Do 17 de outubro de 2015 ao 7 de novembro de 2015
Unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio da Concellaría de Normalización Ligüística do Concello de Vigo
Foto da actividade

Para se inscribir deben enviar os seus datos (nome completo e teléfono) ao correo electrónico actividades.snl@vigo.org (deben indicar a cal/es paseo/s irán), a partir do día 10 de outubro (inclusive) dende ás 10:00 e até se esgotaren as prazas (50 por paseo). Inscrición por orde de chegada do correo.


Todos os paseos con saída ás 11.30


 

7 de Novembro

Paseo Memoria, política e cidade. O Vigo de Cabalos e Lobos, con  Fran P. Lorenzo

Con saída na Rúa Privada Moderna

Recórdao ti e recórdallelo aos outros... Esa obriga, expresada nun verso do poema 1936 de Luis Cernuda, é a que alenta o percorrido titulado Memoria, política e cidade. O Vigo de Cabalos e lobos. O roteiro ten no seu epicentro o edificio de Gran Vía nº 2, auténtico protagonista da novela Cabalos e lobos, de Fran P. Lorenzo, Premio Blanco Amor 2014. A visita, que atravesa os lugares desa ficción pero que tamén pretende dialogar coa magoada memoria da cidade e dos seus espazos perdidos, partirá da Privada Moderna, unha singular rúa, moi preto do Calvario, no vello límite do concello de Vigo e Lavadores. Desde aí, en menos de dez minutos, e cun alto previo no muro de Vía Norte, chegarémonos a Gran Vía nº 2, o fogar da familia Beckmann, os protagonistas de Cabalos e lobos, cabo da cicatriz invisíbel do Scalextric. O arquitecto dese edificio, Francisco Castro Represas, e a súa obra racionalista serán tamén algúns dos fitos deste paseo que atravesa por entre vellos cafés que non existen xa, refuxios antiaéreos, teatros pantasma, cinematógrafos, polas rúas Urzaiz, con parada no vello Derby, a entrada de Príncipe, Colón, Cine Fraga, a vella redacción do Faro de Vigo, Policarpo Sanz (Cable Inglés, Café Colón), Casa Sanchón, a Porta do Sol no horizonte, o Teatro García Barbón, o Teatro Rosalía, Marqués de Valladares, a Alameda (Editorial Galaxia) e As Avenidas, cabo do Bar Comercio,  o Navy Bar de Manuel Antonio. Alí fronte ao Náutico e ao pé da Estación Marítima, fronteira do alén, remata o roteiro de Cabalos e lobos. A duración aproximada do roteiro é de unha hora e corenta e cinco minutos.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Paseos anteriores:

 

17 de outubro

Paseo Salitre e escamas, con Marta Dacosta

Con saída no Paseo Alfonso XII (no extremo de Pi i Margall)

Paseo Alfonso XII – Poboadores – A Barroca – Porto do Berbés – Praza do Pescador  –  Rúa Real – A Pedra – Estación marítima – Rúa Concepción Areal.

Case 1200 Km de costa, un potente sector económico, crecemento demográfico, xeracións e xeracións de homes e mulleres que loitaron por sobrevivir ás veces nas condicións mais extremas e, porén, o mundo do mar non ten na nosa literatura a presenza que outros ámbitos teñen. Está presente Vigo e a vida das xentes do mar, especialmente das redeiras e pescantinas na nosa obra literaria? Ou como dicía Manuel María cómpre aínda erguer a voz «a prol dos mariñeiros»?

 

Crónica

O pasado sábado 17 de outubro, o mesmo día que en 1702 as tropas se concentraban en Vigo para defender a cidade do ataque inglés e holandés, que logo se produciría e lembramos como Batalla de Rande, correspondeu a Marta Dacosta guiar o primeiro Paseo polo Vigo literario deste outono.

No inicio formulámonos a pregunta de se o mundo das traballadoras e os traballadores do mar ten a presenza debida na nosa literatura. Talvez a resposta sexa negativa. Manuel María, por exemplo, dicía que aínda faltaba o/a gran poeta do mar, a/o poeta que cantase os traballos das súas xentes. Con esa pregunta comezamos andar. 

Transitamos espazos ligados á memoria de Marta Dacosta e que son o espazo en que se sitúan moitos poemas que recuperan a memoria do tempo da posguerra na Ribeira, o barrio mariñeiro de Vigo. Comezamos no Paseo de Alfonso XII, que nalgún poema a autora nomea como o paseo dos mariñeiros nostálxicos porque os mariñeiros retirados convertíano nunha especie de atalaia para observar o mar, un mar que xa non era o que divisaba Manuel Antonio desde o número 15 en que residiu entre 1919 e 1923.
Demoramos case dúas horas en chegar á Estación marítima, onde lembramos poemas sobre a emigración -a que talvez podería ser a gran épica por explorar segundo Freixanes- ou sobre a represión nesa illa que foi lazareto e alxube, San Simón. Entremedias percorremos os Peiraos e chegamos até o porto pesqueiro ou paramos ante a imprenta de Juan Compañel. Durante o percorrido Marta Dacosta leu varios poemas propios, principalmente de Cinsa, mais tamén de Bernardino Graña, Xosé Mª Álvarez Cáccamo, Rosalía ou Curros.

Fotos, na galería desta actividade.

 

24 de outubro

Paseo O Vigo portuario dos libros de Fran Alonso, con Fran Alonso

Con saída na Rúa García Borbón (ao pé das escaleiras que soben a Alfonso XIII)

Tomando como punto de partida a rúa García Barbón e rematando no barrio de San Francisco, exploramos o Vigo portuario da man de Fran Alonso, guiados polos personaxes e localizacións dos seus libros, tanto de narrativa como de poesía. O percorrido guiounos polos escenarios, reais e literarios, que conectan á cidade coa ría e co atlántico, nese microespazo tan singular que define o perfil dunha cidade que naceu e medrou grazas ao mar e á actividade económica que se desenvolveu a partir del. Foi un cóctel de cidade, vida e literatura aprehendida cos ollos dalgúns personaxes como a Señora Lola, que traballa facendo tortillas para os obreiros logo de cruzar a ría a diario.

Esta foi a folla de ruta.