Pode descargar aquí o programa.
Vexa aquí a intervención da Presidencia da AELG
Crónica de Armando Requeixo en Criticalia:
Organizadas pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) en colaboración coa Asociación Socio-Pedagóxica Galega (ASPG), estas xornadas reuniron un escolleito grupo de didactas, estudosos, creadores e críticos literarios que, organizados en diversas mesas redondas, analizaron diferentes aspectos relacionados co presente e o posible futuro da nosa literatura nos centros educativos.
A conferencia inaugural da xuntanza correu a cargo do escritor Xosé Miranda quen, co seu oficio e saber característicos, disertou con construtiva retranca sobre “Que vén sendo iso de ensinar literatura?”, ofrecendo unhas moi útiles “Instrucións de uso para docentes nos biosbardos”.
A mesa redonda que seguiu estivo coordinada por Mercedes Queixas Zas e nela participaron o narrador Antón Riveiro Coello, o poeta Xavier Seoane e mais a estudosa Pilar Ponte Patiño quen, dende ancos complementarios, abordaron o complexo tema “A literatura galega nas aulas do século XXI” centrándose nas que cada un deles crían podían ser axeitadas “Estratexias de sedución” coas que atraer o alumnado e facer agromar nel o pracer da lectura.
Para rematar coas actividades deste primeiro día Queixas Zas levou a cabo unha suxestiva “Presentación do Espazo didáctico virtual da AELG” na que deu noticia do grande número de recursos que a asociación ofrece ao profesorado na súa web, na que é posible atopar unidades didácticas, obradoiros literarios, roteiros e outros materiais de grande proveito para o traballo nos centros.
A xornada sabatina principiou cunha mesa centrada nos “Tópicos, prexuízos e puntos de fuga” que tiven o pracer de moderar e na que participaron a ensaísta e especialista en bibliotecas escolares Pilar Sampedro Martínez, o profesor e narrador Manuel Lourenzo González (recentísimo gañador do Premio Blanco Amor) e mais o escritor e editor Fran Alonso. Todos tres achegaron unha moi ampla panorámica sobre do tema proposto e, amais de combater os numerosos lugares comúns cos que tantas veces se simplifican as cuestións referidas a este asunto, foron respondendo tamén múltiples interrogantes e expoñendo cales podían ser as actitudes coas que afrontar os retos que se abren para o seu futuro.
A mesa coa que se pechou a mañá tiña designado como coordinador o escritor Marcos Calveiro e como relatores convidados o profesor R. Nicolás, o narrador e teórico do feito literario infantoxuvenil Xabier P. Docampo e mais a escritora Marilar Aleixandre. Os catro articularon intervencións nas que se ocuparon dos “Itinerarios lectores durante a adolescencia” e, sobre todo, dos “Criterios de selección” dos mesmos, deténdose en espiñentos temas como, poño por caso, a importancia da educación en valores á hora da selección de títulos para o alumnado ou a (in)conveniencia de tratar certos tabús nas obras literarias que a este se destinan.
A quenda da tarde comezou cunha nova mesa redonda, desta volta a propósito do tema “Os ‘irmáns pequenos’ no universo da aula: a poesía, o teatro e a literatura de tradición oral”. Coordinados polo escritor Carlos Negro —quen fixo de cada un deles unha magnífica presentación en verso—, a dramaturga Teresa González Costa, o poeta Antonio García Teijeiro e mais o narrador e investigador Antonio Reigosa ocupáronse, respectivamente, do papel que o teatro, a poesía e a literatura de raiceira e tradición popular podían (e deberían) xogar nas aulas, equilibrando, así, a súa presenza coa escrita narrativa, xénero preferente para o traballo do profesorado.
Como despedida das xornadas, a mesa “A escola e outras literaturas: álbum ilustrado, novela gráfica e banda deseñada”, moderada por F. Castro, reuniu as profesoras Gracia Santorum e Ánxeles Abelleira e mais o artista gráfico e ilustrador Jacobo Fernández Serrano para reflexionar sobre as posibilidades que o mundo do cómic e outras fórmulas visotextuais ofrecen no proceso de aprendizaxe do noso alumnado.
O considerable número de asistentes (que se achegou ao centenar), así como a intensa participación nos debates que se suscitaron tras cada unha das mesas redondas entre o público e os relatores dan fe do interese certo que estas I Xornadas de Literatura e Ensino, meritoriamente organizadas pola AELG coa colaboración da ASPG, espertaron entre a comunidade educativa, polo que haberá que facer votos para que nos vindeiros anos a iniciativa se consolide.
Modalidade formativa: Curso
Obxectivos previstos:
- Reflexionar sobre a necesaria revisión e actualizar da transmisión didáctica da literatura no ensino obrigatorio e posobrigatorio.
- Valorar a literatura galega, a través da súa historia, como unha ferramenta clave para a adquisición da necesaria competencia lingüística adaptada a cada nivel/etapa educativa.
- Adecuar a diversidade metodolóxica literaria aos novos tempos educativos.
- Achegarse aos contidos didácticos e interactivos que as TIC ofrecen para o profesorado.
- Coñecer o Espazo Didáctico que a AELG ofrece aos profesionais do ensino, en particular, e á sociedade, en xeral.
- Reflexionar sobre os criterios de selección e o estabelecemento de canons literarios orientativos para o ensino da literatura.
- Concienciarse da necesidade de estimular creativamente, na escrita, o alumnado.
- Coñecer e analizar as estratexias de sedución que faciliten a descuberta e o achegamento á literatura por parte do público infanto-xuvenil.
- Partillar e debater directamente sobre orientacións e estratexias de achegamento literario para a infancia e mocidade xunto con escritores e escritoras da literatura galega.
Contidos:
18 DE NOVEMBRO
16:30 Conferencia inaugural: Que vén sendo iso de ensinar literatura? Instrucións de uso para docentes nos biosbardos, por Xosé Miranda.
17:30 Mesa redonda: A literatura galega nas aulas do século XXI: estratexias de sedución
Participan:
- Antón Riveiro Coello
- Xavier Seoane
- Pilar Ponte Patiño
Coordina: Mercedes Queixas Zas
19:00 Presentación do Espazo didáctico virtual da AELG, por Mercedes Queixas Zas
19 DE NOVEMBRO
10:30 Mesa redonda: A literatura infantil e xuvenil en Galicia: tópicos, prexuízos e puntos de fuga
Participan:
- Pilar Sampedro
- Manuel Lourenzo González
- Fran Alonso
Coordina: Armando Requeixo
12:00-12:30: Pausa-café
12:30 Mesa redonda: Itinerarios lectores durante a adolescencia: criterios de selección
Participan:
- Ramón Nicolás
- Marilar Aleixandre
- Xabier P. Docampo
Coordina: Marcos Sánchez Calveiro
16:30 Mesa redonda: Os “irmáns pequenos” no universo da aula: a poesía, o teatro e a literatura de tradición oral
Participan:
- Antonio García Teijeiro (poesía)
- Teresa González Costa (teatro)
- Antonio Reigosa (literatura oral)
Coordina: Carlos Negro
18:00 Mesa redonda: A escola e as outras literaturas: álbum ilustrado, novela gráfica e banda deseñada
Participan:
- Gracia Santorum
- Ánxeles Abelleira
- Jacobo Fernández Serrano
Coordina: Francisco Castro