Os premios Follas Novas do Libro Galego entran nos seus dez anos de vida en 2025. As obras finalistas dos premios Follas Novas son o resultado dun proceso de selección de tres fases, que supón unha lectura e valoración da produción editorial galega. O proceso ten unha primeira escolla con propostas das tres entidades organizadoras que selecciona un cento de títulos publicados entre decembro de 2023 e novembro de 2024. Na segunda fase de selección, o xurado escolleu as obras finalistas por cada categoría. O proceso de selección dos títulos gañadores tivo o seu cumio o sábado, 26 de abril de 2025, coa gala na que se deron a coñecer cada unha das obras gañadoras nas trece categorías nas que se organiza este premio. O xurado desta edición estivo composto por Concha Blanco, Adela Touriñán, Irene Penas, Leonor Mazaira, Daniel Ugarte e Fabio Rivas.
A gala de entrega de premios tivo lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela, a partir das 19:00 horas. Ao longo da gala, Xosé Barato, que actuou como mestre de cerimonias foi ofrecendo pequenas mostras sonoras gravadas en distintas librarías galegas para conformar un mapa sonoro do ambiente que se encontran as xentes que entran nas librarías de Galicia. A música da gala correspondeu ao dúo Mr Cool & Rubén Servide, unha formación de guitarra máis saxofón.
Premios honoríficos
Cada unha das tres asociacións organizadoras entregou na Gala dos Follas Novas os seus premios de honra anuais, nos que se salienta unha figura das letras, unha editorial ou persoa destacábel do mundo editorial e unha libraría. Os galardóns que se entregarán na gala foron para Shahd Wadi, Manuel Bragado e para o fundador da libraría Follas Novas, Rafael Silva.
Premios FLG | Rafael Silva
En decembro de 1971, tres cregos impulsaron a creación da libraría Follas Novas en Santiago de Compostela, concibida inicialmente como unha libraría especializada en libro universitario. Pouco tempo despois da súa apertura, un dos fundadores, Rafael Silva, deixou a vida eclesiástica para dedicarse de cheo á xestión da libraría e tamén da súa editorial. O proxecto axiña foi máis aló da súa orixe académica, converténdose nun espazo clave para a difusión da cultura galega e nunha libraría que, a día de hoxe, continúa sendo de referencia en todo o país.
Premio AGE | Manuel Bragado
Manuel Bragado (Vigo, 1959) é editor, mestre e activista cultural. Foi director de Edicións Xerais de Galicia entre 1994 e 2018 e actualmente traballa como orientador en centros educativos de Redondela. Presidente da Fundación Luzes e colaborador habitual en Faro de Vigo, mantén dende 1999 a sección «Campo de Granada». Tamén é autor do blog Brétemas, recoñecido con varios premios, e publicou libros como Vigo, puro milagre e Vigo, abella da ribeira.
Premio AELG Escritora Galega Universal | Shahd Wadi
Shahd Wadi é unha escritora e investigadora palestina que creceu en Xordania e reside en Coimbra, Portugal. Doutorouse en Estudos Feministas na Universidade de Coimbra coa tese Feminismos de corpos ocupados, centrada nas narrativas artísticas das mulleres palestinianas no exilio, que deu lugar ao libro Corpos na trouxa (2017). Reparte o seu tempo entre a escrita, a tradución, a programación cultural e o activismo feminista e palestino. Nomeada Escritora Galega Universal pola AELG, en recoñecemento á calidade da súa obra e ao seu compromiso coa defensa dos dereitos do pobo palestino desde unha perspectiva feminista.
Os premios están organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia. Contan co apoio da Deputación da Coruña, Concello de Santiago, CEDRO (Centro Español de Dereitos Reprográficos) e a Xunta de Galicia.
OBRAS E PROPOSTAS PREMIADAS
PREMIO Á OBRA DE ENSAIO E INVESTIGACIÓN
- Abril é un país. Tereixa Constenla. Editorial Kalandraka..
PREMIO Á OBRA DE DIVULGACIÓN
- Rotas (As mulleres que o franquismo agochou en Compostela). Montse Fajardo. Edicións Positivas.
PREMIO Á OBRA DE NARRATIVA
- A noite das cebolas. Rosa Aneiros. Edicións Xerais de Galicia.
PREMIO Á OBRA INFANTIL
- Como escorrentar un lobo. Antonio Manuel Fraga. Cuarto de Inverno.
PREMIO Á OBRA XUVENIL
- Cartas na escuridade. Lois Pérez. Cuarto de Inverno.
PREMIO AO LIBRO ILUSTRADO
- Papóns. Sandra Lodi. Editorial Galaxia.
PREMIO AO LIBRO DE BANDA DESEÑADA, GRÁFICO E HUMOR
- Presas fáciles. Voitres. Miguelanxo Prado. Retranca Editora.
PREMIO Á INICIATIVA BIBLIOGRÁFICA
- Cantos de dor e liberdade. Voces galegas por Palestina. VV.AA.Tempo Galiza Editora.
PREMIO Á OBRA TRADUCIDA
- Os caravanistas, de Elizabeth von Arnim. Celia Recarey. Irmás Cartoné.
PREMIO AO LIBRO DE POESÍA
- Os pozos elegantes das clavículas. María Álvarez Landesa. Alvarellos Editora.
PREMIO AO LIBRO DE TEATRO
- Ubasute. Paula Carballeira. Editorial Galaxia.
PREMIO AO LIBRO MELLOR EDITADO
- O libro das abellas. VV. AA. Apiario.
PREMIO PROMOCIÓN DA LECTURA
- Culturgal.