Fremoso como un doncel era iste mundo. |
MÉNDEZ FERRIN |
Denantes da correola, da barbela,
do carromeiro mol
aboiando nos cons de Ortegal,
ou nas praias do norte do Morrazo;
Denantes das escumas estoupando
no fociño da foz,
onde a mestura xusta, equidistante
de milleiros de fontes
(augas antergas, freixas devanceiras)
co estronicio salgado
que arrinca dende o medio do océano,
fai agromar as incontábeis cores
do vello arco da vella;
Denantes de medrar a xilbarbeira
ou o estralote:
confrade silandeiro
caviloso sino polos camiños,
ledicia de foguetes nun ollos pequenechos,
e cando aínda
os frescos chuchameles
eran sinxelamente
un pequeno proxecto que agromaba,
bulindo, nos miolos
da Natureza, a nosa nai teimuda,
e cando aínda
o fento
non daba esnaquizada a tona do planeta
(esa cativa uva ensarillada
no morno acio de estrelas que pendura
do mantelo do moucho e da curuxa)
Denantes dos abrentes
de rechouchíos mestos de paxaros
que interrompían:
o crime do raposo,
a soneca da avoa donosiña
Denantes mesmo que a aguia vixiante
no curuto do ceo
subliñara a sutil raia da morte
dende o seu trono azul
ao pescozo dun año arrepiado;
Denantes de que o seixo
fixera realidade as súas agullas, espetándoas
nas entrañas da terra, e que aquelas agullas
viraran lama, area, arxilas
de cores, recollidas por mans agarimosas
que bicando, cocendo, aloumiñando
(como o amante aloumiña o corpo do amante,
como o asasino aloumiña na súa man o coitelo)
fixeran os tarecos que chegaron a hoxe,
verbi gratia:
Santa Tegra,
O Neixón,
Borneiro,
Viladonga
Denantes de que condes,
emperadores,
xefes,
reis,
caudillos,
triparan as vellísimas
chairas da nosa Terra,
metendo lume ás xestas e á poalla,
ao melro e á cerdeira,
deixándonos a patria tolleita, esnaquizada,
sementada de Arousa a Pedrafita
dunha baza borralla, dunha brétema
enchoupando os nosos corazóns calcificados
sen azos
para o latexo
sen mans
para encetaren un anaco de queixo, unha cunca de viño,
sen forzas
para a seitura e a vendima:
fermoso como un doncel
era este mundo.