Centro de Documentación da AELG
Historia dun navío e unha luz
Seara, Teresa
Autores/as relacionados/as:
Fonte: Casa da Gramática, nº1

 

HISTORIA DUN NAVÍO E UNHA LUZ

 

Na cidade da Coruña, aló polos anos cincuenta vaise producir o primeiro encontro entre Antón Avilés de Taramancos e Manuel Álvarez Torneiro. Eran os tempos máis duros da posguerra, unha época de sequía cultural inmensa que algúns xoves trataban de superar reuníndose nas tertulias e nos cafés, nas casas dos amigos para facer os primeiros versos. Nesta tesitura atopábanse os dous autores: o noiés que traía baixo do brazo un monllo de poemas e unha empanada de millo como óbolos que ofrecer na súa chegada á cidade herculina e o coruñés que participaba por entón nos actos organizados polo que logo sería o grupo “Amanecer”. Nese momento prodúcese, ademais do encontro persoal, un deslumbramento por parte de Torneiro perante os versos de Antón pois aquel adolescente amosaba xa nos seus primeiros textos un feitío poético innegable que anunciaba a gran voz da nosa literatura que resultou ser.

Mentres Avilés vai descubrir, xa abandonados definitivamente os seus estudios de Náutica, unha cidade atlántica, case submerxida, da man de Urbano Lugrís -o pintor de mariñas, o amigo e, sobre todo, o irmán- e publica na fronteira da súa xuventude a primeira obra, As moradías do vento (1955)[1]; Torneiro terá un progresar máis pausado e agardará ata a década dos oitenta para dar ó prelo o poemario inicial: Memoria dun silencio (1982). Nestes anos compartidos na Coruña, Avilés e Torneiro establecen unha sólida amizade que, se ben non os converte en inseparables -dada a diferente maneira de vivir que levaban: a do noiés vinculada ó estilo bohemio e trasnoitador de Lugrís, a do coruñés marcada polo traballo nunha farmacia e pola falta de recursos económicos-, si vai ser o xermolo dun fondo sentimento que ambos os dous se dedican a fortalecer pasada xa a etapa colombiana de Antón.

Prodúcese pois, coa volta de Avilés a Noia, un reencontro e un afianzamento da amizade que se sustenta coas frecuentes visitas de Torneiro á “Tasca Típica” nos poucos días que lle deixa libres o seu traballo en La Voz de Galicia. Alí, a carón da vidreira de cores, intercambiarán os dous amigos poemas e lembranzas, revelaranse as correspondentes obras e, se Torneiro coñece así o manuscrito de As torres no ar, Avilés vaise converter en cómplice del corrixindo os primeiros poemarios, suxerindo cambios nos textos e animándoo a seguir. Precisamente, é Antón quen lle dá a Basilio Losada os poemas que conforman Restauración dos días[2] para que, sen sabelo Torneiro, o edite na colección Leliadoura. A complicidade que se vai establecendo entre os dous poetas aumenta a cada visita e Avilés animará sempre a Torneiro descubríndolle os valores ocultos do seu verso, ben nas conversas, ben a través de cartas como esta, onde afirma:

 

“A tua poesía e como ir tallando a luz. Mentras tanto, e iso xa e custión de oficio (de bo oficio) pós a música de fondo apropiada a cada poema. O manancial deita desde o fondo, nidio, e pasa, como ten que ser, polo muiño do corazón onde a vida te foi pondo as cicatrices da fermosura e da dor. Por iso eres un gran poeta, non só no senso exacto da palabra, senon en que traballas versos de arte maior: Poesía de tono amplo, de voz profunda. E o oficio, os anos, a experencia dan o demais. E todo ven a dar no concerto preciso onde florece a rosa da beleza”.

 

Non se equivocaba Avilés na súa percepción da poesía de Torneiro, sempre marcada pola beleza escura que emana das cicatrices e da dor pero tamén do vitalismo e da forza por plasmar todo aquilo que provoca un sentimento no ser. Na súa traxectoria poética, Manuel Álvarez Torneiro establecerá un fío común a todas as obras: a memoria, o recordo doutros tempos, das persoas importantes da vida que se foron e do neno feliz que xa non se é. Trátase dun verso fondamente sentido que leva inscrito no seu corazón unha mensaxe tristemente esperanzada pois ese vitalismo non chega nunca a abrollar en todo o seu esplendor senón que fica nun renovo fanado pola forza da existencia. En certo sentido, Avilés e Torneiro comparten a cualidade de facer “torres no ar”, versos que nos firen de tanta beleza e imprimen en nós o acedo sentimento da melancolía pois, tras elevarnos da nosa débil condición humana, enfróntannos ás verdades cotiás, non por moi próximas, menos ferintes. Tan paralela será a súa traxectoria que, mentres Avilés emprendía a Última fuxida a Harar[3], Torneiro irá constituíndo os versos recentemente recollidos en Os reinos do fulgor[4] que conforman, en ambos os dous casos, legados poéticos de valor incalculable.

A longa amizade que uniu a Antón Avilés de Taramancos e a Manuel Álvarez Torneiro non se interrompe coa morte do noiés. Cónstanos que, desde ese momento, Torneiro refuga a visita ós espacios compartidos preferindo a evocación do amigo na súa “Tasca Típica” mentres escribía a carón da falsa fiestra de cores. Terán que pasar moitos anos ata que volva pisar as rúas de Noia, un percorrido que compartimos despois de render honores a Avilés no seu repouso do cemiterio de Boa. Deixamos alí uns caraveis brancos a carón do navío que sinala o punto exacto de encontro co amigo e evocamos a súa figura na Praza do Tapal. Desa visita xurdiron os versos deste libro-homenaxe pois, se os escritores de Galicia plantaron na entrada do camposanto unha cerdeira para “darlle unha nova alegría ó vento”, como dixo Antón, o amigo Manuel Álvarez Torneiro rende pleitesía ó seu capitán acendendo esta lámpada perpetua.

 

(in ÁLVAREZ TORNEIRO, Manuel, A lámpada perpetua, Casa da Gramática-IES “Virxe do Mar”, Colección Porta Azul, 1, Noia, 2003, pp. 9-11)



[1] Conxunto de poemas que saíu como separata da revista Atlántida en 1955. Para ver o seu primeiro libro editado, Avilés terá que agardar ata 1959 en que se publica A frauta i-o garamelo.

[2] Restauración dos días, Sotelo Blanco, Colección Leliadoura, Santiago de Compostela, 1986.

[3] Última fuxida a Harar, Espiral Maior, A Coruña, 1992.

[4] Os reinos do fulgor. Antoloxía esencial (1982-2002), Deputación Provincial da Coruña, A Coruña, 2002.