26 de outubro de 2019
Unha iniciativa da AELG co apoio da Deputación Provincial de Lugo e a colaboración da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega
Foto da actividade

Sempre existiu unha literatura oral pensada para cantar, adaptable a melodías en función do uso social. Desde os cantos de traballo aos festivos, os de Entroido ou os propios do Nadal, os das romaxes ou os romanceados con historias tráxicas ou cómicas.
Con Rimas e letras da música popular. Do Romanceiro tradicional ao bravú pretendemos conectar esas dúas realidades creativas, contextualizando temas, usos e supervivencia destas manifestacións.

Para recuperar pero, sobre todo, para actualizar ese saber herdado, nesta duodécima edición da Xornada de Literatura de Tradición Oral tentamos, cos coñecementos e investigacións de recoñecidas/os especialistas na materia, propoñer unha reflexión ao conxunto da sociedade sobre a evolución da nosa cultura popular.

 

Programa

10.15 Recepción, entrega de material e inauguración

10.30-11.30 Conferencia: O romanceiro tradicional e a cultura galega: identidade, língua e normalização
José Luís Forneiro

11.30-12.30 Conferencia: O romance tradicional; relación entre texto e melodía.
Dorothé Schubarth

12.30-14.00 Mesa redonda: Romances con rima e melodía. Supervivencia do xénero
José Luís Forneiro e Dorothé Schubarth
Coordina: Antonio Reigosa

16.00-17.00 Conferencia: Novas formas na música popular: Da romaría á festa. Da movida ao bravú
Xurxo Souto Eiroa

17.00-18.00 Conferencia: A pegada da violencia contra as mulleres nas cantigas da montaña luguesa
Branca Villares Naveira

18.00-19.30 Mesa redonda: Os camiños incertos da canción. Lingua e música popular no século da globalización
Xurxo Souto Eiroa e Branca Villares Naveira
Coordina: Lois Pérez

19.30-20.30 Sesión práctica: Transmisión oral na música tradicional no século XXI: A Tradescola de Lugo e a Asociación de Gaiteiros Galegos
Interveñen alumnado e profesorado da Tradescola, Escola de Música Tradicional (Lugo)

 

Descrición detallada do programa


10.15 Recepción, entrega de material e inauguración

10.30-11.30 Conferencia: O romanceiro tradicional e a cultura galega: identidade, lingua e normalización.
José Luís Forneiro

Orixe, tipoloxías e linguas de expresión do romanceiro tradicional. Un repaso á historia do romanceiro popular, influencias e canles de difusión popular.

José Luís Forneiro (Professor Titular de Língua Portuguesa na Universidade de Santiago de Compostela).
Licenciado e Doutor em Filologia Hispânica pela Universidade Autónoma de Madrid, foi colaborador do Seminário Menéndez Pidal da Universidade Complutense de Madrid e da Fundação Menéndez Pidal (1984-1999); do projecto interuniversitário poesiadigital.org (ISSN 2340-44X), base de dados e repositório digital (2009-2011); desde 2014 do Grupo de Investigación Valle-Inclán da Universidade de Santiago de Compostela; e na actualidade é o pesquisador principal do projecto interuniversitário El Romancero: Nuevas perspectivas en su documentación y estudio. Autor de diversas publicações relativas à literatura tradicional galega, sobretudo ao romanceiro da Galiza, em que salientam os livros El romancero tradicional de Galicia: una poesía entre dos lenguas (2000) e Allá em riba un rey tinha una filha. Galego e castelhano no romanceiro da Galiza (2004). Nos últimos anos está a pesquisar nas relações entre a literatura escrita e a literatura oral na Galiza desde o século XVI, na difusão do romanceiro tradicional fora da Península Ibérica, e nas lendas urbanas em Moçambique.


11.30-12.30 Conferencia: O romance tradicional; relación entre texto e melodía.
Dorothé Schubarth

O romanceiro interpretado con acompañamento musical formou e forma parte da nosa tradición. Grazas á ampla experiencia da relatora como recompiladora, ademais de destacada musicóloga e investigadora, posibilita coñecer o pasado e o presente deste xénero na nosa cultura popular.

Nacida 1944 en Basilea. Estudou teoría de música e composición en Basilea, München e Köln. Profesora en Luzern e Basel. Á vez estudou música popular do leste e oeste de Europa. Asistiu nas xornadas do International Council for Traditional Music. Fixo traballos de campo en países balcánicos, na rexión occitana de Francia e en varias rexións de España. Chegou no ano 1978 a Galicia, onde descubriu que era unha área especialmente rica e interesante. Dous anos despois, Antón Santamarina propúxolle coleccionar e estudar o canto popular galego de maneira sistemática e así fíxose, xunto con el, o Cancioneiro Popular Galego, e tres escolmas con Cántigas Galegas. Os estudos do tesouro de cántigas (melodías e textos) paralelamente ós estudos interétnicos achegárona cada vez máis a un mundo arcaico. De alí tamén xurdiu o libriño Os cantos do mar.

12.30-14.00 Mesa redonda: Romances con rima e melodía. Supervivencia do xénero.
José Luís Forneiro e Dorothé Schubarth

Coordina: Antonio Reigosa
A conxunción das reflexións dos dous investigadores permitirá ao público asistente afondar nas formas tradicionais, tanto dos textos como das melodías asociadas arredor do romanceiro no pasado, no presente e as perspectivas de futuro.


16.00-17.00 Conferencia: Novas formas na música popular: Da romaría á festa. Da movida ao bravú
Xurxo Souto Eiroa

As músicas, xunto coas letras, van e veñen, circulan canda a xente dun a outro lado do mundo. A migración galega trouxo e levou músicas e letras, adaptou melodías para cantar e bailar, e tamén creou formas r mesmo xéneros autóctonos.

Músico e escritor, licenciado en filoloxía clásica.
Foi fundador do conxunto bravú Os Diplomáticos de Monte-Alto, na actualidade é vocalista da Banda Xangai. 
No eido das músicas populares ten desenvolto diferentes traballos audiovisuais: Na Radio Galega conduciu o programa “Aberto por Reformas” (2005/2009), dedicado a artistas emerxentes en lingua galega. Dirixiu o documental “Un crooner da fin do Mundo”, sobre a figura de Pucho Boedo (2003, TVG). E a serie de programas “Repichoca”, dedicado a músicos populares (2001, TVE en Galicia). Dentro da colección “Fotobiografías Sonoras” (Ouvirmos) realizou traballos monográficos sobre a relación entre a música e a poesía na obra de Celso Emilio Ferreiro, Manuel María e Lois Pereiro. 


17.00-18.00 Conferencia: A pegada da violencia contra as mulleres nas cantigas da montaña luguesa
Branca Villares Naveira

A cuestión do xénero é un aspecto fulcral á hora de analizar a evolución do romanceiro.

Naceu en Lugo no 1980. Filla de gaiteiro e de formación musical maiormente autodidacta, a  comezos dos 90 formou parte dos Colectivos Culturais María Castaña e Reviravolta de Lugo. Despois, durante case 10 anos en Liñaceira, referente para ela na experimentación vogal e nas percusións, traballando sempre coa música galega e portuguesa como base.
Ao longo dos anos, foi percorrendo a montaña lucense, e outras partes do país,  aprendendo ritmos e melodías de man das mulleres e homes que de vello os interpretaron (informantes e grandes mestres), cunha especial querencia polas culturas  raianas e a vertente sociocultural e lúdica da música.
Leva colaborado con multitude de iniciativas de divulgación e socioculturais, teatro, didáctica para a rapazada e formacións corais, contemporáneas, orquestrais, jazz, rock... e entende que as pandereteiras son cultura viva, capaces de enriquecer todas as expresións musicais posibles, comezando pola propia. E pra iso, segue aprendendo a diario.
Fixo parte de Eudemónicas e imparte aulas de Canto tradicional e  Pandeira, pandeiro e pandeireta, así coma de iniciación musical para alumnado novo en diferentes escolas municipais e colectivos culturais da provincia.

18.00-19.30 Mesa redonda: Os camiños incertos da canción. Lingua e música popular no século da globalización.
Xurxo Souto Eiroa e Branca Villares Naveira

Coordina: Lois Pérez
Rematado o "século das cancións", a música popular galega e as súas manifestacións na nosa lingua dispóñense a atravesar un tempo dominado pola globalización e o auxe tecnolóxico. Un tempo de oportunidades pero tamén de riscos para as linguas minorizadas e as súas expresións na cultura tradicional. 

19.30-20.30 Sesión práctica: Transmisión oral na música tradicional no século XXI: A Tradescola de Lugo e a Asociación de Gaiteiros Galegos
Interveñen alumnado e profesorado da Tradescola, Escola de Música Tradicional (Lugo)

A Tradescola de Lugo é un centro de formación de baile, música e canto tradicional. Coñeceremos o seu funcionamento, as materias que imparten (gaita, requinta, zanfona, linguaxe musical, acordeón, pandeireta...) e veremos na práctica unha serie de mostras a través dunha representación do seu alumnado máis avantaxado.

En Novembro de 2008, xestionada pola Asociación de Gaiteiros Galegos,  botou a andar en Lugo a Tradescola, unha escola de música tradicional especializada cunha proposta educativa que busca a formación integral para todas e todos aqueles que queiran achegarse á música tradicional con diferentes obxectivos e pretensións, e que lle permite ao alumnado adquirir unha formación integral na música e no baile tradicional. Coa intención de complementar a formación do alumnado, a maiores das clases semanais impártense cursos monográficos e outras actividades vencelladas coa difusión da cultura tradicional, co obxectivo de ofrecer formación complementaria ao profesorado das asociacións da bisbarra, ao seu alumnado, así como a todas as persoas interesadas na música tradicional.