UNHA VIA POSMODERNA DE CRIAZÓN F. Salinas Portugal
Se o debate da posmodernidade, na sua banalización mais ousada e indecente, dominou durante uns anos os média, no ámbito da crítica literária ese debate permanece vixente durante os últimos decénios como unha forma de procurar unha razón que explique e interprete formas de criazón que ultrapasan os límites canónicos que até ao presente se tiñan formulado.
Ora ben, se o debate sobre a posmodernidade marca a crítica da literatura é tamén orque, por veces e nen sempre de forma consciente, marca, tamén, os procesos de criazón e elaboración literárias. É comunmente aceptado que coa posmodernidade desaparece a unidade (e a unicidade) e prima o heteroxéneo e fragmentário, reflexando especularmente a heteroxeneidade e o fragmentarismo cultural que se erixe en marca “prestixiada” do noso (decadente) século XX.
Se do ponto de vista ideolóxico a posmodernidade reflicte, pois, o mau-estar dunha imprecisa conciéncia de mudanzas e o rexeitamento dun prometeismo que parecia dominar o pensamento e a criazón ocidentais (de aí que Eco fale en maneirismo ou Sarduy nun proceso neo-barroco, coas tentacións da verticalidade a el inerentes) podemos entender, tamén, que o texto (literário) posmoderno releve dun uso e por veces dun exaxero e abuso, de accións iconoclastas que poñan en destaque ese carácter heteróclito non só do ponto de vista do discurso como das suas representacións.
Por todo iso creo que o último libro de X. Luís Martínez Pereiro pode resultar emblemático no noso contexto literário desas novas formas de facer literatura: textos abertos con esa incompletude significativa que caracterizaria a modernidade (ou posmodernidade), con un fragmentarismo discursivo (sobre o que xa tíñamos chamado a atención nun dos seus anteriores libros, As Irmás Bastardas da Ciencia), ou co corrosivo humor que se move entre un surrealismo visionário e un expresionismo sen trégua.
Con efeito, xa o próprio título desta entrega narrativa é significativo: Medición definitiva do Limbo. Cada un dos elementos que compoñen ese sintagma revesten-se dun significado que indicia os próprios significados do texto; quer dicer, cada un deses termos carrega-se de significados cuxa suxeréncia non apaga a denotación significativa de cada un deles separadamente considerados.
A “indeterminación” que define ese espazo simbólico (o limbo) que non é nen ceu nen inferno, equidistante da santidade e do demoníaco, reflicte, metaforicamente, o sentido dos textos que se encadean nunha organización laberíntica e circular, nunha erráncia polos espazos do suxeito protagonista e/ou narrador, mas tamén unha erráncia (devaneo bachelariano?) polo tecido textual que conforma e configura as narrativas.
Con efeito, cada un dos micro-relatos que compoñen o libro de XLMP son dificilmente clasificábeis do ponto de vista da preceptiva literária, obedecendo a un experimentalismo narrativo certamente novidoso na literatura galega dos últimos anos: relatos? contos? greguerias? haikus narrativos? reflexións pseudo-ensaísticas?... A narrativa de Pererio transita, pois, entre un ser e un non ser, nunha liña difusa de fronteiras, de temas e estilos que acaban por ser desacougantes para o leitor.
Ora ben, se do ponto de vista da organización da narrativa, os textos se situan nun “limbo” teórico, as formas de verbalización, o que vulgarmente coñecemos por “estilo” rompen tamén os esquemas, preconceitos talvez, do relato galego actual. Entre a ironia mais aceda e unha certa ternura na apresentación das personaxes marxinais ou marxinalizadas (non é especialmente tenra a referéncia ao daltonismo do fillo maior do duque de Nemours que nos relata no último texto do libro?). Entre o humor cruel e corrosivo e unha crítica, ora subtil ora descarada, de formas de pensamento e de comportamentos do noso mundo instábel e desconcertante, o “limbo” onde se situan estes textos, provoca no leitor o desasosego de non saber onde se encontra: na verdade ou na mentira, no real ou no fantástico, no reaccionário ou no revolucionário, no pracer ou no despracer, no ódio ou no amor, no ceu ou no inferno... un “limbo”, en definitivo, onde agardamos unha (imposíbel) resurrección final e que se fai, asi, un “limbo permanente”.
Un libro, experimento literário, que se pretende colmatar, definir (“medir”) de forma exaustiva (“definitiva”), mas onde o carácter taxativo (declarativo) dese sintagma inicial é negado polos finais en aberto, por veces epifonemáticos que constituen nesa abertura non só interpretativa como tamén construtiva, mais un paradoxo que, barrocamente, nos reclama a escrita de XLMP.
Textos desacougantes para un mundo desacougante, textos incompletos para un mundo que perdeu os seus referentes éticos, ideolóxicos, estéticos e outros que lle daban a seguranza necesária para travesias que conducen a un nada convertido en alfa e omega da aventura criativa. O nihilismo que daí se desprende e que parece ser reivindicado é a proposta do autor que lle permitirá a salvación pseudo-relixiosa dun desencanto finisecular e raivosamente contemporáneo.
Asi, a “ficción de erudición”, que é un recurso que dá un cuño orixinal á escrita de Pereiro vai colocando o leitor perante a sua própria ignoráncia e a mentira que de aí se infere pon-no diante das suas próprias mentiras.
É por todo iso que estou a dicer, polo que considero que Medición definitiva do Limbo, é un libro posmoderno, no seu sentido mais profundo: no da manifestación do rexeitamento da razón totalizante que dominou até os nosos dias o pensamento occidental.
Posmodernidade dun país e unha literatura que, posibelmente, non teñan pasado pola modernidade ou só parcelarmente por ela teña andado (e iso é mais un paradoxo); camiños de volta para unha literatura que talvez non teña feito os de ida... e o pracer agochado en cada un destes pequenos textos que como arañas laboriosas van tecendo e “medindo” a magnífica tea de araña na que ficamos presos.
Leitura, pois, recomendábel para quen pensar que por tras dun sorriso ou mesmo dunha gargallada pode ocultar-se o tremendo drama dunha incomunicación.
Reseña a Medición definitiva do Limbo, Espiral Maior, A Coruña, 2000.
Publicada no Semanario A Nosa Terra, Vigo, pp. 27-28, nº 953 de 21 de setembro de 2000.