As andainas eróticas de Piero de Martini, duque de Livorno, xeraron ensaios sisudos que tentaban desentraña-la raíz alapada da súa cobiza sexual, opúsculos frívolos ou trufados dunha resésiga moralina e artigos admirativos ou aldraxantes. Desque un historiador principiante, que realizaba unha investigación sobre a heráldica da zona, descubriu a correspondencia amatoria, os diarios e outros documentos íntimos do duque, a súa sona de novo Casanova e de Iuxurioso príncipe do pracer foi medrando ata convertelo nunha sorte de reedición paródica do arquetipo do amante latino engalanado cun requintado gusto literario e unha tenrura esencial disfrazada de apetito carnal incontinente. A correspondencia inclúe misivas de sesenta e dúas mulleres, aínda que é particularmente intensa a remitida por catorce delas, as que se supón que deberon de manter con don Piero unha relación especial, presidida pola fame de esculca espiritual e por unha bebedela sensual que conflúen no máis afervoado abandono ós dictados do instinto. Nesas cartas descríbense con luxo de detalles escenas de sexo grupal, de oralidade carnal, de sodomía, ou de excesos gastronómicos, nos que case todo resulta comestible ou degustable. Con frecuencia, as asinantes da correspondencia lémbranlle ó duque, cunha nostaIxia exenta de candura, a súa condición de guía e preceptor na procura da satisfacción intuída como un imposible absoluto. Fálanlle da sede de novas sensacións e do baleiro que experimentan lonxe dos días gloriosos de voluptuosidade e desleixo. Polo que respecta ós diarios privados, interrompidos durante longas tempadas e retornados con ardentía grafómana tempo despois, a súa feliz desvergoña resulta prodixiosa. Este é un exemplo da súa prosa, escollido entre as pasaxes menos escatolóxicas da obra: "24 de maio de 1944. Hoxe recibín nas miñas estancias a tres damas de nome ben coñecido e de fasquía recatada que resultaron ser tres devoradoras lascivas bruantes de pracer diante do tótem iluminador que arrincaba dos seus ollos un escintileo de plenitude indescriptible. Para inicialas na ximnasia da petite mort contei coa axuda dun oficial de cabalería, bon amigo meu e cómplice perfecto nestes mesteres, que as deixou coa alma derrotada de excesos. Despois, cando el marchou, eu recollín as flores máis delicadas do desfalecemento das tres e folguei rebrincante sobre elas e coas tres xuntas formando un coro dócil ata que chegou a luz do abrente". Noutras ocasións, o rito amoroso convértese nunha cerimonia refinada na que converxen alcohol e literatura: "18 de setembro de 1947. Rossana chegou onte na compaña de Lucía, unha rapaza de ollos turbadores que posúe todo o encanto fuxidío da inocencia. Xuntos limos poemas do gran Shelley e logo rendinlle tódalas honras de gala ós divinos cofres do amor de ambas, tanto a popa como a proa, coa frecha indesmaiable e cos beizos que estampaban bicos de lume en tódolos recantos da súa pel. Logo roseinas de viño e xuntos embriagámonos coa liviandade de príncipes feridos por un ronsel escorregante de finitude". A capacidade de seducción de don Piero tampouco foi allea ó círculo da familia próxima: "17 de xaneiro de 1951. Estou convencido de que o mellor remedio para combate-los fríos invernais é facer que a pel faísque na pira da luxuria. ¡Bendita a noite que acabo de vivir na compaña da miña cuñada e da miña sobriña! ¡Que faltas de afecto e de praceres andan as malpocadas! Sempre tiven á miña media irmá por egua turrona e, certamente, descubrín nela unha habelenciosa artesá de xogos prohibidos, unha perfecta manipuladora das vontades alleas. ¿E que dicir da miña admirada e fermosísima sobriña? Bradaba coma unha leoa encirrada, con tódalas portas abertas á intemperie do gozo. No exterior caían folerpas de neve, pero entre nós todo era furia e incandescencia. ¡Que fantástico patrimonio o do meu irmán e de que xeito cego ignora os seus dons!" A acumulación destes testemuños fai pensar que Piero de Martini tivo relacións carnais con centos de mulleres na súa época de maior fogaxe sexual, aínda que nos últimos dez anos da súa vida se vaia facendo evidente nel unha espiritualización puritana, probablemente derivada do anoxo que lle comezaba a produci-la vida promiscua nun momento en que xa o traizoaban as forzas escaídas da súa virilidade. A publicación da vasta correspondencia e dos seus diarios en 1986, sete despois do seu pasamento, constituíu un notable acontecemento editorial, esporeado desde os medios de comunicación. Debates sobre a vixencia do mito de Casanova, reportaxes sobre a sexualidade da guerra en Italia e ata a realización dunha mediocre película sobre o personaxe seguiron ó lanzamento dos libros. O prodixio Fiero de Martini mantívose en pé ata datas recentes, cando o seu mordomo, un ancián de delicados ademáns e voz moumeante, se decidiu a falar. Revelou que o seu amo fora pouco menos ca un casto varón, enormemente pudoroso e temeroso das mulleres, coas que mantivera rarísimos contactos de ocasión en bordeis discretos. Confesou tamén que a correspondencia amorosa e os diarios constituían un exercicio de imaxinación desbordante por parte do seu señor, que sempre tivera querencias pola literatura. Piero de Martini caligrafou con sesenta e dous tipos distintos de letra as epístolas supostamente remitidas polas súa amantes, todas criaturas xurdidas exclusivamente nas gándaras desazoadas da súa invención. Parece ser que a única dama que lle escribía regularmente era unha casta tía, quen lle lembraba reiteradamente a súa obriga moral de casar para deixarlle descendencia ó ducado de Livorno. |