A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) rendeu o domingo día 3 de outubro, unha sentida homenaxe póstuma á escritora coruñesa Luísa Villalta (1957-2004), falecida no pasado mes de marzo en circunstancias tráxicas e inesperadas. O acto de homenaxe, que comezou ás 12:00 do mediodía, celebrouse no Teatro Rosalía de Castro da cidade da Coruña, e constou de tres partes diferenciadas coas que a AELG tentou honrar a traxectoria artística de Luísa, tanto no ámbito literario como no musical.
A homenaxe principiou co espectáculo teatral "Música desvelada", dirixido por Lino Braxe e baseado en textos teatrais e poéticos de Luísa Villalta, con música de Paulino Pereiro e interpretado por Inma Antonio, Flor Maceiras, Miguel Pernas, Xosé Vilarelle e o propio Lino Braxe.
A continuación interviron: Xosé María Álvarez Cáccamo, Marica Campo, Xosé Manuel Beiras, Yolanda Castaño, Miguel Anxo Fernán-Vello, e Pilar García-Negro, quen leron cadanseu texto e adicaron unhas palabras á memoria de Luísa.
O cuarteto de corda "Solistas de Galicia" dirixido por Mijail Moriatov fixo parte do acto, interpretando un repertorio de seis pezas especialmente elixidas para a ocasión.
Pechou o acto un segundo grupo de autores: Maribel Longueira, Miguel Mato Fondo, Pilar Pallarés, Ana Romaní, Marga Do Val, Cesáreo Sánchez Iglesias, Xurxo Souto, Eva Veiga e Estíbaliz Espinosa.
Luísa Villalta constitúe unha destacada representante da cultura galega contemporánea, tanto no ámbito musical coma no literario; a súa obra abarca todos os xéneros (poesía, teatro, novela e ensaio literario) sempre dende unha perspectiva renovadora e orixinal. Ademais, Luísa foi coñecida polo seu grande activismo cultural, que de xeito constante e desinteresado levou a cabo en colaboración con diversas asociacións culturais, colectivos e proxectos de diversa índole. Actualmente coordenaba a Área de revisión histórica e análise crítica da cultura no Foro da Cultura Galega, desde onde manifestou un fondo compromiso público en favor da defensa e consolidación da lingua e cultura galegas. Titulada tamén en violino, formou parte da Xove Orquestra Sinfónica de Galicia, faceta que desenvolveu ademais como estudiosa das relacións entre linguaxe musical e linguaxe poética. Asimesmo, formou parte da Xunta Directiva da AELG até hai apenas dous anos.
Dende a AELG, quíxose ofrecer unha merecida homenaxe a esta escritora na cidade en que naceu e viviu, cidade á que a propia autora fixo protagonista no seu derradeiro poemario, En concreto, publicado póstumamente e que foi merecedor do Premio Espiral Maior de Poesía no pasado mes de decembro.