Coa colaboración do IES Álvaro Cunqueiro, de Vigo.
Foto da actividade
Á procura dos trazos que nos describan
 
Con este verso de Xela Arias nomeamos a homenaxe que a AELG lle rendeu á autora en 2014. Un verso que na súa expresión sintetiza toda unha declaración de intencións, pois é o noso cometido -como organización que representa as escritoras e os escritores galegos- recoller, profundar e transmitir os trazos que nos describen. Trazos ou a obra das escritoras e os escritores que constrúen esta casa de noso que é a literatura galega.
 
Homenaxear a Xela Arias é testemuñar que se tratou dunha autora singular para o seu tempo. É render homenaxe a unha voz única e a unha muller para quen a literatura foi un modo de vida. Unha muller que sentía e amaba a súa lingua, a terra e o pobo que creou esa lingua.
 
Foi o momento de lembrar a Xela, unha década despois do seu pasamento, na cidade en que viviu, nas voces que deron a dimensión extensa da súa personalidade, activa e curiosa, polifacética, que sumou poesía e música e plástica e creou arte. Xela poeta, tradutora, editora, docente... Xela comprometida alzando a súa voz contra a catástrofe do Prestige ou describindo a dor das desherdadas ou o amor das nais.
 
Foi o momento de facer memoria, lembrar os seus versos e transmitir ese herdo inmenso que é a súa obra. Sumando trazos que nos describen.
 

No acto poético-musical participaron: 

  • Manuel Bragado e Fran Alonso, director e subdirector de Edicións Xerais
  • María Xesús Nogueira, editora da obra de Xela Arias
  • Antía Otero e Marta Dacosta, poetas
  • Pilar Carro, promotora do certame poético Xela Arias do IES A Sangriña
  • Marisa Guerra, subdirectora do IES A Sangriña
  • Alba Cid, poeta premiada no certame Xela Arias
  • Virginia Barros, Directora do IES Álvaro Cunqueiro
  • Eduardo Estévez, tradutor de Xela para o español
  • Avelino González, actor
  • Fernando Abreu, músico
  • Ana Iglesias, escritora
  • Mercedes Queixas, en nome da AELG
  • Deuse lectura tamén ao texto escollido pola escritora María do Carme Kruckenberg

A parte musical estivo a cargo de: 

  • Xardín desordenado
  • Fernando Abreu acompañado da voz de Iolanda Zúñiga

Contamos tamén coa presenza da familia de Xela Arias, representada por Darío, fillo, e Xoán Arias, irmán, así como pola súa nai, Amparo Castaño.