23 de novembro de 2019
Organizada pola AELG coa colaboración da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega, co patrocinio do Concello da Coruña, Deputación Provincial da Coruña e CEDRO, e a colaboración da Universidade da Coruña
Foto da actividade
IV Xornada da Sección de Literatura Dramática da AELG
Cartografías da palabra en acción

 

As xornadas da Sección de Literatura Dramática da AELG naceron con vocación de poñer en foco unha das manifestacións artísticas máis senlleiras e estratéxicas dun sistema literario e dunha cultura de seu.

A Literatura Dramática, na súa evolución estilística a través da historia, configúrase como un xénero multiforme onde a palabra artella partituras de accións destinadas aos palcos da imaxinación lectora e, de ser posible, ao xogo dos palcos teatrais. Máis que de filoloxía deberiamos falar de dramaloxía, no sentido de que os parámetros fundamentais de composición da literatura dramática especulan coa arte da acción (drama, etimoloxicamente significa acción). Falar da palabra en acción, e do movemento que esta pode implicar, leva o xénero da Literatura Dramática a mesturarse coa poesía, a deseñar pezas paisaxe, a poñerlle texto á danza ou ao circo e, por suposto, a representar historias con personaxes que fagan de espello dos aspectos máis candentes da actualidade.

A Literatura Dramática é un filón de alto potencial, que en Galiza segue a manterse case no esquecemento. Por iso cómpre deseñar encontros e actividades que exploren e poñan en valor a Literatura Dramática Galega actual, enfocada nas súas múltiples virtudes de cara ao Ensino, porque no Ensino, con maiúsculas, está o futuro.

Por outra banda, un dos elos fundamentais desta IV Xornada foi servir como viveiro e estímulo para as creadoras e creadores que, nestes momentos, están a escribir ou a bosquexar algún tipo de peza para os palcos. Cómpre facilitar, visibilizar, abrir espazos de encontro para compartir eses procesos de creación e para atopar unha complicidade e un diálogo que poida potenciar esas pezas en construción. Coa alegría dun nacemento, celebrámolo a xeito de festival e chamámoslle Pezas dun Teatro do Porvir, Galiza + Portugal, que, para este 2019, ampliamos a 6 proxectos que foron amosados e compartidos en público. Ademais, procuramos o diálogo coas inquedanzas que, neste ámbito, podemos compartir coas dramaturgas e dramaturgos de Portugal, reforzando os lazos de irmandade que se remontan á orixe común da nosa lingua. Para promover as sinerxías e o diálogo, abrímonos, neste II Festival Pezas dun Teatro do Porvir, Galiza + Portugal, a unha proposta do país veciño.

Así pois, nesta IV Xornada de Literatura Dramática 2019. Cartografías da palabra en acción, mostrouse a presenza da literatura dramática galega na actualidade, tanto no ámbito do ensino como a través doutras canles de comunicación como a edición ou a programación teatral. E, por outra banda, facilitáronse os procesos de creación en curso, no marco galego, en relación co portugués, colaborando no seu impulso.

 

Tivo lugar o 23 de novembro de 2019 no Espazo Normal (Paseo de Ronda, 47 -como chegar-) | A Coruña, con entrada libre.

 

 

PROGRAMA

 

O programa foi o seguinte:

Mañá

09:45 Apertura da IV Xornada.

Esta foi a intervención da presidencia da AELG.

10:00 Mesa redonda A literatura dramática nas aulas.

Presentación e moderación: Olivia Pena.

Participan: María Vilariño e Manuel F. Vieites.

11:15 Mesa redonda A difusión da literatura dramática hoxe.

Presentación e moderación: Carlos Labraña.

Participan: Inma Doval e Manuel Xestoso.

12:30 Aula maxistral a cargo de Fernando Matos Oliveira​.

Aberta a todas as persoas interesadas. O autor, cun amplo coñecemento como estudoso e crítico da dramaturxia portuguesa contemporánea, falou sobre o papel da literatura dramática na configuración dunha cultura diferenciada e os camiños da dramaturxia portuguesa de onte a hoxe.

 

Tarde

Entre as 16:30 e as 20:30 Festival Pezas dun teatro do porvir ,Galiza + Portugal. Procesos abertos de escrita dramática.

Convocatoria aberta a 6 proxectos de escrita dramática ou dramaturxia, individuais ou colectivos, de dramaturgas/os que estivesen a escribir algunha peza nova ou que teñan unha peza recente e queiran abrila ao público, achegando un fragmento ou mostra desta. Entre os 6 proxectos, seleccionouse tamén un portugués, para comezar a facilitar un intercambio e un diálogo entre as inquedanzas da creación actual galega e portuguesa.

O funcionamento deste festival constou dunha exposición ou mostra dun fragmento da peza ou da peza enteira, no caso de ser breve. Xusto despois, houbo un tempo complementario para un breve debate ou conversa ao seu respecto.

As presentacións fixéronse no formato que cada dramaturga/o ou equipo de dramaturxia considerou máis axeitado á peza ou fragmento da peza que amosou.

No breve debate posterior ás presentacións buscouse coñecer a reacción do público, nun diálogo que, quizais, puido servir para enriquecer, por parte da/o dramaturga/o ou equipa de dramaturxia, o acabado desas pezas en proceso.

Estas foron as pezas escollidas:

 

Coa coordinación de Afonso Becerra de Becerreá, Vogal de Literatura Dramática da AELG, e Cilha Lourenço Módia, da Universidade da Coruña.

Afonso Becerra. Dramaturgo e Director de escena. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Arte Dramática na Escola Superior d’Art Dramàtic do Institut del Teatre de Barcelona, na especialidade de Dirección Escénica e Dramaturxia. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturias. Premio Álvaro Cunqueiro de obras teatrais da Xunta de Galicia. Exerce a docencia na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.

Ademais de artigos e colaboracións en diversos volumes colectivos, ten publicado, como dramaturgo e ensaísta, as seguintes obras: Textículos dramáticos e posdramáticos (Laiovento, 2013 e 2014), Roberto Vidal Bolaño e o xogo do teatro (Laiovento, 2012), "9999", no libro Banqueiros, coordinado por Francisco Pillado Maior (Laiovento, 2012), Dramatículas (Laiovento, 2010), É un dicir (Revista das Letras. Nº 833. 19/08/10. Galicia Hoxe), Crio-Xénese (Laiovento, 2007), Dramaturxia. Teoría e práctica (Galaxia, 2007), Rexurdimento (RGT, 2006), O ritmo na dramaturxia (Universidade da Coruña, 2005) e Agnus Patris (Xerais, 2002).

En 2009 fundou, xunto a Ana Contreras, a compañía Ónfalo Teatro. Pertence ao Consello de Redacción da RGT (Revista Galega de Teatro). É colaborador da revista de artes escénicas ARTEZ e de El Periódico de las Artes Escénicas y Visuales ARTEZBLAI. Foi corresponsal de Primer Acto. Foi membro da AICT (Asociación Internacional de Crítica Teatral), da ADE (Asociación de Directores de Escena). Do 2006 ao 2009 formou parte do Consello Asesor do CDG (Centro Dramático Galego).

 

Cilha Lourenço Módia (1974, A Coruña). Licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela, traballa como profesora interina na Universidade da Coruña. Destaca o seu labor de investigación sobre a dramaturxia galega contemporánea.

Individualmente ten publicado o ensaio O Teatro Circo na configuración do Teatro Independente Galego (1967-1978) (2013, Laiovento), e editado o libro Teatro Circo. Tres textos (2010, Deputación da Coruña). Ten publicadas, entre outras, as seguintes obras colectivas: Talía na crónica de nós: dez anos de teatro galego (1990-1999) (2000, Abano, Ourense); O ideario teatral das Irmandades da Fala. Estudio e antoloxía (2002, Deputación da Coruña) e Actas do Congresso Jenaro Marinhas del Valle (2009, AGAL).

 

Olivia Pena. Licenciada en Tradución e Interpretación e mais en Filoloxía Galega, e doutora en Estilística pola Universidade da Coruña, exerce como profesora de Lingua galega e Literatura no ensino secundario. Asentada definitivamente desde hai uns anos en Carballo, a súa vila, dáse a coñecer no teatro case por casualidade con "Verónika penitente", un monólogo que apareceu en Casahamlet por volta do 2008. No ano seguinte, publícase "Frida connection: deconstrución posmodernista" nun volume colectivo Novos autores II dos Cadernos de Tea tro (Laiovento) e presenta un traballo de investigación en Casahamlet, "Cando a dor se converte en universo" (2009), na homenaxe da revista ao dramaturgo Xesús Pisón. Desde entón, colabora exclusivamente para Casahamlet con varios traballos de creación, como Absolut Wonderland: fantasía macerada nunha botella de vodka (2010), Noivado de lúa (e vento) (2011) e Se Martín Machado coñecese a Norman Bates (2012)", que coincide co derradeiro número da revista, ano en que tamén aparece a súa primeira obra longa Plastic dolls show (Laiovento). A última obra publicada ve a luz en 2018 baixo o título de Habitada (erregueté), estreada, en forma de lectura dramatizada, na edición do FIOT en 2019.

 

María Vilariño. Licenciada en Filoloxía Hispánica, en Filoloxía Galega e Diploma de Estudos avanzados en estudos de galego-portugués, francés e lingüística pola Universidade da Coruña, e Máster en Edición pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi bolseira de investigación do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, no proxecto Recuperación de textos poéticos xornalísticos galegos, e actualmente exerce a docencia de lingua e literatura galega en secundaria. As súas liñas de investigación son a Literatura galega do século XX. Interaccións entre o campo literario e outros campos de poder, e Teoría da literatura e estudos culturais. Literatura, identidade e construción nacional. Tamén é coautora de libros de texto de Lingua galega e literatura para a ESO, publicados por Baía Edicións.

 

Manuel F. Vieites. Licenciado en Filoloxía Xermánica e doutor en Filosofía e Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. A partir de 1980, comezou a desenvolver un gran labor como animador teatral, actor, director e estudoso da dramática galega. Entre os seus logros, figura o Taller de Teatro da Escola Popular de Corcubión, a Aula de Teatro da Escola de Profesorado da EXB de Pontevedra (1986-1989), ser o director e mais un dos fundadores dos grupos de teatro infantil Katakrok e Kalandraka, dirixir dous espectáculos (en 1985 e 1986) coa compañía Teatro de Ningures, formar parte dos Consellos de Redacción da Revista Galega de Teatro e da revista ADE-Teatro, dirixir as publicacións Ensaio e o Anuario Galego de Estudos Teatrais, ser profesor da Universidade de Vigo, dirixir o I.E.S. Politécnico de Vigo ou participar na edición da Biblioteca de Teatro posta en marcha pola Editorial Galaxia en 2004. Desde 1996 forma parte da Asociación de Directores de Escena de España e, actualmente, é o director da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.

Entre as súas obras máis salientábeis, figuran: Manual e Escolma da Literatura Dramática Galega (1996, Sotelo Blanco), La Nueva Dramaturgia Gallega. Estudio y Antología (1998, ADE, Madrid), Do Novo Teatro á Nova Dramaturxia (1998, Xerais), Galicia e Residencia Teatral (2001), Crónica do Teatro Galego (2003), A Configuración do Sistema Teatral Galego (1882-1936) (2003, Laiovento) e O Teatro (2004).

 

Carlos Labraña. Arquitecto técnico de profesión, é un dos dramaturgos máis premiados da literatura dramática infantil galega. Comezou a súa relación co teatro asistindo aos cursos de técnica actoral impartidos pola actriz Fusa Guillén. Xuntos fundarían no ano 1988 o Colectivo Garola, dedicado á difusión do teatro infantil galego. Con este colectivo participou na escrita de numerosas pezas de teatro para nenas e nenos, das que podemos salientar: O segredo de Daniel (1998) e A Escada (1994), premiadas na Mostra de Teatro Xeración Nós.

Comezou a súa escrita de maneira individual ou en colaboración cos seus irmáns Sabela e Antón, con títulos como O teatro dos soñosA viaxe de Farrapos ou Esperta, principiño! Froito da colaboración coa Asociación de Amigos do Samaín na recuperación do tallado de cabazas é a obra Indo para o Samaín, traducida posteriormente ao castelán. Coa peza Os sons da buguina resultou finalista do premio Meiga Moira de Literatura Infantil no ano 2006. Foi galardoado en dúas edicións co premio Estornela de teatro para nenos con Teatro de Xoguete (2010) e A pequena compaña (2014), e mención de honra con A fraga das árbores das palabras (2012). Tamén recibiu en tres ocasións o premio O Facho de teatro infantil polas obras Espantallo (2013), Moito Morro Corporation, Sociedade Ilimitada (2014) e Estrela...fugaz? (2015). Con O valo gañou o premio Manuel María de literatura dramática infantil en 2016. Posteriormente publicou A fada pirata (2018), e Estrelecer e A pequena compaña (2019).

Participa activamente na promoción do teatro infantil galego a través de diferentes plataformas, como a Asociación de teatro infantil e xuvenil de España (ASSITEJ), de cuxa directiva formou parte, a Asociación de Literatura Dramática Galega (DRAMATURGA), da que é socio fundador, ou a Asociación Galega de Literatura Infantil e Xuvenil (GALIX), na que coordina un grupo traballo para a elaboración da Guía do teatro infantil e xuvenil galego. Así mesmo, fundou a compañía de teatro Os furabolos para levar á escena as súas obras, e na que desenvolve tamén a súa faceta como actor.

 

Inma Doval. Licenciada en Historia da Arte moderna e Contemporánea e Especialista en xestión da información na universidade e a empresa pola Universidade de Santiago de Compostela. Ten o Mestrado en Literatura, cultura e diversidade pola Universidade da Coruña, e participa actualmente no Programa de doutoramento en Estudos literarios da mesma Universidade. Exerce profesionalmente como bibliotecaria na Biblioteca da Facultade de Ciencias da Educación. Coordina o Clube de lectura e encontros literarios Nébeda (Universidade da Coruña). Artista plástica.

 

Manuel Xestoso. Editor, tradutor e crítico literario e teatral. Traballou para diversas editoriais galegas e españolas. Colaborou en publicacións como A Nosa Terra, Faro de Vigo, Grial e Sermos Galiza. Coautor, xunto con Cid Cabido, do libro de entrevistas Antón Reixa: ghicho distinto, na actualizade é subdirector da Revista Galega de Teatro.

 

Fernando Matos Oliveira. É un dos máis recoñecidos estudosos da literatura dramática portuguesa. Profesor Auxiliar do Departamento de Historia, Estudos Europeos, Arqueoloxia e Artes da Facultade de Letras da Universidade de Coímbra, onde integra a 'Secção de Artes'. As súas principais áreas de interese son: Teorías do Teatro e da Performatividade; Estudos Teatrais e Performativos; Literatura Portuguesa Moderna e Contemporánea. É Director do Teatro Académico de Gil Vicente desde 2001, coordina o Centro de Dramaturgia Contemporânea desde 2012 e a colección Dramaturgia da Imprensa da Universidade de Coímbra.

Doutorado en Literatura Portuguesa, ten publicado ensaios sobre teatro, performance, narrativa e poesía. É autor de O Destino da Mimese e a Voz do Palco: O Teatro Português Moderno (Angelus Novus, 1997), Teatralidades. 12 Percursos pelo Território do Espectáculo (Angelus Novus, 2003) e de Poesia e Metromania. Inscrições Setecentistas (1750-1820) (Diss. Doutoramento, 2008). Organizou e editou a Antologia Poética (Angelus Novus, 1998) e os Escritos sobre Teatro (Cotovia, 2001) de António Pedro. Editou o Nº4 da revista Sinais de Cena, o volume O Melodrama I (Centro de Literatura Portuguesa, 1996, con M. Helena Santana), Ensaios Ruminantes. Sobre a Obra Performativa de Patrícia Portela (Imprensa da UC, 2017, con Thiago Arrais) e Conceitos e Dispositivos de Criação em Artes Performativas (Imprensa da UC, 2018). Foi responsábel da dirección científica e artística dos proxectos Conceitos e Dispositivos de Criação em Artes Performativas (apoios DGArtes, TAGV e CEIS20, 2015-16) e Do Texto ao Storyboard: Práticas de Edição no Teatro Contemporâneo (Apoio DGArtes 2017-2018, programa "Edição Teatral").