8 de novembro de 2026
Unha iniciativa da AELG desenvolvida co apoio do Concello da Coruña
Foto da actividade

Esta iniciativa da AELG pretende dar a coñecer as cidades e vilas do país da man das nosas escritoras e escritores, que exercen de guías tomando como base obras propias ou alleas vinculadas a eses espazos. Deste xeito, posibilítase que a cidadanía goce persoalmente dos espazos físicos na súa relación coa memoria literaria.

O presente roteiro será guiado por Dores Tembrás. En palabras da autora: "Unha lebre entre semáforos é a proposta para pasar xuntas unha mañá de domingo. Un percorrido a través dos poemas e as rúas que me sitúan na miña chegada á Coruña con sete anos. A palabra dará conta do encontro cun espazo urbano por veces hostil, pero tamén de fascinio e aprendizaxe. Vides camiñar comigo?"

Terá lugar o domingo 8 de novembro de 2026, a partir das 12:00 horas, na cidade da Coruña. O punto de saída será a porta da entrada ao Parque de Santa Margarita desde a Ronda de Nelle. A asistencia é gratuíta. Non é precisa inscrición previa.