Alfonso Pexegueiro. Unha vida no exilio.
Introdución
Abordar o estudo da figura de Alfonso Pexegueiro, desde calquera das perspectivas que se queira, supón un verdadeiro reto para aquel que se propoña tal empresa. As causas non son tanto a peculiar traxectoria literaria do escritor e a complexidade da súa obra (factores que tamén cómpre considerar), senón máis ben a escasa atención e até o silenciamento que a crítica galega dos últimos trinta anos lle ten adicado. Coñecido desde 1975 como un dos impulsores do Grupo Rompente e por ser o autor, un ano máis tarde, de Seraogna, unicamente o rigoroso traballo crítico (e de recuperación) exercido por Luciano Fernández desde mediados dos noventa, ten xerado produtos que permiten achegarse con seriedade á obra de Pexegueiro.
No presente traballo preténdese ofrecer unha visión panorámica da súa figura e da súa actividade artística partindo fundamentalmente, mais non exclusivamente , da súa condición de exiliado. A noción de "exilio" cobra unha relevancia inusitada na traxectoria de Pexegueiro, e cómpre abordala desde dúas perspectivas complementarias: unha meramente física, o autoexilio que el elixiu en 1985 e polo cal se trasladou a Barcelona durante quince anos, e outra que alcanza a súa propia condición existencial, e que o conduce a considerarse un exiliado permanente, desubicado e desenraizado alí onde for.
O traballo estrutúrase en tres apartados que atenden á traxectoria vital e bibliográfica do autor, á súa incerta posición nos campos literarios nos que participou e, finalmente, á súa poética do exilio. Os materiais empregados na tarefa son, ademais das súas obras e da escasa literatura crítica sobre Blas, a bibliografía existente sobre poesía e campo literario galego nos últimos trinta anos e unha conversa gravada que eu mesmo mantiven co escritor (durante a cal o propio Pexegueiro me suministrou unha grande cantidade de material hemerográfico á que, doutro xeito, eu tería difícil acceso).
1.Bio-bibliografía
Alfonso Pexegueiro naceu o 19 de abril de 1948 no barrio do Cabalón da parroquia de Angoares (Ponteareas), no seo dunha familia humilde de clase traballadora. Pasou toda a infancia en Ponteareas e no entorno rural anexo a esta vila, periodo fundamental na súa traxectoria vital, concibido como tempo-espazo no que residiu a liberdade, logo fanada. Como contrapunto a esta concepción, viviu desde pequeno o ambiente represivo dos colexios relixiosos e privados aos que asistiu, espello da miseria intelectual da época franquista. Rematado o bacharelato, e ante a necesidade de acceder a un traballo remunerado, decide marchar en 1963 a Madrid, onde comeza estudos na Escola de Formación Profesional de Automobilismo de Carabanchel Alto, obtendo tres anos máis tarde o título de oficial fresador.
Obrigado a realizar o servizo militar en 1966, xa que era unha das condicións da súa entrada na Escola, evitouno despois de xurar bandeira, aducindo unha repentina inclinación mística que o chamaba a ingresar nun seminario. Efectivamente, conseguiu ser admitido no Seminario Maior de San Xosé (Vigo), lugar no que permaneceu tres anos estudando Filosofia. Esta etapa da súa vida constituíu o primeiro encontro serio de Pexegueiro cos grandes pensadores da literatura occidental, e aínda con aqueles autores literarios prohibidos na propia institución relixiosa, aos que tivo acceso (el mesmo adoita citar a Kafka, Dostoievski, Tagore, Pound e os existencialistas franceses, entre outros, como os autores que alicerzaron a súa formación intelectual e a súa vocación artística). Cando deixou o Seminario en 1970, decidira xa que a escrita era o seu único interese e que quería adicarse a ela de forma exclusiva.
Con todo, ao enfrontarse á realidade laboral, compaxinándoa xa coa práctica literaria, non conseguiu achar unha estabilidade mínima e viuse obrigado a desempeñar múltiples e variados traballos (vendedor a domicilio, descargador no peirao de Vigo,...) que o mantiñan nunha certa precariedade económica. De resultas desta situación, no outono de 1970 aceptou unha oferta para traballar nas minas de potasa da localidade catalana de Súria. Unha vez incorporado ao posto de traballo, a experiencia non foi máis alá dos quince días debido á desconfianza que suscitou nos patróns a súa condición de home con estudos, sen dúbida vencellándoo con algún tipo de actividade política. Instalouse nunha pensión do barrio chinés de Barcelona e sobreviviu un tempo con algún outro traballo, convivindo con diversos personaxes nun mundo de bohemia e marxinalidade. É este un periodo que o autor literaturizou en pasaxes de varias das súas obras: o relato "Porque nada ninguén naceu senón o silencio da ruina dos ríos" de Relatos pra salferir (1981), no que, ademais do contido, as adicatorias se refiren a dous dos seus coñecidos en Barcelona, homes, nas súas propias palabras, "de gran humanidade"; o poema "Limiar" de Seraogna (1976) no que se alude a un compañeiro de pensión, ex-combatente da lexión francesa no Vietnam, que lía a Rimbaud e a Baudelaire; e a composición "Barcelona, 1970" incluída no libro Círculos de auga (1979), que comeza co significativo verso "...pulgas e piollos era todo o que había...".
Regresou a Galiza en 1971 e alternou a actividade literaria non profesional coa meramente laboral, nunha persistente situación de inestabilidade. Casou ao ano seguinte e pouco despois regresou fugazmente a Barcelona, atraído por unha especie de fixación que a cidade (sobre todo o Barri Gótico e Raval) deixara nel. En 1973 viaxou a Madrid e chegou a entrevistarse con Gerardo Diego e Vicente Aleixandre, cuxa boa valoración dos poemas que lle leu supuxo o pulo definitivo para a súa decisión de adicarse por enteiro á escrita. Cómpre salientar que naquela altura Pexegueiro era, e quería ser, escritor en español, e que non foi até uns anos máis tarde cando tomou a decisión de producir obras en galego.
En 1975 coñeceu en Vigo, onde traballaba na Inspección de EXB, a Darío Xohán Cabana, Xosé Luís Méndez Ferrín e Antón Reixa, participantes activos da esquerda nacionalista da cidade. En medio dun clima de efervescencia cultural, morto o ditador, o propio Pexegueiro propúxolle a Antón Reixa a creación dun grupo poético, de resultas do cal se orixinou Rompente. Posteriormente uníronse ao grupo Manuel Romón, Alberto Avendaño e, cunha participación menos activa, Camilo Valdehorras e Xosé Leira (1). En 1976, baixo o selo de Rompente saíu á luz o primeiro poemario de Pexegueiro, Seraogna, precursor do abandono da estética socialrealista predominante na literatura galega até aquel momento, sen que isto supuxese o rexeitamento da temática política.
En 1977 comezou a traballar na revista infantil Vagalume e ampliou o seu círculo de relacións artísticas partillando experiencias cos pintores do grupo Atlántica. Ao ano seguinte desapareceu a revista e o escritor regresou a Angoares, distanciado xa das actividades de Rompente. No mesmo 1978 publica Mar e naufraxio (Premio da Crítica Galicia), un ano despois Círcos de auga, e logo Relatos pra salferir (1981), 0 pabellón das hortensias azuis (1983) e A illa das mulleres loucas (1984), este último en versión bilingüe galego-catalán, feito inédito daquela na literatura peninsular (2). Inserido xa no mundo literario galego de pleno dereito, a esperanza dunha ansiada profesionalización parecía achegarse cada vez máis, tendo en conta ademais o labor que desempeñaba desde había anos na Asociación de Escritores en Lingua Galega.
O propio Pexegueiro participara en 1980 na fundación da Asociación, sendo nomeado membro do Consello Directivo. Como secretario organizou o I Congreso de Escritores en lingua galega (maio 1981) e unha serie de conferencias tituladas "Achegamento á literatura galega actual", ademais de coordinar a revista da entidade, Escrita, dirixida por Margarita Ledo. En 1985 solicitou formalmente á AELG un salario que compensara a súa adicación case exclusiva ao proxecto, solicitude que lle foi denegada de malos modos, privándoselle incluso de continuar co seu labor en Escrita cando máis adiante decidiu abandonar o cargo de secretario. Sentíndose desprezado e marxinado, o escritor optou en setembro dese mesmo ano por autoexiliarse a Barcelona, acompañado pola súa parella Christina Ferreira, seguindo o magnetismo que a cidade non deixara de exercer nel.
Instalado nun primeiro momento no piso de Jordi Graells (autor da tradución El desert de Nabalpam, Edicions del Mall, 1986), traballou como xefe de redacción da publicación PRI (Prioridad. Revista de Inteligencia) desde 1987 até 1991, ano en que deixa o emprego. A súa adicación exclusiva á creación literaria chega até hoxendía. O mundo literario catalán recibiuno máis ben con indiferenza. A pesar das traducións que Llibres del Mall efectuara das súas obras, o escritor non conseguiu acadar un papel que pasase de discreto no campo literario da época.
Paralelamente saían á luz en Galiza Fantasía (extracto) do xefe dos lagartos (1988) e Desatinos dun maldito (1991). En 1994 publicou en español El lago de las garzas azules, obra que fora rexeitada previamente polas editoriais galegas (Galaxia e Xerais) ás que fora enviada. Deste xeito, o seu estatuto como literato atopábase nun lugar incerto, xa que a súa actividade diminuira moito no campo galego, estaba a iniciarse apenas no español e tentaba facerse un oco no catalán. Terían que ser as sucesivas publicacións en galego de ¿Serán os cisnes que volven? (1995), a reedición crítica de Seraogna (1997) e a aparición de Hipatia (1998), xunto co denso labor investigador sobre a súa obra de Luciano Fernández, os factores que propiciasen a reentrada de Pexegueiro no campo literario galego e, no ano 2000, a súa volta a Galiza.
Con todo, as esperanzas que el puxera en recuperar un protagonismo merecido víronse fanadas rapidamente por unha sorte de silenciamento e marxinación que engrandeceron, e seguen a engrandecer, a, súa aura de autor "maldito". Unicamente reconfortado por pequenos eventos que si recoñeceron o seu maxisterio, á marxe dos axentes oficiais (exitoso recital ante nenos de El lago de las garzas azules en Ribadumia, participación no recital Cantas e fas-me livre organizado pola Asemblea de Estudantes de Compostela contra a invasión de Iraq, unha tímida reconsideración crítica, etc.), Pexegueiro atópase no ano 2005 nunha situación que o impele a pensar novamente en marchar de Galiza (3).
Aínda coas reedicións en 2003 d'O deserto de Nabalpam e en 2004 d'A illa das mulleres loucas (acompañado nunha segunda entrega por un CD no que recita con música de Anxo Pintos e Quico Comesaña), e a saída prevista en galego d'O lago das garzas azuis, o estatus alcanzado no campo literario dista moito dos seus anceios de profesionalización e recoñecemento. Como última mostra da súa singular e resistente posición na campo hai que sinalar a publicación do seu último libro, Dados blancos (novembro 2004), unicamente en español tras ser rexeitado o seu ofrecemento dunha edición simultánea en galego.
2. A posición de Pexegueiro nos campos literarios
Pártese da noción de campo literario, que con certo éxito estendeu o sociólogo francés Pierre Bourdieu, para tentar explicar o papel xogado por Alfonso Pexegueiro na literatura galega (e aínda na española e na catalana) dos últimos trinta anos, condicionado de forma importante, aínda que non exclusiva, pola súa condición de exiliado4. A grandes trazos, a teoría do campo literario explica o valor da obra literaria a través do esclarecemento da produción da crenza social nese valor. O campo é un espazo no que interactúan diversos axentes (escritores, editores, academia, etc.), que ocupan e toman determinadas posicións empregando unhas regras de xogo-loita interiorizadas (habitus). Dentro do campo literario cómpre distinguir dous subcampos, que serán de grande utilidade para as nosas explicacións: o subcampo de produción restrinxida, onde se xera o capital simbólico do produtor e onde os destinatarios son os outros produtores (é dicir, os escritores), e o subcampo de gran produción, cuxos criterios de relevancia se miden en índices de éxito comercial ou outro tipo de notoriedade social (recoñecemento académico, premios, etc.).
NOTAS DO AUTOR
(1) Para unha revisión da traxectoria de Rompente ver GONZÁLEZ FERNÁNDEZ (1988)
(2) Circos de auga e O pabellón das hortensias azuis vironr eformulados os seus títulos con motivo da edición compilatoria Blasfemias de silencio (Xerais, 2000), na que aparecen os epígrafes Círculos de auga e O pavillón das hortensias azuis. Relatos pra salferir, pola súa banda, reeditouse baixo o título de O deserto de Nabalpam (Espiral Maior, 2003).
(3) Ver a entrevista publicada n´A Nosa Terra, 23-29 de decembro de 2004, p. 29.
(4) Para todo o relativo á noción de campo literario ver BORDIEU (2004). Son de interese tamén os estudos elaborados por FIGUEROA e GONZÁLEZ-MILLÁN, que parten deste mesmo presuposto teórico. Ao longo de todo este apartado séguense para o campo literario galego as orietacións teóricas de ambos estudosos, se cadra cunha fidelidade excesiva.