A muller dixo: Pedra
(un can ouveou na noite).
O home dixo: Auga
(o ouveo do can fíxose raio).
O neno dixo: Area
e recolleu a area
que fuxiu paseniño
entre os dedos pequenos
(o ouveo do can fíxose lóstrego
escorregando ao rente da treboada).
Neno, muller e home
xuntaron
Area, Pedra e Auga
e ergueron un fogar mollado e quente
que se espetou na néboa mañanceira
como un berro no ceo
(o ouveo do can fíxose laio).
O eixo,
a rella,
os gonzos,
as fibelas do mundo
renxeron, principiaron un camiño
de milleiros de séculos
de prantos,
de xenreira,
de gorxas apreixadas;
de berros,
de queixumes;
de loitas,
de fuxidas,
de forcas,
de ignorancia;
de puños como pedras erguendo un estadullo;
de aldraxes,
de agarimos
e de tralla;
de amores devecendo nun leito;
de vida,
de lembranzas.