12 de outubro de 2019
Co patrocinio da Xunta de Galicia, Deputación de Lugo e Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO) e a colaboración do Concello de Taboada e Casa do Romualdo
Foto da actividade
Historias de cabezóns e loitadoras

Casa do Romualdo, Vilar, Vilela, Taboada (como chegar)
Sábado, 12 de outubro de 2019 | 17:00 horas | Entrada libre

 

Coas intervencións de:

Ana Rey Gay
Xosé Manuel Vázquez
Ana Vila Portomeñe
Francisco Almuíña
Anxo Moure e...
veciñas e veciños da contorna

Música:
Francisco Almuíña

 

Alén da Polafía, é posíbel gozar do seguinte Programa previo:
11:30 Acollida en Casa do Romualdo
12:00 Saída cara a Ralle para coñecer a cabeza do guerreiro de Ralle e os esgrafiados, guiados polo historiador e etnógrafo Xosé Manuel Vázquez
14:00 Xantar en Casa do Romualdo Con reserva previa. Prazas limitadas. Ao facer a reserva comunique intolerancias alimentarias
Prezo por persoa: 16€
Reservas para o xantar: 982 455 010 / 650 226 646


As polafías son un proxecto da Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), coordinado por Antonio Reigosa, e que conta coa colaboración de diversas asociacións e co patrocinio de institucións públicas.

A palabra polafía é un neoloxismo referido ás reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais, e ten como obxectivo primordial o de poñer en valor e rescatar do esquecemento o valioso patrimonio oral, literario e musical, galego. O termo polafía quere reunir no seu significado o mellor dos diferentes matices e acepcións de vellas palabras (polavilas, fías, fiadas, fiandóns, seráns,...) con semellantes contidos. A principal diferenza, en canto ao desenvolvemento, daquelas xuntanzas de antigo co desta nova proposta é que agora podemos, e debemos, axudarnos das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de novas tecnoloxías, caso de internet, que poden contribuír a unha ampla difusión deste patrimonio.

O formato das polafías require a presenza dun mantedor, divulgador ou especialista que introducirá e comentará as principais características das pezas e xéneros literarios amosados, dun recitador de poesía anónima ou de autor de feitío popular; dun músico, que interpretará romances, coplas ou cantares de raiceiras tradicionais. Sen embargo, o elemento humano transcendental e imprescindible no desenvolvemento de cada polafía constituírano os homes e mulleres, narradores, cantadores, romanceadores...etc, veciñas e veciños de cada lugar onde se desenvolva a polafía, pois eles son os auténticos protagonistas, os que xenerosamente transmiten o seu saber.

O que suceda nas polafías será gravado e logo difundido a través da web da AELG. As polafías teñen unha duración aproximada de 90 minutos.