Vexa aquí a intervención do presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, no acto de inauguración.
Os 14, 15 e 16 de outubro tivo lugar entre Vila Nova de Cerveira e Goián, Tomiño, o I Simposio Internacional Letras na Raia organizado pola Asociación de Escritores en Lingua galega, AELG.
O domingo 16, ás 12:30 horas procedeuse á clausura do Simposio dando lectura ás conclusións, que son as seguintes:
1. A saúde dunha literatura está relacionada coa saúde da lingua á que pertence. Mais a literatura é a súa carta de presentación, o elo que servirá para captar lectores, adeptos, amantes que desde a ponte do texto chegarán ao idioma, para vivilo, reinventalo e sostelo. Os galegos e as galegas contamos hoxe cunha ferramenta fundamental, o xénero que nos puxo en Europa cando o latín deixou de ser a lingua: a poesía, ela pode e debe ser hoxe a embaixadora da nosa cultura, polo seu recoñecemetno a todos os niveis.
2. A literatura galega e a literatura portuguesa manteñen unha relación mediatizada pola cultura española que nos impón o filtro de Madrid. Cómpre rachar con esta visión desenfocada e facer chegar, recibir directamente unha e outra literatura. Por outro lado a falta de normalizade da cultura galega, algo que agardamos que mude desde este novo tempo político, obstaculiza o que debería ser unha relación fluída.
3. Este simposio puxo de manifesto a necesidade de que as relacións entre Galiza e Portugal sexan de bilateralidade. Cultura galega e cultura portuguesa son hoxe elementos identitarios diferentes e definidos, mais proceden dun tronco común que previamente se identificou e definiu respecto doutras realidades culturais. Debemos aumentar o mutuo coñecemento e recoñecemento, un exemplo concreto sería o estudo da lingua e a literatura dun país no outro país.
4. Concluímos tamén a necesidade de que os medios de comunicación: radio, prensa, televisión, galegos e portugueses atendan a esta necesaria bilateralidade creando espazos de participación para galegos e portugueses, nun e noutro lado, coa finalidade de afondar e incentivar o coñecemento e o respecto mutuo.
Goián, 16 de outubro de 2005.
Vexa as actas do I e II Simposio aquí