O Premio AELG é o máximo galardón que outorga a Asociación de Escritores en Lingua Galega e é concedido polos seus colegas escritores -os máis de 230 socios da AELG- a quen consideren autor/a do mellor libro publicado no ano anterior.
Neste ano a directiva introduciu cambios no sistema de voto estreado na edición anterior, a fin de incentivar aínda máis a participación, contando cun comité preseleccionador formado por 7 socios/as nomeados pola equipa directiva; da convención dos seus votos xurdiu un listado de 4 finalistas dos que había que votar unha sóa obra gañadora mediante boletíns numerados remitidos a todos os socios, contando, ademáis, coa posibilidade de elixir outra obra que non se atopase entre estas catro finalistas. As obras finalistas foron: Resistencia de Rosa Aneiros, Memoria para Xoana de Marica Campo, O libro dos aparecidos de Xerardo Quintiá e Gameleiros de Miro Villar.
A maioría dos votos, remitidos ao Apdo. da Asociación até o día 22 de setembro, foi a parar a Memoria para Xoana de Marica Campo, publicada pola editorial Espiral Maior, que pasa a ser considerada, con este galardón, como a mellor obra publicada durante o ano 2002.
Marica Campo, nada en Val do Mao, Incio (Lugo) en 1948 é actualmente profesora no I.E.S. de Guitiriz;autora de poesía, de relatos, de obras teatrais e mesmo dun libreto dun musical operístico, Memoria para Xoana é a súa primeira novela, e foi merecedora do Premio de Narrativa do Concello de Vilalba no ano 2001. Nela, asistimos a unha saga na que a épica ten como centro o universo das mulleres, que se recoñecen na súa xinea por riba do perfil individual; o valor da memoria como garante do ser e do estar no mundo a través dunha narrativa lúcida, cunha conciencia crítica da realidade fonda e intelixente, que confirman a esta autora coma unha das autoras fundamentais das nosas letras.
O Premio AELG 2003 materialízouse ademáis nunha pluma estilográfica de ouro gravada con tal motivo, que se lle concedeu a Marica Campo no marco da xa tradicional Cea das Letras. Esta celebración, que reuniu a socios e demáis amigos que quixeron achegarse, tivo lugar no restaurante compostelán "Carretas" o día 26 de setembro.
Anteriores gañadores deste galardón, foron Manuel María, Manolo Rivas e Xosé Luís Méndez Ferrín.
Este Premio está patrocinado/subvencionado por CEDRO (Centro Español de Dereitos Reprográficos) e pola Consellería de Cultura.