24 de novembro de 2018
Organizado pola AELG coa colaboración da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega, co patrocinio do Concello da Coruña, Deputación Provincial da Coruña e CEDRO, e a colaboración da Universidade da Coruña
Foto da actividade
III Xornada da Sección de Literatura Dramática da AELG
A palabra teatral nas aulas

 

 

Fíxose unha revisión da literatura dramática galega dos últimos anos a través das diversas persoas que a protagonizaron e, alén diso, déronse a coñecer proxectos de escrita dramática actual e experiencias próximas que axudaron a abrir os camiños necesarios. Entre eses camiños estivo a exploración das virtudes da literatura dramática no Ensino, xa que se trata de textos que conteñen a partitura de accións para o xogo que afonda nas relacións humanas.

Con estas actividades abertas á cidadanía quíxose contribuír á visibilización do xénero, establecer unha conexión entre os textos para o teatro e as aulas. Tamén ofrecer un espazo de encontro e intercambio de coñecemento para as/os profesionais das artes escénicas e de todas as persoas interesadas nun dos piares dunha identidade cultural plena.

 

Tivo lugar o 24 de novembro de 2018 no Espazo Normal (Paseo de Ronda, 47 -como chegar-) | A Coruña.

 

 


 

PROGRAMA

 

O programa completo foi este:

Mañá

09:45 Apertura da III Xornada.

10:00 Mesa redonda A literatura dramática galega no último cuarto do século XX.

11:25 Mesa redonda O teatro nas aulas.

12:45 Mesa redonda A literatura dramática galega nas primeiras décadas do século XXI.

 

 

Tarde

16:00 Festival Pezas dun teatro do porvir. Procesos abertos de escrita dramática.

Convocatoria aberta a 4 dramaturgas/os que estivesen a escribir algunha peza nova ou que teñan unha peza recente e quixesen abrila ao público amosando un fragmento ou mostra desta.

Tivo lugar unha exposición ou mostra dun fragmento da peza (máximo de 15 minutos), e houbo un tempo complementario para un breve debate ou conversa ao seu respecto (máximo 15 minutos).

As presentacións fixéronse no formato escollido por cada dramaturga á peza que amosou, a través dun fragmento desta.

No breve debate posterior ás presentacións coñeceuse a reacción do público, nun diálogo que, quizais, serviu para enriquecer, por parte das dramaturgas, o acabado desas pezas en proceso.

 

 

18:30 Clase maxistral a cargo de José Maria Vieira Mendes, recoñecido dramaturgo portugués. Presenta: Cilha Lourenço Módia.

Aberto a todas as persoas interesadas. O autor falou sobre as relacións entre literatura e o teatro, centrándose nos textos e contextos no teatro portugués actual, e posteriormente mantivo un coloquio co público asistente.

 

Coa coordinación de Afonso Becerra de Becerreá, Vogal de Literatura Dramática da AELG, e Cilha Lourenço Módia, da Universidade da Coruña.

 

Descrición detallada do programa

 

09:45 Recepción, entrega de documentación e inauguración

 

10:00 Mesa redonda

A literatura dramática galega no último cuarto do século XX

Manuel Lourenzo e Henrique Rabuñal

Breve presentación: Xesús Pisón

 

Nesta mesa contouse coas achegas de dous protagonistas da literatura dramática de finais do século XX (con diferentes perspectivas e idades), en forma de diálogo fluído entre eles, co que o público tivo acceso directo ao testemuño persoal da situación deste xénero naquela época.

 

Manuel Lourenzo (Ferreira do Valadouro, 1943) comeza a súa relación co teatro nos anos sesenta do século pasado, sendo propulsor en Galiza do chamado Teatro Independente, coa creación de grupos como o Facho (1965), Teatro Circo (1967), e do teatro profesional, coa Escola Dramática Galega (1978), a Teatro  Luís Seoane (1980) –sala e compañía–, o Clube Teatral Elsinor (1990) e Casahamlet (1998) –escola e compañía–. Alén diso, traballou para outros colectivos, como Tespis, Teatro do Alvardán, Centro Dramático Galego, Os Quinquilláns ou Uvegá Teatro.

Autor dunha obra dramática e ensaística copiosa –publicada en diversas linguas–, profesor, conferenciante, tradutor, actor e director teatral, Manuel Lourenzo ten recibido numerosos  galardóns, como o estatal de Literatura Dramática (1997), o Premio Nacional da Cultura Galega en Artes Escénicas (2008) e o Premio de Teatro da AELG (2011), e en 2017 foi nomeado Profesor Honoris Causa da ESAD de Galiza.

Entre as súas obras máis destacadas podemos citar Veladas indecentes (1996), O circo da media noite (2001), O glaciar (2005), Eclipses (2006), As horas baixas (2008), Medea dos fuxidos (2009), Concerto (2009), Flores de Dunsinane (2010) Nunca paraíso (2016) ou Suite Artabria (2017).

 

Henrique Rabuñal (1962) é doutor en filoloxía galega pola USC e catedrático de lingua e literatura galegas. Autor das obras A fariña das horas (1998), Poemas da luz e da loucura (1992), O tempo demorado nos marmelos (2000), Ollos negros (2004), O cristal da sede (2006) ou Teatro incompleto (2009), e dos ensaios Textos e contextos do teatro galego (1994), A Coruña na historia (1999), Manuel Murguía (1999), Jenaro Marinhas del Valle, a vida escura (2000), O Padre Sarmiento (2002), Palabra e patria  (2005), Manuel Lugrís Freire (2006), Literatura galega (2007), Xosé Mª Álvarez Blázquez na súa canle secreta (2008), Poemas coruñeses (2008), O teatro en J. Marinhas del Valle (2009) ou Escritos sobre teatro galego (2012).

Colaborou nas obras Volver a Murguía (1998), Estudos dedicados a R. Carvalho Calero (2000), Manuel Murguía (2000), Congreso sobre Manuel Murguía (2001), Diálogos na Casa de Rosalía (2002), Negra sombra (2003), Alma de beiramar (2003), No país da irmandade (2007), Actas do Congresso Marinhas del Valle (2009), Presença de Jenaro Marinhas del Valle (2009), Manuel María: literatura e nación (2009), Vivir na Coruña (2010), de Xurxo Lobato, Ricardo Carvalho Calero (2011), O banco da xente (2012), Roberto Vidal Bolaño (2013), El teatro gallego y el exilio republicano de 1939 (2015), As Irmandades da Fala (1916-1931) (2016), Versos & Formas (2016), Os aforismos do riso futurista (2017), Manuel María (2017) ou Repensar Galicia: As Irmandades da Fala (2017).

 

Xesús Pisón (O Valadouro, 1954). Desde 1980, e sen abandonar definitivamente outros xéneros, vaise centrando na escrita teatral, pola que é coñecido na actualidade. As súas obras son levadas a escena pola Escola Dramática Galega, a Compañía Luís Seoane, Teatro do Alvardán, Clube Teatral Elsinor, Uvegá Teatro, 8díasTeatro, Compañía Casahamlet...

Ademais, o autor ten publicados diversos ensaios sobre literatura e mitoloxía, realiza traballos escenográficos, deseños de vestiario, cartaces de espectáculos, e ilustra libros e revistas de teatro.

Polos seus traballos recibiu diversos premios literarios: canto a teatro, salientan o Premio de Teatro da Escola Dramática Galega e o Rafael Dieste da Deputación da Coruña.

 

 

11:25 Mesa redonda

O teatro nas aulas

Fran Godón e Raquel Castro

Moderación: Rosalía Fernández Rial

 

A mesa abordou as relacións entre a literatura dramática e o ensino, contando coa participación de persoas vinculadas simultaneamente a estas dúas facetas, buscando as sinerxías precisas para o presente e futuro.

 

Fran Godón (A Pobra do Caramiñal), é o director de UT·Tópico Teatro, compañía teatral propia da Asociación Cultural Turbina, da Pobra do Caramiñal. Licenciado en Filoloxía na Universidade de Santiago e posgraduado Especialista en Arte Dramática  na mesma universidade. Traballou teatro universitario en varias compañías, e na propia Aula de Teatro da USC, desenvolvendo a súa maior labor no grupo Teatro no Aramio de Santiago, do que é responsable máximo dende hai catro anos. No 2011 crea a súa propia compañía e a súa primeira montaxe: Baile de sombras, obra estreada en novembro do 2011 en Berlín, e galardoada co premio Xuventude Crea 2012. En 2013 estreou Faust-Box coa súa compañía, obra da súa autoría na que ademais é intérprete. Mentres traballa na creación de novos produtos desenvolve na Pobra o obradoiro P-12, lugar de formación teatral para adolescentes e en Ribeira colabora tamén con persoas afeccionadas ao teatro no seu interese de convertérense en actores e actrices. En 2013 xorde Nó Teatro e gaña o VIII Premio Abrente para textos teatrais que convoca a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia.

 

Raquel Castro (Alxén, Salvaterra de Miño). É licenciada en Filoloxía Galego-portuguesa e Filoloxía Hispánica, ambas as dúas na USC, e traballa como profesora de Lingua galega e literatura no ensino secundario. Dirixe o Grupo de Teatro amador “Ata sempre” de Alxén, Salvaterra de Miño, dende 1999. Escribe obras de teatro tanto para o grupo de adultos coma para o de nenos e nenas, ademais de ser Presidenta da Asociación Teatral de Alxén. Imparte talleres de teatro nos institutos onde traballa, para o alumnado de secundaria, pois considera que o teatro é unha ferramenta fundamental no ensino.

Ten publicadas as obras de teatro A meiga e o emperador, A princesa e o labrego e A Carapuchiña pasa da carapucha vermella. No 2016 saíu, na Editorial Galaxia, As terapias da doutora Ledicia, coa que tivo Mención de Honra nos Premios Estornela de Teatro Infantil (2014) da Fundación Xosé Neira Vilas, e finalista na Gala do Libro Galego 2016 na categoría de Teatro.

En 2017 publicou as novelas: Nº atómico 74, para público xuvenil e Bestiario doméstico, para público infantil (Editorial Galaxia).

 

Rosalía Fernández Rial (Muxía, 1988), é filóloga, doutora en didáctica das linguas e da expresión dramática pola USC e performer. Mais, sobre todo, e desde moi nova, dedícase á escrita. Como poeta publicou os libros: En clave de sol (2009), Átonos (2011), Un mar de sensacións (2012), Vinte en escena (2012, 2014), Ningún amante sabe conducir (2014), Contra-acción (2016) e a antoloxía bilingüe Sacar a bailar. Poesía reunida (2009-2016). No ámbito do ensaio, destaca o seu traballo Aulas sen paredes, un libro-DVD sobre unha metodoloxía innovadora no ámbito da didáctica das linguas que recibiu o Premio á mellor iniciativa bibliográfica da II Gala do Libro Galego en 2017, e como narradora Bonus Track (2018).

 

 

12:45 Mesa redonda

A literatura dramática galega nas primeiras décadas do século XXI

AveLina Pérez, Eva F. Ferreira

Moderación: Afonso Becerra

 

Como continuación da mesa anterior, contáronse con voces relevantes do panorama da literatura dramática deste século, quen afondaron no momento actual deste xénero, indagando tamén no que nos pode deparar o futuro inmediato.

 

AveLina Pérez (Santa María de Oia, Pontevedra, 1969), formada en Dirección de escena e dramaturxia na ESAD, é autora de obras como A que non podes dicir Coca Cola?, Non teño espello no baño (Premio da Audiencia no Premio de Teatro Radiofónico do Diario Cultural), Eu controlo (Premio A pegada do Eco), Os cans non comprenden a Kandinski (texto editado no número 91 da erregueté), Os arroaces son animais sucios e desesperados (premio no I Torneo Dramatúrxico de Galicia), Honey Rose ou a recente gañadora do 13º Premio Abrente, O día no que bicar a terra.

O humor acedo, a culpa, Beckett, a incomunicación e un fondo compromiso social aderezan o imaxinario desta creadora que considera o teatro como o último refuxio.

 

Eva F. Ferreira (O Barco de Valdeorras, 1978) é unha dramaturga e directora de escena galega.

Licenciada en Filoloxía Inglesa, matriculouse posteriormente na Escola de Arte Dramática de Vigo…, e comezou a escribir. Publicou textos na revistas Casahamlet, Núa e Revista Galega de Teatro e na editorial Laiovento. Obtivo o premio de teatro radiofónico do Diario Cultural, no que tamén foi finalista varias veces. Actualmente é directora da Escola Municipal de Teatro de Sober.

 

Afonso Becerra. Dramaturgo e Director de escena. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Arte Dramática na Escola Superior d’Art Dramàtic do Institut del Teatre de Barcelona, na especialidade de Dirección Escénica e Dramaturxia. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturias. Premio Álvaro Cunqueiro de obras teatrais da Xunta de Galicia. Exerce a docencia na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.

Ademais de artigos e colaboracións en diversos volumes colectivos, ten publicado, como dramaturgo e ensaísta, as seguintes obras: Textículos dramáticos e posdramáticos (Laiovento, 2013 e 2014), Roberto Vidal Bolaño e o xogo do teatro (Laiovento, 2012), "9999", no libro Banqueiros, coordinado por Francisco Pillado Maior (Laiovento, 2012), Dramatículas (Laiovento, 2010), É un dicir (Revista das Letras. Nº 833. 19/08/10. Galicia Hoxe), Crio-Xénese (Laiovento, 2007), Dramaturxia. Teoría e práctica (Galaxia, 2007), Rexurdimento (RGT, 2006), O ritmo na dramaturxia (Universidade da Coruña, 2005) e Agnus Patris (Xerais, 2002).

En 2009 fundou, xunto a Ana Contreras, a compañía Ónfalo Teatro. Pertence ao Consello de Redacción da RGT (Revista Galega de Teatro). É colaborador da revista de artes escénicas ARTEZ e de El Periódico de las Artes Escénicas y Visuales ARTEZBLAI. Foi corresponsal de Primer Acto. Foi membro da AICT (Asociación Internacional de Crítica Teatral), da ADE (Asociación de Directores de Escena). Do 2006 ao 2009 formou parte do Consello Asesor do CDG (Centro Dramático Galego).

16:00 Festival Pezas dun teatro do porvir

Procesos abertos de escrita dramática

 

Convocatoria aberta a 4 dramaturgas/os que estean a escribir algunha peza nova ou que tivesen unha peza recente e quixesen abrila ao público amosando un fragmento ou mostra desta

Tivo lugar unha exposición ou mostra dun fragmento ou mostra da peza (máximo de 15 minutos), e contouse cun tempo complementario para un breve debate ou conversa ao seu respecto (máximo 15 minutos)

As presentacións fixéronse no formato que cada dramaturga/o considerou máis acaído á peza, a través dun fragmento desta.

No breve debate posterior ás presentacións coñeceuse a reacción do público, nun diálogo que, quizais, serviu para enriquecer, por parte da/o dramaturga/o, o acabado desas pezas en proceso.

 

 

18:30-20:30 Clase maxistral

José Maria Vieira Mendes

Textos e contextos no teatro portugués actual

Presentación: Cilla Lourenzo Modia.

Posterior coloquio co público

 

Aberta a todas as persoas interesadas. O autor falou sobre as relacións entre literatura e o teatro, centrándose nos textos e contextos no teatro portugués actual, e posteriormente mantivo un coloquio co público asistente.

 

José Maria Vieira Mendes (1976, Lisboa), é un dos máis recoñecidos autores dramáticos portugueses da actualidade.

Formado en Londres e Berlín, destacan as súas obras Dois Homens, Morrer, Crime e Castigo, Lá Ao Fundo o Rio, Chão e T1. No seu traballo como tradutor destacan as versións en portugués de, entre outras e outros, Samuel Beckett, Duncan McLean, Jon Fosse, Harold Pinter, Heiner Müller ou Bertolt Brecht.

O seu traballo no teatro está ligado á compañía teatral Artistas Unidos e ao colectivo Teatro Praga.

Foron producidas, entre outras, as súas obras Dois Homens, Lá Ao Fundo o Rio, T1, Se o Mundo Não Fosse Assim, A Minha Mulher, O Avarento ou A Última Festa, Onde Vamos Morar, Aos Peixes e as pezas curtas Proposta Concreta, Intervalo e Domingo. Máis recentemente escribiu Ana, Padam Padam, Paixão Segundo Max e Terceira Idade.

Algunhas das súas pezas foron traducidas xa para inglés, francés, italiano, castelán, polaco, noruegués, eslovaco, sueco e alemán, con producións en Alemaña e Suecia.

Foi distinguido co Prémio Revelação Ribeiro da Fonte 2000 do Instituto Português das Artes do Espectáculo, Prémio ACARTE/Maria Madalena Azeredo Perdigão 2000 da Fundação Calouste Gulbenkian, Prémio Casa da Imprensa de 2005 para a área de Teatro, e Prémio Luso-Brasileiro de Dramaturgia António José da Silva 2006, atribuído polo Instituto Camões (Portugal) e pola Funarte – Fundação Nacional de Artes (Brasil), pola peza A Minha Mulher.

 

Cilla Lourenzo Modia (1974, A Coruña). Licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela, traballa como profesora interina na Universidade da Coruña. Destaca o seu labor de investigación sobre a dramaturxia galega contemporánea.

Individualmente ten publicado o ensaio O Teatro Circo na configuración do Teatro Independente Galego (1967-1978) (2013, Laiovento), e editado o libro Teatro Circo. Tres textos (2010, Deputación da Coruña). Ten publicadas, entre outras, as seguintes obras colectivas: Talía na crónica de nós: dez anos de teatro galego (1990-1999) (2000, Abano, Ourense); O ideario teatral das Irmandades da Fala. Estudio e antoloxía (2002, Deputación da Coruña) e Actas do Congresso Jenaro Marinhas del Valle (2009, AGAL).