1. Rosalía de Castro (1837-1885) A meirande poetisa que tivo Galicia. Poeta culta e popular á vez. A uns interesaralles a poeta costumista e metafísica, a outros interesaranos mais a poeta social e relixiosa, a cantora e intérprete da realidade do pobo marxinado, a que soubo plasmar maxistralmente a alma do pobo galego oprimido. "Unha alma núa entre os homes, só vestida coa súa propia luz e a súa orixinaria dor", escribiu Otero (1). Xunto con Castelao son as dúas figuras mais representativas e simbólicas da nosa Terra. Rosalía é a escritora con máis universal proxección da nosa literatura, da que existen numerosas edicións e estudios en inglés, alemán e ata en xaponés; mesmo foi escollida entre os cen mellores escritores do mundo, en tódolos tempos. Este coñecemento da nosa meirande figura literaria, mesmo no ámbito escolar, axímeme dunha semblanza bio-bibliográfica, que había resultar abondo coñecida. Barreiro escribe no segundo número de Encrucillada unhas verbas que proen a calquera que se sinta cristián galego: "A humanidade grande coma o mar de Rosalía non atopou acougo na Igrexa. A Rosalía dos pobres, dos emigrados, dos mariñeiros das viúvas e dos orfos quedou ás portas da Igrexa" (2). Os argumentos déraos Alvilares anos atrás. "¿Que sucede na Igrexa galega do seu tempo para que Rosalía padeza tan agudamente na súa intimidade a frustración da súa fame de comunión?. Rosalía viviu dentro da comunidade cristiá galega. Pero mesmo nesa comunidade sentiuse desvalida, aprisionada por unha sociedade pechada na que tódolos camiños que levan a Deus estaban pechados" (3). Rosalía era unha muller doorosamente crente e fondamente cristiá, como queda refrexado na súa obra. ¿Que dicir que non sexa abondo coñecido da Rosalía identificada, como Xesús de Nazaret, coa realidade fonda do seu pobo nos versos tan coñecidos de Follas Novas?. Xa no seu Prólogo manifesta o compromiso social e popular da súa poesía e o por que de facelo en galego:
¿Que dicir de
novo sobre a saudade, alma da súa poesía máis persoal, que manifesta
nos versos de Follas Novas? Quizais que non se teña, sen
embargo, salientado suficientemente que é ésta unha saudade tinguida
sempre de relixiosidade, unha relixiosidade desasosegadoramente
existencial:
É un sentimento
de soidade, pero non un sentimento que se peche á transcendencia, a
Deus, senón máis ben como expresión do "silencio de Deus",
tal como recoñece Alvilares ("O encontro do home con Deus é
sempre precario e escuro" (4) ), e reflexionou a moderna
"Teoloxía da morte de Deus". Con frecuencia Rosalía
manifesta a estarrecedora experiencia da incomunicación co Absoluto,
como nalgúns versos de En las orillas del Sar, que non rematan,
a pesares de todo, na confesión dun mundo sen Deus:
Ou coma cando no
mesmo libro confesa a tristura pola perda dun fillo:
Sobre todo, Deus
está ausente para Rosalía pola inxustiza da xente, pola inxustiza da
sociedade. Xa o manifestara Paulo de Tarso: "A inxusticia dos
homes, que asoballan a verdade coa inxusticia" (Rom 1, 18) e
"trocaron ó Deus verdadeiro por un falso" (Rom 1, 25).
¿E a Igrexa?
"Na súa soidade a Igrexa non é máis que ausencia". Unha
Igrexa máis preocupada en falar do inferno e da xustiza terrible dun
Deus xuíz, que da misericordia e o amor dun Deus pai. Unha predicación
que queda refrexada nos versos de Rosalía, como cando fala de que
"o pecado é obra dun intre e durará a expiación terrible
¡mentres dure o inferno!" (En las orillas del Sar). E outro
tanto ocorre con toda a parafernalia dos funerais que, como recoñece
Alvilares, "só trae á conciencia de Rosalía o seu montaxe
económico e o seu clasismo. Nada que sirva para alimentar a súa fame
de esperanza". Así o manifesta a poeta naqueles versos de Follas
Novas.
Torres Queiruga,
tras recoller varias opinións de autores diversos sobre a dimensión
relixiosa de Rosalía (6), algunhas opinións encontradas que non fan
xustiza á fe da nosa poeta, conclúe:
Desde unha
lectura que debo recoñecer non é o froito dunha fonda análise persoal
da obra de Rosalía, teño para min que o xuízo de Queiruga é
totalmente aceptable. Non se pode ocultar a tensión as contradiccións
que sufriu a fe rosaliana, como tampouco o seu conflicto coa Igrexa, tal
como se apuntou máis atrás, pero iso non lle resta a calidade dunha fe
que quere ser honrada desde a fondura existencial. Unha fe atormentada
ó xeito kierkegaardiano ou, máis perto de nós, unamuniano; unha fe
que non soubo atopar acougo pola carencia dunha teoloxía máis sa e
máis evanxélica. Foi pena que a teoloxía sobre o mal e sobre Deus coa
que nos foi regalando Torres Queiruga e parte da teoloxía
contemporánea vira a luz cen anos despois, tería sido de inestimable
axuda para a poeta. Asi mesmo, unha Igrexa que fora máis acolledora con
ela; unha Igrexa da que, de todos xeitos non renegou a nosa poeta, e da
que recibiu agradecida os derradeiros sacramentos, e na que foi
enterrada, e na que repousa, a pesares das reticencias primeiras para
ser trasladada á igrexa de San Domingos de Bonaval.
Menos coñecido
que Rosalía, polo que comprirá falar algo máis da súa historia,
Pondal é "o bardo de Galicia" (el gustaba de autodenominarse
"o bardo de Brigantia"), séntese un aristócrata, máis non
é antipopular. Para el a nobleza ten o papel de conducir ó pobo,
particularmente ó pobo galego como raza escolleita. El sente que ten
"a alta misión de orientar espiritualmente ao seu pobo confesa
Carballo Calero, un pobo excelente que ten a misión de ser 'o lazo
recio e forte' que xunte os bos pobos ibéricos dispersos, incluíndo
aos fillos de Luso". Tense Pondal polo poeta da patria galega,
representado na mítica figura celta do bardo. Non é de estrañar que
para Otero Pedrayo "ningún como Pondal soubo identificarse co
profundo núcleo temático de Galicia" (8).
Recentemente, un estudio sobre a poesía de Pondal non coincide co que
estou dicindo sobre unha lectura cristiá destes versos. Manuel
Forcadela cre que o son da campá de Anllóns non ten acento cristián,
senón un acento telúrico pagán que el ve como referencia á Babilonia
bíblica en contraposición a Xerusalén (11). Otero Pedrayo sabería
contestarlle moi ben, tamén a el o acusaron de panteísmo, pero Don
Ramón sabía casar ben a súa fe nun Deus persoal e no seu Fillo Xesús
Cristo fundamento dunha fe cristiá co "vencellamento afectivo
físico e espiritual á terra" que o leva tamén a "chorar
diante da natureza" (12).
Non é de estrañar que na edición
galega da Liturxia das Horas, a oración oficial de clérigos e monxas
da Igrexa, apareza entre os himnos uns versos seus, do poema "Non
veu dos duros éforos", que non podo deixar de traelos aquí:
Os versos manifestan unha perfecta
sintonía e unha fonda comprensión da realidade de Xesús de Nazaret, o
Verbo de Deus que salva desde abaixo, desde a realidade dos pobres, e
non desde o poder; desde o poder despótico da forza ou desde o poder de
que ten "o saber", desde o que se cre, el só, coa sabiduría,
representada en diversos nomes na filosofía grega.
Por iso, para o teólogo galego a
actitude fundamental de Curros ó escribir un texto tan anticlerical e
mesmo antirrelixioso, é "xenuinamente cristiá", que se
traduce neses resultados por unha serie de motivacións. Unhas
subxectivas (a imaxe dun pai autoritario e déspota, pero con fama de
honorable e virtuoso, que converteu á súa nai, moi devota en
verdadeira mártir; e a radical e incomprensiva oposición de liberales
e conservadores "onde a relixión e a política andaban moi
mezclados" ). E outras obxectivas (as acusacións contra a Igrexa,
algunhas manifestamente inxustas, pero outras moi reais e que compre
recoñecer honradamente, como é o caso tamén do seu autoritarismo
alienante, que Curros tivo que sufrir en propia carne).
Carlos Casares, na introducción a unha
edición de Aires da miña terra di que "O seu anticatolicismo
parece indubidablemente vencellado ó trauma que nel provocou o proceso
de 1880. Antes desto, e posteriormente á súa confesión de fe
republicá, Curros móstrase cristián... E aínda despois, o que priva
na súa relixiosidade é un anticlericalismo froito máis da súa triste
experiencia fronte a curia ourensá que dun anticatolicismo
militante" (18).
Ou "Na morte da miña nai", ou
"A Virxe do Cristal" e "Unha boda en Enibó", a
pesares do seu carácter eminentemente popular.
Ou outros coma os do soneto adicado a
Cristobal Colón:
E aínda máis claramente algúns textos
en castelán, coma os que seguen, recollidos no estudio de Alvilares
(19):
Penso que os duros textos anticlericais
de Curros, coma os de "No convento", "A igrexa
fría", "Pelegriños a Roma", "Mirando ó
chao", ... e os máis duros, os versos de O divino sainete, no
poden restar valor auténticamente relixioso e particularmente cristián
ós textos citados máis arriba. Outra cousa é falar da dimensión
eclesial da fe de Curros; certamente, no debía ir moito á Misa.
Uns consideráronno unha especie de santo
laico, e outros viron nel a encarnación do mal; todos o recoñeceron
coma un gran poeta. De calquera xeito, ó remate, ¿como non dar unha
resposta afirmativa ás preguntas que Cuevillas se facía sobre a morte
do poeta nun fermoso artigo de Prosas galegas?:"¿Quen sabe se a
Virxe do Cristal non fixo desaparecer cun sorriso os cornos maldizoados
do diaño como ceibou as azas brancas do anxel pra que voara alto?"
(22). Cabanillas, máis expeditivo, "viu" a Virxe meter,
"queiras ou non", a Curros no ceo. |
NOTAS |
(1) | Ensaio ... páx.238. | ||
(2) | X.R. Barreiro Fernández, "Igrexa e galeguismo", Encrucillada 2, 1977, páx. 8. Tamén en Historia de Galicia IV páx. 190. | ||
(3) | X. Alvilares, ¿Proceso a la Iglesia Gallega?, Madrid 1969 páxs. 45 ss. | ||
(4) | X. Alvilares, op. cit. px.31 | ||
(5) | Alvilares, op. cita páxs. 66-68. | ||
(6) | A.Torres Queiruga, "Catro
perspectivas sobre a actitude relixiosa de Rosalía", Encrucillada
43, 1985. Recolle e critica as posturas do alemán D. Briesemeister
("a contradicción non mediada"), que publicou un libro sobre
Rosalía en 1959, onde recoñece que "na poesía relixiosa so s.XIX
ten un lugar sobresaínte". Do francés H. Poulin ("a
reconciliación doada"), que publicou en 1974 Rosalía de Castro
y su obra; para este autor, o cristianismo está na base de toda a
creación rosaliana. E logo, dous autores galegos, Carballo Calero
("Visión da vida na lírica de Rosalía de Castro" en Estudios
rosalianos, Vigo 1979) e Marina Mayoral (La poesía de Rosalía
de Castro, Madrid 1974). O primeiro acepta claramente, sen ocultar
os seus conflictos, o feito positivo da fe de Rosalía. Pero a segunda
é presa de prexuicios que a cegan para captar "a forza
hierofánica" da poesía de Rosalía, tal como recoñece Queiruga. Neste número de Encrucillada tamén se pode ver un bo artigo de Alvilares, que complementa a análise do seu libro: "Deus apático e Deus patético. Sobre o tema rosaliano de Deus". E outros artigos sobre Rosalía de Rábade Paredes e Rodriguez Pampín. |
||
(7) | R.Carballo Calero, Historia da literatura galega contemporánea, Ed. Galaxia, Vigo 1981, páxs. 255-56 | ||
(8) | Otero Pedrayo, Ensaio... op. cit. páxs. 221-22 | ||
(9) | Os de Aguirre poden verse
máis adiante. Pondal dicía:
En Amado
Rincón, Eduardo Pondal, Ed. Galaxia, Vigo 1981, páxs.122-24.
Aquí se poden atopar tamén outros versos en castelán tan claramente
cristiáns, aínda que cunha teoloxía ben cativa, como os desta
"Pregaria":
|
||
(10) | O poema ten unha versión
máis longa que aparece na edición de Castrelos (Vigo 1970) no apartado
de "Poesías inéditas", e no que atopamos outros versos de
claro matiz relixioso e que eu considero claramente cristiáns:
|
||
(11) | M. Forcadela, A harpa e a terra, Ed. Xerais, Vigo 1988, páxs. 98-101 | ||
(12) | Confer o meu libro A xeración Nós. Galeguismo e relixión, Ed. Galaxia, Vigo 1988, páxs. 66-67 | ||
(13) | Otero Pedrayo, Ensaio ... pax. 218 | ||
(14) | X.Alonso Montero, Realismo y
conciencia crítica en la literatura gallega, Akal, Madrid 1978. Alí
confesa con humor e perspicacia:
|
||
(15) | "A fobia antieclesiástica de Curros era no fondo un amor moi evanxélico polos oprimidos", O divino sainete, A Coruña 1969, px.165 e ss. | ||
(16) | Barreiro Fernández escribe: "Unha vez mais a xerarquía eclesiástica non se decata da humanidade cristiá que latexa en cada verso de Curros, que se pecaba algo era por amar excesivamente ós homes da súa terra". Historia de Galicia IV, Galaxia, Vigo 1981, pax.191 | ||
(17) | Alvilares, op. cit páxs 98-100. | ||
(18) | Carlos Casares, Introducción á edición crítica de Aires da miña terra, Galaxia 1975, px.21. | ||
(19) | Op. cit. pax. 106 | ||
(20) | Patrocinio Ríos Sánchez, catedrático da Universidade Complutense de Madrid, "Curros Enríquez e o protestantismo", Grial, 118, Abril-Xuño 1993 | ||
(21) | C.Casares, Curros Enriquez, Galaxia, Vigo 1980, pax. 64 | ||
(22) | Florentino L. Cuevillas, Prosas galegas, Galaxia, Vigo 1962, px.96. |