Os días 31 de Outubro e 1 e 2 de Novembro, celebrouse na localidade de Gernika (Bizkaia) a XX edición do Congreso Galeusca que reúne, ano tras ano, a representantes da literatura vasca, catalana e galega arredor dun tema de debate. Nesta ocasión a organización do mesmo correu a cargo da Asociación de Escritores en Lingua Euskera (Euskal Idazleen Elkartea, E.I.E) e o tema elixido para artellar as diferentes sesións de traballo e mesas redondas foi "Memoria do século XX: Guerras e Posguerras".
Até Gernika desprazouse unha delegación de 15 escritores galegos, convocados pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (coorganizadores do Congreso Galeusca). Participaron coma ponentes na sesión de traballo do sábado pola mañá os seguintes autores galegos: Darío Xohán Cabana, Armando Requeixo e Inma López Silva; dita sesión de traballo estivo dividida en tres grupos: "Memorias de ficción", "Memorias persoais" e "Poesía e teatro" e estiveron presentes nos mesmos os autores cataláns Josep Francesc Delgado, Salvador Jáfer e Rosa Calafat, así coma os escritores vascos Jon Kortazar, Josemiel Bidador e Xipri Alberbide. Outro dos actos programados foi o Festival Galeusca, no Auditorio de Gernika, que combinou música, teatro e lectura de textos, e nel participaron, lendo textos da súa autoría, as poetas Estíbaliz Espinosa e María Lado, a narradora Marica Campo e o dramaturgo Euloxio R. Ruibal (Presidente da AELG) xunto aos representantes das outras dúas literaturas: Sebastià Alzamora, Josep Ballester, Maria Beneyto, Narcis Comadira, Miquel Desclot, Felicia Fuster, Ramon Guillem, Jordi Pàmias, Francesc Parcerisas, Teresa Pascual, Jaume Pérez Montaner, Ponç Pons, Jaume Pont e Cèlia Sànchez-Mústich, entre outros.
Viaxaron tamén a Gernika: Yolanda Castaño (Secretaria Xeral da AELG), Carlos López Bernárdez (Vicepresidente da AELG), Cesáreo Sánchez, Henrique Rabuñal, Xulio López Valcárcel, Marga do Val e Heidi Künh Bode.
O XX Congreso Galeusca abriuse cunha Recepción Oficial na Casa do Concello de Gernika, o venres, día 31, ás 20:00 hs. O sábado pola tarde celebrouse unha reunión sobre a traducción literaria con un representante de cada delegación e máis un representante da Unesco. Xa o domingo, celebrouse outra sesión de traballo na Casa da Cultura de Gernika para expoñer as conclusións de esta XX edición e para realizar propostas de traballo de cara ás vindeiras edicións. O acto de clausura tivo lugar no Museo da Paz de Gernika, ás 11:30 hs.
Neste XX Congreso Galeusca, elaborouse unha "declaración final" que foi lida nas tres linguas e que se constitue coma un documento en favor da memoria, coma garante do futuro e da verdade, e en contra da censura e a manipulación. A seguir, reprodúcese o documento íntegramente.
declaración final
(en minúsculas, evidentemente)*
nós,
nós, escritores
nós, escritores e escritoras en lingua catalana, galega, vasca
reunidos sobre as cinzas que de gernika cantou paul eluard,
declaramos que:
precisamos da memoria para exercermos o que mellor sabemos facer:
escribir
declaramos que o esquecemento nos couta e empobrece, nos reduce e asimila
declaramos que precisamos do coñecemento do pasado para podermos tecer a ficción, que nos doe tanto o noso onte que resulta imposíbel vivirmos neste simulacro de normalidade
é curioso: o que fomos impídenos ser felices neste presente
xuntámonos e falamos da necesidade de crear unha páxina web da memoria onde permanezan todos aqueles que nos alimentan
falamos da necesidade de crear un premio
neste pasado tan denso, con esta chuvia de novembro
e aínda así, declaramos que o escritor é quen de fabricar cen,
duascentas, milleiros de páxinas en liberdade
onde coñecérmonos mellor, onde mellor amarnos, onde peor odiarnos
crémolo así
por iso optamos por gernika
por iso reunímonos esteamos onde esteamos en todos os gernikas
do mundo
dende as cunetas de fisterra ao paso de port bou, pasando por bagdad
quizais sexa por iso que nos resultan inadmisíbeis os chamamentos ao esquezo
feitos dende prazas de xeneralísimos dacabalo,
este ostentoso reparto de certificados de democracia,
este negro chapapote baixo o cal nos queren soterrar día a día, aquí,
en todos estes nosos gernikas
nunca máis
é por iso que nos xuntamos e denunciamos
en catalán, en galego, en euskera, a man que nos afoga
a man que pecha os nosos diarios, a que nos impide expresármonos na nosa
lingua, a que nos folkloriza e converte en exóticos papagaios
engaiolados polo simple feito de escribir
record, lembranza, oroimena e non recuerdo, souvenir, recall
voces silenciadas a golpe de subvención, amordazadas, funcionarizadas
habitamos no século XXI pero bótannos fóra
parece un pesadelo escrito polo máis mediocre dos novelistas
non o é
e nós
nós, escritores
nós, escritores e escritoras en lingua catalana, galega, vasca
precisamos dun pasado para o noso futuro
precisamos dun pasado para poder atinar cando recreamos este presente
para poder exercer unha función crítica sobre o que escribimos
necesitamos un pasado para mellor completar este espello esnaquizado
milleiros de minúsculas soterradas baixo os cascallos da monotonía
¿cómpre declaralo?
precisamos ser libres para escribir
precisamos escribir para ser libres
aquí, en todos estes nosos guernikas,
dende fisterra a por bou , pasando por bagdad
gernika, 2 de novembro de 2003
* Traducción ao galego: Euloxio Rodríguez Ruibal