COMO OS AMANTES DE MONBÒSC
Agora sei que permaneceremos na historia como os amantes de
Monbòsc
e que o noso amor, igual có deles, está gravado no tempo
coa tinta indeleble que os dous creamos.
Ninguén será capaz de atopar un só poro indefenso entre nós:
non hai dúbida, nin rancor, nin reproche, rendidos xa a descubrirnos,
que o amor está por riba da fraxilidade da mente e do corpo
se humildes aceptamos a súa inocencia, a súa maxestade.
¿Cómo non crer na eternidade senón pola grandeza de atoparnos?
Non haberá elexía nin portas que se abran:
tendidos nun leito de pedra ou voando entre soutos,
o debuxo do teu corpo no meu sobrevivirá ó accidente da morte,
e será igual de libre e poderosa a enerxía do home e muller,
valentes guerreiros inmortais, que somos.