada un dos compoñentes dos distintos manxares con precision infalible. A morte era a súa sombra turradora, a súa perseguidora insondable apostada tralo fumegueo dos asados e o recendo dos licores. E non deixaba de resultar unha brutal insensatez xoga-la vida en cada bocado ou en cada grolo, porque había outras maneiras de sobrevivir as axexanzas da miseria, aínda que fose lonxe do espellismo dourado da Corte. Pero para Krasnoiev o poder botarlle un pulso á morte e achegarse á soleira do seu imperio tutelar evitando da-lo pasó definitivo viña a ser coma un don de artista, unha virtude única dos sentidos e mesmo unha vocación do espírito.
     Non ocultaba o orgullo das súas facultades tendo en conta que o zar sobrevivira a varios intentos de asasinato con preparados letais. Sen embargo, a princesa Anastasia falecera por un descoido do seu catador persoal, ó que o esposo aflixido mandou arrebolar desde o alto das murallas do Krernlin. Ese feito, a perda do ser amado, determinou un acedamento do carácter do Temido, que pasou a converterse nunha alimaria allea ó máis mínimo de piedade. Un exército de miles de fieis uniformados de negro, que levaban un distintivo cunha cabeza de can e unha vasoira (os cans simbolizaban a fidelidade que se lles esixía e a vasoira representaba a decisión de elimina-los traidores) instauraron un imperio de terror destinado a extermina-los boiardos. Sucedéronse as carnicerías e as desfeitas, as torturas e as sanguentas invasións dos domicilios privados baixo o amparo da noite, mentres o bon Dimitri era testemuña privilexiada da cólera inesgotable do zar e da súa inmensa señardade. Tódalas victorias o deixaban insatisfeito, tódolos seus caprichos se cumprían de contado e ningunha muller podía calma-la súa ardentía carnal, ou quizais fose unha obscena voluptuosidade encubridora dunha necesidade esencial de amor.
     Nesas longas xornadas de enlaiado desespero, Krasnoiev escoitou confidencias do seu señor, que o trataba como a unha sorte de escudeiro leal, disposto sempre a salvalo das poutas da señora da gadaña. Nun cademo de notas, o singular catador deixou constancia para a posteridade da paixón de Iván por disfrazarse de monxe ou de muller, do pracer co que calculaba algunhas masacres, da súa excitación ante as execucións públicas acompañadas dunha grandiosa posta en escena, ou das orxías coas fillas dos boiardos asasinados ás que desposuía da inocencia con métodos debruados de perverso erotómano. E, malia todo eso, aquel acompañante discreto do home inaccesible consideraba ó seu amo como un ser providencial, revestido da maldade necesaria para afinca-las raíces dun imperio engrandecido e inscribir ese legado de ambición no río da historia.
     Dimitri Krasnoiev sobreviviu varios anos ó pasamento do zar e no seu ánimo latexaba a insatisfacción galgueante de non ter dado a vida por el como unha ofrenda definitiva de gratitude, para poder demostrarlle sen chantelas a fidelidade absoluta. Mesmo ás veces pensaba cun proideiro desasosego no que se sentiría cando un sube o último chanzo cara á escuridade perpetua, consciente de ser burlado polo veleno fatal.
     Esa sensación, que creu desterrada para sempre, experimentouna finalmente xa vello e adoentado, coa pituitaria e as papilas da boca feridas pola enfermidade do tempo. Un novo catador da corte, celoso do seu historial, empezoñouno con ácido prúsico, convencido de que así acababa co mito de Dimitri Krasnoiev, o home que liscara en tantas ocasións da morte.