O Premio AELG, que outorga a Asociación de Escritores en Lingua Galega, é concedido polos seus colegas escritores -os máis de 240 socios da AELG- a quen consideren autor/a do mellor libro publicado no ano anterior. Para o sistema de voto, estreado hai dous anos e modificado o ano pasado a fin de incentivar aínda máis a participación, contouse cun comité preseleccionador formado por 10 persoas nomeadas pola equipa directiva; da convención dos seus votos xurdiu un listado de 9 finalistas dos que había que votar unha sóa obra gañadora mediante boletíns numerados remitidos a todos os socios e socias, contando, ademáis, coa posibilidade de elixir outra obra que non se atopase entre estas catro finalistas. As obras finalistas foron: Ancoradoiro de Xosé María Álvarez Cáccamo, (Cito) de Emma Couceiro, Por conto alleo de Camilo Franco, Casa última de Xulio López Valcárcel, Fálame de Antón Lopo, A construcción nacional no discurso de Otero Pedrayo de Carme F. Pérez-San Julián, A esfinxe de amaranto de Antón Riveiro Coello, Traxectorias de Vítor Vaqueiro e Mar de bronce de Xosé Vázquez Pintor.
A maioría dos votos, remitidos ao Apdo. da Asociación até o mércores 6 de outubro, foi a parar a Ancoradoiro de Xosé María Álvarez Cáccamo, publicada pola editorial Espiral Maior, que pasa a ser considerada, con este galardón, como a mellor obra publicada durante o ano 2003.
O Premio AELG 2004 materializouse ademáis nunha pluma estilográfica gravada con tal motivo, que se lle concedeu a Xosé María Álvarez Cáccamo no marco da Cea das Letras. Esta celebración, que reuniu a socios e demáis amigos que se achegaron, tivo lugar no restaurante compostelán "A Espeteira" a partir das 22:00 hs. do venres 15 de outubro.