- Os premios da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega chegaron á décimo terceira edición
- As obras gañadoras, publicadas en 2011, foron escollidas polos 417 socias e socios da AELG, que se deron a coñecer no marco da Cea das Letras, que tivo lugar o 5 de maio.
Os socios e socias da AELG xa escolleron os premios á mellor obra publicada no 2011 nas modalidades de ensaio, poesía, narrativa, tradución, teatro, blog literario, literatura infanto-xuvenil; tamén a toda unha traxectoria xornalística. Nestes dous últimos casos tamén participaron na elección os asociados de Gálix e os membros do Colexio de Xornalistas respectivamente.
A seguir, a listaxe de finalistas na que se destacan as obras gañadoras:
Narrativa
- Extramunde, Xavier Queipo, Xerais
- Laura no deserto, Antón Riveiro Coello, Galaxia
- Non hai noite tan longa, Agustín F. Paz, Xerais
Ensaio
- Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, Carlos Callón, Xerais
- Rosalía de Castro. Estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe), Francisco Rodríguez, Asociación Socio-Pedagóxica Galega
- Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de Mª do Carme Kruckenberg, Mercedes Queixas Zas, Galaxia
Poesía
- balea2, Estevo Creus, Positivas
- Leopardo son, Pilar Pallarés, Espiral Maior
- Todas as mulleres que fun, Andrea Nunes Brións, Corsárias
Teatro
- A función do tequila, Manuel Guede, Deputación da Coruña
- Chegamos despois a unha terra gris, Raúl Dans, Xerais
- Fábula galénica, Inácio Vilariño, Baía
Mellor traxectoria de Xornalismo Cultural
Literatura Infanto-Xuvenil
- Fantasmas de luz, Agustín Fernández Paz, Xerais
- Noutra dimensión, Marica Campo, Galaxia
- O meu gato é un poeta, Fran Alonso, Xerais
Tradución
- Os trobadores de Occitania, Darío Xohán Cabana, Edicións da Curuxa
- Sonetos de Shakespeare, Ramón Gutiérrez Izquierdo, Xerais
- Versos escollidos (de Wisława Szymborska), Lucía Caeiro, Positivas
Mellor Blog Literario
CON LUME NO PEITO
A nosa Asociación decidiu premiar este ano, no apartado destinado ás institucións, os Servizos Municipais de Normalización e os Equipos de Normalización dos centros de ensino. Os que existen na actualidade e tamén os que foron facendo camiño ao longo destes últimos trinta anos.
A AELG quixo que, simbolicamente, recollese eu este premio, e aquí me tedes. Mais a quen debedes ver aquí non é a min, pois neste momento eu non son máis que un corpo aberto que quere servir de canle para que se manifesten tantas e tantas persoas que traballaron, e traballan, pola normalización social da lingua nos concellos e no ensino.
Porque é tempo de dicilo: os avances na normalización social da lingua conforman hoxe un edificio que, malia tantas agresións como sofre, ten paredes solidamente construídas e vai abrindo estancias para podermos vivir en galego con normalidade. Paredes que resisten as acometidas dos que desexarían botar o edificio abaixo e substituílo por unha cabaniña vistosa, para gozo de turistas e nativos desleigados.
Esas paredes e eses cuartos non se fixeron sós. Foron moitas mans quen os construíron, e cómpre lembralo con orgullo nestas horas difíciles. Ben sei que formamos parte dun río que vén de lonxe, que somos elos dunha cadea, que sempre se constrúe sobre as bases asentadas polos que estiveron antes. Mais a miña xeración, e as que seguiron, tamén fixeron o seu.
Podería falar agora das organizacións de docentes que pularon para botar a andar unha escola galega, que traballaron para que os Equipos de Normalización existisen (nun proxecto moito máis ambicioso do que foi logo o cativo deseño administrativo). Podería facelo tamén dos primeiros Equipos, os que foron abrindo os camiños más entupidos. Podería falar dos Servizos Municipais pioneiros, coma o dos Concellos de Fene ou Redondela, que tantos vieiros deseñaron. Podería falar de tantísimos nomes salientables, dunha historia que aínda está por escribir; persoas que, por diversas razóns, transcenderon o labor diario e chegamos a saber do seu traballo. Todo o noso recoñecemento para elas, xaora que si!
Mais a quen quero loar especialmente é a outras persoas. E, para iso, deixádeme viaxar a Bos Aires, ao 25 de xullo de 1948 e recoller un anaco da extraordinaria Alba de Groria que ese día pronunciou Castelao. Como ben sabedes, no texto fala primeiro da Santa Compaña dos inmortais galegos, das figuras senlleiras ao longo da historia, ás que vai citando unha por unha. E logo, un pouco máis adiante, di:
En canto a Santa Compaña dos inmortaes se perde na revolta dun camiño, detrás dun pinal, vemos xurdir do humus da terra-nai, saturada de cinzas humáns, unha moitedume infinda de luciñas, que son os seres innominados que ninguén recorda xa, e que, xuntos, compoñen o substractum insobornable da nosa Patria. Esas ánimas sen nome son as que crearon o idioma, a cultura, as artes, os usos e costumes, o feito diferencial de Galiza. (…) Esas luciñas son o pobo, que nunca nos traicionou; son a enerxía colectiva, que nunca perece; son, en fin, a espranza celta, que nunca se cansa. Esa moitedume de luciñas representa o que fomos, o que somos e o que queremos ser.
As persoas que eu quero loar aquí están moi vivas aínda, e que sigan así por moitos anos. Mais hai unha semellanza entre a multitude da que fala Castelao e a significativa cantidade de docentes que, desde os seus centros, traballaron arreo en condicións difíciles nos anos oitenta, nos noventa e nos do novo século. Descúbrome ante tanta xente admirable que traballou en centros de Galicia enteira: son a auténtica columna vertebral dos logros que se foron conseguindo nestes anos. Debemos agradecer profundamente os exercicios de dignidade persoal que están na raíz do seu traballo. Grazas a eles, un sector do alumnado puido educarse coa conciencia de que o galego é unha lingua de pleno dereito, válida para todos os usos e situacións; puido medrar sen prexuízos cara o galego, puido adquirir ou consolidar a competencia necesaria para utilizalo con naturalidade, puido coñecer e apreciar a literatura de noso…
E que dicir dos Servizos Municipais de Normalización? Na miña infancia vilalbesa, desde as fiestras máis altas da casa, víase toda a extensión da Chaira, que polas noites era un océano de negrura. Pois ben, na noite de San Xoán, cando en cada barrio da vila ardía o Lume Novo, desde a fiestra da casa víamos como a negrura da Chaira quedaba rota pola luz dos lumes que se acendían en distintos lugares. E nós podiamos dicir: mira, o de Mourence, o de San Xoán de Alba, o de Boizán, o de Sancovade, o de Gondaísque... Pois así, coma eses lumes na noite, foron e son os Servizos de Normalización. Cando un mira o mapa de Galicia é doado saber en que lugares hai un servizo iluminando o Concello.
Destas persoas que, desde os Concellos e desde os centros educativos, traballaron e traballan con entusiasmo e afouteza, podemos afirmar o que Castelao dicía dos trobeiros na Alba de Groria: camiñan todos con lume no peito.
Recollo, con emoción e agradecemento, a escultura que simboliza este premio. Mais entenderedes ben que non tería sentido quedar eu con ela, xa que se trata dun premio a un colectivo moi amplo. Así que, se non hai inconveniente, quero cederlle á AELG esta escultura para que a deposite nas súas vitrinas, en lembranza deste xusto recoñecemento ao colectivo do que é unha honra formar parte.
En Santiago de Compostela, a 5 de maio de 2012