3 de maio de 2014
Co apoio do Concello de Pontevedra e a Consellaría de Cultura

Coa Gala das Letras a AELG continúa perseguindo o obxectivo de seguir presentes, visibles, convocando a cidadanía nunha cita anual ao redor da nosa literatura última, esa que é unha regalía e fai bailar os ollos de orgullo.

Os socios e socias da AELG xa escolleron as obras gañadoras aos premios á mellor obra publicada no 2013 nas modalidades de ensaio, poesía, narrativa, tradución, teatro, blog literario, literatura infanto-xuvenil; tamén á toda unha traxectoria xornalística. Nestes dous últimos casos tamén participaron na elección os asociados-as de Gálix e do Colexio de Xornalistas respectivamente.


Así pois, da conxunción de votos emitidos na segunda quenda resultaron gañadoras as obras marcadas en verde:

 

Blog Literario

§         Caderno da crítica, de Ramón Nicolás

§         Criticalia, de Armando Requeixo

§         Versos e aloumiños, de Antonio García Teijeiro e Antón García-Fernández

 

Ensaio

§         A revolución non vai ser televisada, de Rebeca Baceiredo (Euseino? Editores)

§         Estilística da Lingua Galega, de Xosé Ramón Freixeiro Mato (Xerais)

§         Feminismos, de Olga Castro e María Reimóndez  (Xerais)

 

Literatura Infanto-xuvenil

§         A illa de todas as illas, de Xabier P. DoCampo (Xerais)

§         A pantasma da casa da Matanza, de Miro Villar (Biblos)

§         Todos somos, de Marcos Calveiro (Xerais)

 

Mellor traxectoria de Xornalismo Cultural

§         Ana Romaní

§         Carme Vidal

§         Fran P. Lorenzo

§         Iago Martínez

§         Montse Dopico

 

Narrativa

§         A lúa da colleita, de Anxos Sumai (Galaxia)

§         A memoria da choiva, de Pedro Feijoo (Xerais)

§         O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila (Galaxia)

 

 

Poesía

§         Habitación do asombro, de Miguel Anxo Fernán-Vello (Espiral Maior)

§         Ningún precipicio, de Olalla Cociña (Toxosoutos)

§         Raíz da fenda, de Berta Dávila (Xerais)

§         Sobre ruínas, de Xesús Rábade Paredes (Alvarellos Editora)

 

Teatro

§         Isóbaras, de Gustavo Pernas  (Xerais-Xunta de Galicia)

§         O refugallo, de Paula Carballeira (Xerais-Xunta de Galicia)

§         Obras Completas (Vols. I, II e III), de Roberto Vidal Bolaño (Edicións Positivas)

 

Tradución

§         Desgastei cadeas estrañándote, de Ahmed Arif, traducido por Pepa Baamonde e Irfan Güler (Espiral Maior)

§         Ulises, de James Joyce, na tradución de Antón Vialle, Eva Almazán, María Alonso Seisdedos e Xavier Queipo (Galaxia)

§         Viaxe ao futuro. Relatos de ciencia ficción,  VV. AA., en tradución de Alejandro Tobar (Vicens Vives)

 

Alén destas categorías, os Premios AELG constan doutros tres galardóns outorgados pola Asemblea de Socios e Socias da AELG: 

Premio AELG 2014 "Institucións Culturais"

AELG valorou tamén o impulso dalgunhas institucións na promoción do teatro e, neste sentido, premiou:

Premio "Mestras-es da Memoria" 2014

A segunda edición do premio Mestres e Mestras da Memoria concedeu nesta ocasión a Elba Requeijo e Xavier Blanco, por toda unha  vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional


Escritor Galego Universal
 2014

O escritor Bernardo Atxaga foi o Escritor Galego Universal, galardón que o distingue como autor que combina a excelencia literaria co compromiso ético que o converte en referente na defensa da dignidade humana. O autor vasco ofreceu o día 2 de maio, en Pontevedra, unha conferencia con título “Reaccións ante unha pedra raiada”, e ao día seguinte recolleu o premio na Gala das Letras. Con este nomeamento Atxaga súmase á listaxe conformada por Mahmoud Darwish, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro e mais Lídia Jorge.


No transcurso da gala a AELG tamén entregou a distinción “Bos e Xenerosos”, coa que a  Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega quere recoñecer o esforzo e o compromiso da xente do espectáculo para manter vivos os nosos escenarios nun momento en que os recortes afectan de maneira especial ás programacións culturais. Desta maneira, a AELG premiou representantes de todas os ámbitos da escena galega:

 

Entregáronse tamén os Premios da Crítica Galega, que foron para Anxos Sumai e Berta Dávila por  A lúa da colleita e Raíz da fenda, en narrativa e poesía respectivamente.

Agradecemos a Alfredo Ferreiro, Tati Mancebo e o resto do equipo de Algueirada, Acción cultural na rede, que nos cedesen as fotos  e retransmitisen en streaming a Gala das Letras: 

 

 

Estas foron as palabras do Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias:

 

Benvidos amigos e amigas.

Goberno municipal de Pontevedra representado pola concelleira de Cultura, autoridades, institucións culturais do país. 

Con gratitude especial ao concello de Pontevedra polo seu apoio que fixo posíbel esta celebración das letras.

Hoxe é un día de celebración das obras de creación, dos saberes e oficios que se fixeron escrita ou oralidade creadora ao longo do ano 2013 e viron a luz nas editoriais galegas e nos diversos medios escritos.

Os escritores e as escritoras galegas cremos na nosa cultura, na capacidade creadora da nosa cultura, e dígoo coas palabras do poeta palestino Madmud Darwich ao falar aos seus:

 

A nosa terra non é estéril

A cada terra correspóndelle un día no que nacer

a cada mencer, a cita cun rebelde

 

Cada obra literaria, cada obra de creación, cada lenda ou acto de comunicación creador no noso idioma, é un acto de rebeldía que fai amencer nos eidos da nosa terra para que día a día sexa construtora do seu propio destino: Rosalía e Curros, Antón Avilés e Xoana Torres, Lois Pereiro, Luísa Villalta e Xela Arias, e tantos e tantas sabían que Galiza era unha terra á que lle corresponde nacer cada día, que tiña unha cita cos seus fillos e fillas xenerosos que a soñan mentres a fan nacer.

A nosa historia está inzada de homes e mulleres que creron nas propias capacidades para determinar o futuro desta terra, para producir os alimentos materias e os alimentos do espírito, que diría Otero Pedrayo, que nos alimentaron a nós e alimentaron culturalmente Europa, e dos que nos dan testemuña os nosos Mestres da Memoria, que hoxe premiamos. Desa estirpe vimos as escritoras e os escritores galegos. Somos fillos de Mendiño e Esquío, tamén de Rosalía, por iso celebramos o seu aniversario o 24 de febreiro, que reivindicamos como día lectivo dedicado ao coñecemento e a divulgación da súa obra. Ano tras ano no Día de Rosalía a nosa terra leveda en actos nos centros de ensino, nas rúas e nos centros culturais, nos concellos. Son xa máis de cen institucións municipais e escolares -das que teñamos noticia- que celebraron o Día de Rosalía este ano 2014. Para ela reivindicamos un Panteón de Galegos Ilustres laico, público e que máis cedo que tarde sexa de propiedade pública. Que futuro poderemos construír para nós e os que veñan tras de nós se non temos aceso libre aos símbolos fundadores do noso ser, da nosa identidade?

Que o Panteón de Galegos Ilustres estea pechado ofende a nosa dignidade como pobo e ofende a dunha muller libre coma Rosalía. Escóitoa falar cos versos doutra poeta persa negada, Forugh-Farrojzad, cando lle di á teocracia do home do seu tempo, anos 60 do pasado século:

 

Non me impoñas o silencio.

Teño una historia para contar

O espazo dunha cadea é estreito para unha alma posuída da paixón

Déixame voar

E serei unha flor no xardín da poesía.

 

É un dereito irrenunciábel visitala para a poder honrar, a ela a Castelao, a Asorey.

Temos o dereito e as capacidades para vivir como pobo dos froitos da nosa terra xenerosa e do noso mar doridamente farturento; temos o dereito e a capacidade a ter unha industria editorial que sexa sustentadora da normalidade da nosa cultura, co apoio institucional necesario como economía produtiva que é. Por isto tivemos que nos pronunciar escritores e editores:

 

…ante situacións dramáticas como as que sofre o sector da edición galega, que dende 2008 perdeu o 38 % do seu emprego directo, cos datos que acaba de nos ofrecer o Instituto Nacional de Estatística confirmando o peche de 45 bibliotecas públicas na Galiza entre 2008 e 2012…

Entendemos a cultura galega como tecido creador de cidadanía cohesionada con valores democráticos, depositaria e defensora da nosa identidade como pobo, humus irrenunciábeis para conseguirmos maiores espazos de decisión propios.

 

Os escritores e escritoras somos testemuña do noso tempo, aínda que a arte non é a realidade, di Flaubert; mais engade que fagamos o que fagamos estamos obrigados a elixir entre os elementos que a realidade proporciona.

 

Todo o que é humano lévanos a transfigurar a realidade, dinos o noso escritor galego universal Bernardo Atxaga ao falar de Obaba:

 

Non se vive en van, non se percorren os días e os anos sen recibir as marcas do tempo; catro historias e unha paisaxe non fan, porén, un mundo... Requírese que esas catro historias -e as catro mil o corenta mil seguintes- teñan unha mesma cualidade e estean todas elas en consonancia, que respondan a unha única forma de sentir e de pensar.

 

Esa é a responsabilidade dun escritor, desvelar esa única e común forma de sentir e de pensar, pois pode dar á luz aquela parte secreta da alma de cada un e da alma dos pobos, na que se reflicte, ou mellor dito perfila, o futuro, como nos di Octavio Paz.

O que acontece no mundo é peneirado e asumido polo escritor e a escritora para nos comunicar algo que está máis aló do que é posíbel dicir.

 

Premiamos o teatro galego nos seus saberes, oficios e institucións e, como dixen hai un ano no manifesto do Día do Teatro:

 

Nos últimos corenta anos, a biografía do teatro galego é a biografía da cultura galega. No devir do teatro galego está insculpida a biografía deste pobo de noso. No corpo do teatro, na súa sensíbel pel, están tatuados todos os soños que nos poden levar deste presente de incerteza a un futuro no que nós escribamos a nosa propia historia.

Cada cultura é un territorio camiñado polos carreiros que abre o teatro, que teñen a ver coa alma colectiva e que nos levan a formar parte dunha outra verdade humana na que habitan todas as verdades que cada cultura achega. O teatro fainos seres libres pois subverte os significados, libéraos e dános na propia mao a responsabilidade de encontrar respostas e de asumilas individual e colectivamente. Se mancan o corpo do teatro férennos e doémonos. Dóese a sociedade toda e sentimos que nos están a intentar saquear o que de máis verdadeiro nos posúe.

 

Querido Bernardo, queremos, ao te nomear Escritor Galego Universal, un máis de nós, que sexa tamén un abrazo fraterno aos escritores e escritoras vascas, como Aresti e Koldo Izaguirre e tantos e tantas. É un acto de gratitude ás xentes populares de Euscal Herría que construíron o teu idioma , amado por nós; que acolleron coma irmaos, coma veciños de porta, aos galegos con quen partillaron o pan e o futuro. Lembróunolo a profesora vasca Rosa García-Orellán -filla de galegos- ao estudar tres xeracións de mariñeiros galegos e vascos que foron da mao ás xeadas terras da Terranova. Explicóunolo nas Xornadas de Literatura de Tradición Oral de Lugo: cómo os barcos que partían de Pasaia, Hondarribia, A Pobra do Caramiñal ou Corrubedo, atravesaban o Atlántico. Mariñeiros da baixura galega ou dos casaríos vascos, baserritarras, para chegar a un mar de xeo, para seren a un mesmo tempo protagonistas da epopea dos humildes, que é como os pobos escriben aquilo que permanece da súa historia.

Bernardo fálanos grávido de tenrura de que nas montañas de Nevada os pastores vascos gravaron ao longo de décadas, con coitelo, na cortiza branca dos álamos, o seu nome e a data; mesmo tallaron a forma da lonxincua casa natal. E cóntanos como se atopou co fillo dun daqueles pastores que moitos anos antes tiña morto nunha tormenta de neve. Viñera buscar a seu pai, as pegadas de seu pai, viaxando de Biscaia ás montañas de Peavine. Díxolle a Bernardo:

 

Veño de ollar a súa árbore e agora estou tranquilo. Ademais, púxenlle unha cruz. A árbore está agora completa.

 

Cada xeración tatúa a cortiza da vella a árbore da nosa literatura, cada xeración afirma, mesmo ao cuestionalas, as xeracións que a precederon: así completa a arbore da literatura.

Reivindico as novas xeracións de escritoras e escritores galegos; precisamos dos novos e novas escritoras e demandamos o seu dereito a ter un posto de traballo digno na propia Terra, que lles permita escreber. A eles e elas correspóndelles completar a obra das xeracións que os precederon, precisamos aos máis novos para que completen as marcas nas árbores da memoria colectiva e sexan altas columnas, tan humanas coma un verso de Pimentel, tan fundadoras coma os versos de Rosalía, coa raíz tan fonda coma un verso de Mendiño, que sosteñan os ceos do futuro desta Terra e o seu idioma

 

Neste idioma no que un voar de rula atravesa os ceos da cálida tarde de Pontevedra, cun garimoso recordo para María Díaz Vidal.