A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia (FLG) convocan os Premios Follas Novas 2026, co obxectivo de recoñecer a excelencia do traballo editorial realizado en Galicia ao longo do ano 2025.
Os Premios Follas Novas 2026 distinguirán obras publicadas entre o 1 de decembro de 2024 e o 30 de novembro de 2025, en papel ou en formato dixital, sempre que estean editadas orixinalmente en lingua galega e integradas na cadea comercial do libro galego. En total, outorgaranse 13 premios sometidos á valoración do xurado, aos que se suman tres galardóns honoríficos que recoñecen a traxectoria dun Escritor ou Escritora Galego/a Universal, o labor dunha libraría e a contribución á edición galega, outorgados directamente polas entidades convocantes.
O proceso destes galardóns comezou coa preselección das obras realizada polos tres colectivos impulsores -AELG, AGE e FLG-, da que saíu a listaxe de 6 candidatas por categoría, a partir da que os xurados escollerán tres finalistas. Na seguinte fase daranse a coñecer as obras finalistas e o proceso rematará coa celebración da entrega de premios, na que se coñecerán as obras gañadoras na tradicional gala que terá lugar no Teatro Principal de Santiago o 9 de maio de 2026.
A organización apostou este ano por unha renovación profunda do sistema de xurados, incorporando novos perfís organizados por ámbitos específicos do libro. Esta renovación responde ao obxectivo de garantir unha ollada plural, actualizada e representativa da diversidade do sistema literario galego.
A estrutura do xurado estabelécese en tres seccións:
- A literaria, que se encargará das categorías de Narrativa, Teatro, Poesía, Infantil e Xuvenil e Promoción da Lectura.
- A de deseño, responsábel polos premios de Libro Ilustrado e Banda Deseñada.
- A de edición, que avaliará as categorías de Mellor Libro Editado, Iniciativa Bibliográfica, Tradución, Ensaio e Investigación e Divulgación.
Cada un destes xurados estará integrado por persoas designadas pola AELG, a AGE e a FLG, xunto con profesionais independentes dos distintos sectores do ecosistema do libro —edición, librarías, escritura, bibliotecas e crítica—, todas elas con voz e voto.
Listaxe de categorías e candidaturas dos Premios Follas Novas 2026
PREMIO Á OBRA DE ENSAIO E INVESTIGACIÓN
- As tolas que non o eran. Mulleres no manicomio de Conxo 1885-1936. Carmen V. Valiña. Editorial Galaxia.
- Literatura insólita. Armando Requeixo. Editorial Galaxia.
- María Vázquez, a mestra socialista eliminada polo franquismo. Aurora Marco. Alvarellos Editora
- Ruth Matilda Anderson. Tradutora das marxes. Alba Rodríguez Saavedra. Edicións Laiovento.
- Separados por uma língua comum. Xosé Ramón Freixeiro Mato. Dr. Alveiros.
- Vidas e historias LGBT da Idade Media. Carlos Callón. Edicións Xerais de Galicia.
PREMIO Á OBRA DE DIVULGACIÓN
- A novela do Bravú. Xurxo Souto. Edicións Xerais de Galicia.
- Contáronme un conto mal contado. Onde estaban as mulleres na historia?. Susana Reboreda Morillo (coord.). Editorial Galaxia.
- Maxicamente vella, eternamente nova. A literatura tradicional galega. Carlos Callón. Edicións Xerais de Galicia.
- Os médicos tamén enferman. Martiño Noriega. Alvarellos Editora.
- Somos Pandeireteiras. VV.AA. Edicións Xerais de Galicia.
- Vigo na liña do tempo. Manuel Bragado. Instituto de Estudos Vigueses.
PREMIO Á OBRA DE NARRATIVA
- A casa grande. Olaia Sendón. Edicións Xerais de Galicia.
- Corpus. Raquel Miragaia. Através Editora.
- Punto de araña. Nerea Pallares. Editorial Galaxia.
- Sarela. Marga Tojo. Edicións Positivas.
- Son coma glaciares os barcos de aceiro. Cynthia Menéndez. Editorial Galaxia.
- Terra de sacrificio. Suso de Toro. Edicións Xerais de Galicia.
PREMIO Á OBRA INFANTIL
- A panadería. Lucía Belarte e David Lorenzo. Kalandraka.
- Bonecas. Raquel Castro e Kornerevi. Editorial Galaxia.
- Erin e o lobo. Érica Esmorís, Blanca Millán. Edicións Xerais de Galicia.
- O Peculiar. Érica Esmorís. Cuarto de inverno.
- Pernascochas. Ramón D. Veiga e Blanca Millán. Antela Editorial.
- Queco e Kika. Eva Mejuto. Edicións Xerais de Galicia.
PREMIO Á OBRA XUVENIL
- Bruxas e dragóns. Ledicia Costas e Luismi Pérez. Triqueta Verde.
- Filla das ondas. Fina Casalderrey e Xosé Cobas. Kalandraka.
- O enigma de Sempreviva. Andrea Maceiras. Edicións Xerais de Galicia.
- Queridas pantasmas. Alba de Evan. Edicións Xerais de Galicia.
- Soño dunha sombra. Xosé Cobas. Kalandraka.
- Unha historia de amor coma outra calquera. Rosa Aneiros. Editorial Galaxia.
PREMIO AO LIBRO ILUSTRADO
- A panadería. Lucía Belarte e David Lorenzo. Kalandraka.
- Alicia e a mestra de Oza. Iván R. e Paula Carballeira. Edicións Xerais de Galicia.
- Filla das ondas. Xosé Cobas e Fina Casalderrey. Kalandraka.
- Maios e desmaios. Ramón D. Veiga e Iván R. Edicións Xerais de Galicia.
- Sei cantar e sei bailar. Lucía Cobo e Eva Mejuto. Edicións Xerais de Galicia.
- Soño dunha sombra. Xosé Cobas. Kalandraka.
PREMIO AO LIBRO DE BANDA DESEÑADA, GRÁFICO E HUMOR
- A miña outra vida. Miguel Rojo. Retranca Editora.
- Adelina. Sandra Lodi. Editorial Galaxia.
- Carrilanas bestiais. Esteban Souto. Edicións Xerais de Galicia.
- Lela, a superavoa. Xosé Tomás. Edicións Xerais de Galicia.
- Rosalía Oculta. Paula Mayor. Editorial Galaxia.
- Severina e a Raíña dos trasnos. Inés Vázquez. Demo editorial.
PREMIO Á INICIATIVA BIBLIOGRÁFICA
- Cereixas roubadas. Colectivo Comadres das Letras. Alvarellos Editora.
- Diarios. Syra Alonso. Alvarellos Editora.
- Guía ilustrada do Entroido Galego. Alba de Evan, Xabier Domínguez e Iria Prol. Edicións Xerais de Galicia.
- Premios Compostela de álbum ilustrado (XVIII Edición). VV.AA. Kalandraka.
- Serie Curriño. Ledicia Costas. Edicións Xerais de Galicia.
- Serie Heartstopper. Traducida por Nee Barros. Edicións Xerais de Galicia.
PREMIO Á OBRA TRADUCIDA
- A máis recóndita memoria dos homes, de Mohamed Mbougar Sarr. María Alonso Seisdedos. Aira Editorial.
- A praza do diamante, de Mercè Rodoreda. Pilar Vilaboi Freire. Rodolfo e Priscila.
- Brevísima historia do conflito entre Israel e Palestina, de Ilan Pappé. Carlos Aymerich. Editorial Galaxia.
- Cos sinais da auga, de Lourdes Álvarez. Xavier R. Baixeras . Kalandraka.
- O pequeno león, de Jacques Prevert e Ylla. Tamara Andrés. Kalandraka.
- Vista Chinesa, de Tatiana Salem Levy. Helena González Fernández. Edicións Xerais de Galicia.
PREMIO AO LIBRO DE POESÍA
- A árbore desvelada. Xavier Seoane. Kalandraka.
- A pel do exilio. Silvia Penas. Edicións Espiral Maior.
- arte menor. Susana Sanches Arins. aCentral Folque.
- Insomnia. Luís Valle. Edicións Malafera.
- Mapa da estría. Andrea Nunes Brións. Chan da Pólvora.
- Vostede está aquí. Antía Marante. Cuarto de Inverno.
PREMIO AO LIBRO DE TEATRO
- As fillas bravas de Momán. Chévere teatro. Kalandraka.
- Incidencia muller pedra. AveLina Pérez. Edicións Xerais de Galicia.
- Manchea. Andrea Freire. Baía Edicións e Xunta de Galicia.
- O carteiro de Ximaraos. Carlos Labraña. Edicións Xerais de Galicia e Xunta de Galicia.
- O proceso. Apago o candil. Cándido Pazó. Editorial Galaxia.
- Os rapaces só se tocan para darse de hostias. Iván Caloto. Editorial Galaxia.
PREMIO AO LIBRO MELLOR EDITADO
- A caligrafía das espigas. Carlos Negro. Apiario.
- Autobiografía do vermello. Unha novela en verso. Anne Carson. Chan da Pólvora.
- Drácula. Bram Stoker. Aira Editorial.
- Filla das ondas. Fina Casalderrey e Xosé Cobas. Kalandraka.
- Guía dos seres fantásticos que viven en Galicia sen que talvez o saibas. Anaír Rodríguez. Edicións Xerais de Galicia.
- Soño dunha sombra. Xosé Cobas. Kalandraka.
PREMIO PROMOCIÓN DA LECTURA
- Actividades de divulgación lectora na libraría Libros para soñar
- Club de lectura feminista A Lila + A Sega
- Espazo lector Nobel Ourense
- Espiral Maior Foro
- Libraría Cartabón
- SELIC Semana do Libro de Compostela
