A Asociación de Escritores en Lingua Galega (Aelg) comezou no 2005 unha serie de simposios que acadaron este ano 2007 a III Edición, sempre coa colaboración da D.X. de Xuventude e Solidariedade. Co título xenérico de “Letras na Raia”, buscouse un lugar de encontro para a reflexión e o debate arredor da necesaria e histórica relación entre Galiza e Portugal, considerando axeitado propiciar un foro que axude a afondar nos vínculos lingüísticos, culturais e literarios que compartimos, contrastando ambas as dúas realidades, as súas similitudes e diferenzas, e reforzando os lazos de convivencia.
Unha das esenciais características do “Letras na Raia” é o de ir enfocado principalmente aos escritores/as máis novos/as de ambos lados do Miño, e é por iso que contamos como principal colaboradora á Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.
Temas como o mutuo grao de coñecemento dos respectivos sistemas literarios, a súa recepción, as estratexias para o contacto cultural, as zonas fronteirizas entre Galiza e Portugal como motivos literarios dos escritores galegos e portugueses, ou o poder da palabra máis alá das fronteiras xeográficas.
A Aelg considera que este tipo de encontros contribúen a enriquecer o panorama creativo dos dous países a través do mutuo (re)coñecemento, xa que non se pode esquecer que a divulgación en Portugal do noso sistema literario propio e independente segue sendo tarefa aínda pendente de completar.
Obxectivos para o 2007
Este ano o “III Letras na Raia” levou como tema “O cinema e a literatura”, para estudar as relacións entre ambas artes desde a óptica da xente máis nova.
Unha vintena de creadores galegos e portugueses reuníase en Pontevedra para falar de cine e literatura.
A relación entre o cine e a literatura foi o eixe sobre o que xirou o III Simposio Internacional Letras na Raia, cuxo obxectivo é "crear unha metáfora da non fronteira, un espazo simbólico que axude a borrar os límites entre as culturas dos dous países".
Con este espírito de entendemento, a AELG pretende por unha banda, relacionar ás distintas asociacións de creadores galegos entre si, e, por outro, abrir canles de comunicación para xerar un contrabando de ideas positivo, un "tráfico de influencias" enriquecedor entre os dous lados da raia.
Nesta edición propuxéronse unha serie de mesas con títulos ben abertos cuxo eixe común é tratar temas que afectan á relación entre cinema e literatura en distintas vertentes:
-a relación entre os adaptadores/as e adaptados/as
-a relación entre a linguaxe literaria e a cinematográfica
-os puntos que xonguen ou separan cinema e literatura
-os novos formatos audiovisuais e a súa influencia na linguaxe literaria
Desenvolvemento do Simposio
A inauguración do Simposio tivo lugar na mañá do día 23, a partir das 10:00 horas, no Pazo da Cultura do Concello de Pontevedra, coa presenza do Director Xeral de Xuventude e Solidariedade da Xunta da Galiza, Rubén Cela, do Alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e do Presidente da Aelg, Cesáreo Sánchez Iglesias. Vexa o discurso do Presidente aquí.
A seguir, ás 10:30, tivo lugar a conferencia inaugural a cargo do escritor Xavier Queipo, co título “Literatura e Cinema como expresións poéticas”.
Ás 11.00 abriuse a serie de mesas redondas con posterior coloquio, coa titulada “A Literatura no Cinema: Adaptadores e Adaptados”, que contou coa presenza de Gonçalo Cadilhe, Margarida Cardoso, Xabier P. Docampo e Carlos Amil.
Ás 16.30 e co título “Outros formatos do audiovisual: medios e linguaxes diferentes do cinema convencional”, tivemos a oportunidade de escoitar e falar con Xosé Antón Dobao, Ángel de la Cruz e Cláudia Galhós.
Finalizou a xornada coa proxección de A costa dos Murmúrios, de Margarida Cardoso, adaptación do romance homónimo de Lídia Jorge.
No sábado día 24 de mañá, ás 11.00, sempre no Pazo da Cultura, “O Cinema e a Literatura: o común e o diferente”, con Camilo Franco, Jorge Paixão da Costa e Camilo Azevedo Mendes.
Xa na tarde, ás 16.30, a cuarta e última mesa e coloquio: “A dupla escrita: escrita para ver, escrita para ler”, con Miguel Anxo Murado, Possidónio Cachapa, Puri Seixido e Gonçalo M. Tavares.
Seguiu a clausura do Simposio, coa presenza da Delegada da Consellaría de Cultura e Deportes en Pontevedra, Mª Xesús López Escudeiro, a Concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra, Dolores Dopico, o delegado en Galiza do Instituto Camoes, Samuel Rego e o Presidente da Aelg, Cesáreo Sánchez Iglesias.
Ao remate proxectouse a première da tv movie A Mariñeira, de Xosé Antón Dobao, sobre texto de Darío Xohán Cabana.
Tralas dúas primeiras edicións do encontro, que serviron de toma de contacto, a AELG realizou este ano unha aposta forte, centrando as charlas e os posteriores debates nun tema xa polémico de seu. Tanto os escritores, xornalistas, directores, produtores e guionistas galegos (Xavier Docampo, Carlos Amil, Xosé Antón Dobao, Anxo da Cruz, Camilo Franco, Raúl Veiga, Miguel Anxo Murado e Puri Sixido) como os portugueses (Gonzalo Cadilhe, Margarida Cardoso, Claudia Galhós, Jorge Paixão da Costa, Camilo Filipe Azevedo Mendes, Possidónio Cachapa e Gonzalo M. Tavares) partiron da base de que o cine é fillo da literatura. Pero, nos seus relatorios, cada un deles foi marcando distancias con respecto á suposta lúa de mel que esas dúas artes levan vivindo desde fai xa máis de cen anos.
Se para algúns, o cine e a literatura non son senón dúas caras dunha mesma realidade, para outros son dúas linguaxes radicalmente distintas e ata contrarias. Mentres uns cren necesaria e proveitosa a dependencia mutua do cine e da literatura, outros ven nela a orixe do mal que levou ao cine a traizoarse a si mesmo ata converterse, unicamente, en pura ficción filmada, e non en instrumento poético.
As charlas deste III Simposio tiveron a súa actividade complementaria, que este ano consistiu na proxección de dúas películas: A costa dos murmurios, adaptación dunha novela homónima da escritora portuguesa Lídia Jorge realizada pola súa compatriota Margarida Cardoso, e A mariñeira, unha tv movie realizada por Xosé Antón Dobao sobre un texto do escritor galego Darío Xohán Cabana.
Se de interese resultaron todas as intervencións dos diferentes relatores e relatoras, non foron menos os intensos e por veces delongados coloquios que a palabra feita literatura suscitou nos asistentes de alén e aquén Miño.
Mais o congreso foi e, coma sempre, o que fica en nós son as lembranzas de comuñón fraternal cos nosos colegas portugueses e as aprendizaxes partilladas e nadas dun obxectivo común: a necesidade vital de escribir. Escribir para sermos.
Foi solicitado e concedido un crédito de libre configuración, para o que se asinou un convenio coa Universidade de Vigo.
Vexa aquí o programa
Vexa aquí o cartaz