Chegou unha nova edición da Letra das Festas, a revista oral do San Froilán, baixo o título O San Froilán En-foco. Memoria das festas tras o visor dunha cámara fotográfica.
Tivo lugar o mércores 6 de outubro, ás 18.30 horas, no Auditorio do Centro Cultural Vello Cárcere (Praza da Constitución, s/n).
A entrada foi de balde até completar capacidade.
Proxección de imaxes comentadas por:
- Pepe Álvez
- Óscar Cela
- Eduardo Ochoa
- Adra Pallón
- Bego Pérez
- César Quijada
- Aída Soengas
Ambientación musical:
- Luis Monsalve
Coordinación e presentación:
No desenvolvemento desta actividade aplicáronse os protocolos sanitarios vixentes en cada momento.
Este foi o artigo publicado por Antonio Reigosa en El Progreso o día 4 de outubro:
Letra das Festas
Esta Semana Maior de Lugo trae, como cada ano desde 2011, unha nova edición, a nº 11, da revista oral do San Froilán, unha iniciativa da AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) que contou desde os comezos co patrocinio do Concello de Lugo. Desta volta, como os felices partos que sempre desexamos, vén con dous fermosos pans debaixo do sobrazo.
Déixenme falarlles primeiro do número ordinario da revista deste ano que ten por tema “O San Froilán en-foco: Memoria das festas tras o visor dunha cámara fotográfica”. Nela participarán artistas da imaxe que proxectarán e comentarán algunhas tomas históricas e outras rexistradas por eles e elas sobre distintos aspectos das festas de San Froilán. Tomen nota dos seus nomes —Pepe Álvez, Óscar Cela, Eduardo Ochoa, Adra Pallón, Bego Pérez, César Quijada e Aída Soengas— e apunten na axenda o mércores, día 6, ás 18:30h, no auditorio do Vello Cárcere. A parte musical correrá a cargo do virtuoso, Luis Monsalve.
A segunda novidade é a publicación dun libro —presentarase o día 7—que recolle a memoria dos dez primeiros anos desta revista oral dentro da prestixiosa colección “O San Froilán dos devanceiros” que edita o Concello de Lugo desde hai 18 anos. O libro, “Letra das Festas 2011-2020”, reproduce a inmensa maioría das intervencións que se foron sucedendo durante este período e que tratan dos máis variados temas. Anécdotas e sucedidos, historias de tolos, chalados e traslidos, lembranzas de desastres naturais, sucesos criminais e mentes facinorosas, historias e anécdotas do pulpo (tamén chamado polbo). Como cada ano se propuxo aos convidados centrarse nun tema concreto, tamén se falou de xente daquela maneira –fatos, falsarios, estafadores, impostores, carteiristas, malpocados, aluados–, popurrí de orquestras, bises e verbenas e a memoria do fútbol en relación co San Froilán, coas súas lorchas e punteirolos. A isto engadimos que cada un dos números tivo a correspondente sección musical con actuacións xeralmente relacionadas co tema proposto. Unha posta en escena que sempre procuramos instrutiva, lúdica e divulgativa.
Os responsables da edición desta publicación, Lois Pérez e mais un servidor, quixemos dedicarlla ao compañeiro e amigo Isidro Novo, cuxo pasamento nos sorprendeu o 1 de febreiro de 2018. Porque estivo desde o inicio, porque participou activamente en todos os números e porque, entre outras mil razóns máis, nos agasallou aos alí presentes o ano que lle dedicamos a revista ao polvo cun poema do que extractamos estes versos: “No san Froilán Lugo cambia o seu escudo / o azur vira en gules de salsa tinta / e canta cousa hai nel torna distinta / por culpa dese animal tan rabudo / que ten sona de caletre moi agudo / e sabor contraposto á súa pinta”.
O poema publícase completo no libro, xunto coas intervencións de preto de cen persoas que foron quen puxeron ao longo destes dez anos as súas memorias e experiencias ao servizo da nosa ansia por saber o que pasou no San Froilán doutros tempos. Para todas elas, sempre co noso agradecemento!