Vexa aquí as actas das Xornadas
Coa coordinación de Isidro Novo e Antonio Reigosa, vogais da Aelg por Lugo e de Literatura de Tradición Oral respectivamente, a Asociación dá continuidade a unha iniciativa que pretende concederlle a importancia que merece a esta parte fundamental da literatura, desta volta facendo unha ampla reflexión sobre a presenza da figura do lobo na literatura de tradición oral.
Alén de convidar os centros de ensino a asistiren, editáronse as actas cunha tiraxe de 750 exemplares co contido dos relatorios, e anexáronselles cadanseu DVD co desenvolvemento dos relatorios e mesas redondas. As actas enviáronse a 144 centros de ensino da provincia de Lugo, para serviren como material de apoio para os docentes; a 102 bibliotecas de todo o país; a 399 socios e socias da AELG, así como aos relatores das xornadas precedentes, para manter un elo de contacto e darlle así máis difusión aos contidos entre xente especializada. Así mesmo, este material foi disposto na web da Aelg, tal como sucedeu na primeira e segunda edición.
As xornadas desenvolvéronse no Salón de Actos da Deputación de Lugo, os días 5 e 6 de novembro.
Os relatores foron Marcial Gondar (Santiago de Compostela), Joan Soler (Cataluña), Camiño Noia (Vigo) e Xoán Ramiro Cuba (Lugo). Que configuran un elenco máis que capacitado para achegar a Literatura de Tradición Oral aos/ás participantes.
Os relatores deron cadansúa conferencia e así mesmo participaron en grupos de dous nunha mesa redonda, segundo o seguinte:
PROGRAMA
As narrativas sobre a morte na cultura tradicional galega: estratexias de posta en valor (conferencia)
Marcial Gondar Portasany
Da morte á Morte na cultura popular catalá (conferencia)
Joan Soler i Amigó
A morte pre-vista (mesa redonda)
Marcial Gondar Portasany e Joan Soler i Amigó
Moderador: Antonio Reigosa
Representacións da morte na narrativa oral (conferencia)
Camiño Noia
Ánimas, aparecidos e mortos en compaña na tradición galega (conferencia)
Xoán Ramiro Cuba
Mortos de ida e volta (mesa redonda)
Camiño Noia e Xoán Ramiro Cuba
Moderador: Isidro Novo
Estas III Xornadas de Literatura de Tradición Oral tiveron como lema Mitoloxía da morte: agoiros, ánimas e pantasmas. Convocáronse especialistas que desde a antropoloxía, a lingüística ou a investigación da literatura de tradición oral e da mitoloxía popular, achegasen os seus diferentes e complementarios puntos de vista sobre un tema tan basto e, ao tempo, atractivo.
Marcial Gondar Portasany ilustrounos sobre as narrativas e estratexias arredor da morte, confrontando as diferentes maneiras en que as sociedades tradicionais, coma a galega rural e mariñeira, e a urbana actual conducen o transo definitivo. Falounos dos protocolos ditados pola tradición para xestionar a angustia, fórmulas solidarias, patrimonio do grupo, da colectividade, e dos que se usan as nosas sociedades modernas nun intento inútil por agachar o paso da Morte desde a privacidade e a soidade.
Joan Soler i Amigó informounos sobre parecidos e singularidades sobre o tema na Cataluña tradicional e na actual, comentando representacións teatrais de tanto interese coma La Dansa de la Mort, que se desenvolve cada ano desde moi antigo na cidade de Verges.
Camiño Noia Campos iluminounos sobre a Morte presente en moitos contos tradicionais de noso e da tradición oral universal. A través de numerosos exemplos amosounos como a personificación dun ser abstracto como a Morte tivo e segue a ter un afán moralizante e de gran efecto didáctico.
Xoán Ramiro Cuba conduciunos polo esvaradío e amplo, inmenso mundo imaxinario das ánimas e dos aparecidos na tradición galega, esas que se nos poden presentar calquera noite en calquera lugar, sen previo aviso, individualmente ou en grupo ‑en Compaña‑, sempre para negociar connosco algunha contraprestación.
As dúas mesas redondas permitiron dar resposta a moitas interrogantes do numeroso público que asistiu a estas xornadas e que tamén achegou información de grande interese para seguir afondando no coñecemento desta divindade que se arroga o papel de intermediaria inexorábel, irrecusábel, entre o mundo dos vivos e o dos mortos.
Descargue aquí o programa en formato .pdf
Vexa aquí o discurso inaugural do Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez.
A MORTE
É unha divindade temida pero xusta, que fai a todos iguais. Nos contos populares a Morte é o padriño perfecto (fixémonos en que é de xénero masculino, un deus masculino, coa imaxe típica de Cronos: un esqueleto cunha gadaña. A Morte é, en realidade, un morto). A xente non quere de padriños nin a Deus nin ó Demo, pois admiten recomendación e teñen dúas varas de medir. Ás veces a Morte duplícase en dúas irmás, unha branca e outra negra. (Pero en realidade son dous irmáns).
A Morte avisa sempre da súa chegada (Avisos de Morte), vai de branco (Morte Branca) para dar o tempo que os homes precisan para axustar contas e despedírense. De aí esa sorprendente serenidade dos moribundos conscientes. Pero anda enloitada (Morte Negra) cando vai facer o seu traballo verdadeiro. Aquí vese ben que branco e negro son dúas cores fatídicas.
Danse casos nos que a Morte é tan respeituosa con quen vai levar que, se está deitado en sabas de cánabo ou ten a roupa lixosa, non o leva ata que o mudan.
O feito de morrer na Galicia rural, non na urbana nin na semiurbanizada, aínda segue sendo un transo sereno, a non ser por desgrazaa ou enfermidade penosa. Cóidase e respéctase o bo morer. Ponse atención nos preparativos relixiosos, pero tamén se atenden outros costumes máis antigos que tratan de afastar a alma dos perigos que a agardan no seu camiño. E é que o demo anda ó axexo.
Sábese que a ánima aínda pode rondar a casa moito tempo, se cadra tanto como haxa memoria do morto na familia.
Alguén, avisado con precisión do día e da hora no que a Morte ía vir por el, decidiu esquivala índose á taberna. Mais cando a Morte pasou pola casa e lle dixeron que ía de viaxe, contestou:
-Pois eu non fago a viaxe en van. De baleiro non me vou, así que vou ata a taberna a ver se levo algún dalí.
E atinou, que levou o mesmo que viñera buscar.
Ténselle tanto medo que nos contos populares, se cadra de xeito frívolo, adoita contarse que un matrimonio porfía sobre a súa chegada, pero, mentres non hai perigo, cadaquén aparenta non terlle medo. Mais cando aparece, simulada por un galo pelado ou por outro bicho, as dúas partes sinalan a outra como primeira víctima dela.
A señora que chora a morte do marido de corpo presente, aproveita cando non hai ninguén no velorio para facer unha tixolada de liscos. Ponse a comelos xusto no momento no que entra un veciño a darlle o pésame e ten que escondelos debaixo da maseira. O gato, amparado na forzada compostura da ama, vainos papando tranquilamente mentres ela chora.
-¡Ai, Mundo, Mundo, como os vas levando! ¡Un a un e dos mellores!
O conto remata dicindo que Mundo é o nome do gato. Os galegos rin de todo: dos demais, de si mesmos e ata da morte.
X. Cuba, X. Miranda e A. Reigosa, Diccionario dos seres míticos galegos, Xerais, 1999.