Por que(n) escribir / Para que(n) escribir
A seguir, as crónicas das tres mesas celebradas, recollidas no Diario da Universidade de Vigo, elaboradas por D. Besadío:
20 de setembro: Mesa redonda de poesía
María Lado e Olga Novo
“Nin por ambición, nin polo pan, nin por ostentación... á creación chégase por absoluta necesidade interna”. Así de contundente se manifestou esta mañá a poeta e ensaísta galega Olga Novo na apertura do VII ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade, unha cita que coma cada outono trae ao campus unha nutrida representación de escritores galegos vivos e que este ano xira en torno a unha temática moi concreta: para que(n) escribir? Por que(n) escribir? Dúas preguntas as que deron a súa particular resposta as creadoras Olga Novo e María Lado, convidadas desta primeira sesión, que estiveron acompañadas na apertura polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución e directiva da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Rexina Vega e o profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución Burghard Baltrusch.
Organizado “cóbado a cóbado”, como subliñou Valentín García, entre o Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) con financiamento proveniente da Secretaria Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, o ciclo diríxese a todas as persoas interesadas na cultura e na literatura galegas actuais. “Tanto da Universidade de Vigo como de fóra dela. Tanto alumnado como profesorado. Tanto filólogos e/ou literatos como estudosos de calquera das outras ramas do saber”, subliña o profesor Manuel Forcadela, un dos impulsores da iniciativa, que fai fincape en que “se trata de que o noso alumnado reciba unha información de primeira man sobre o que está a acontecer na literatura galega actual”.
O obxectivo é, segundo subliñan, a difusión e a visibilidade. “Trátase de dar conta dunha parte importantísima da produción cultural deste país que permanece agochada polo abafamento cultural que leva a cabo o sistema imperante”, subliña Forcadela. “Os escritores son unha voz privilexiada da sociedade e precisamos escoitalos”, engadiu durante a apertura do ciclo, Rexina Vega, que presentou ás creadoras encargadas de iniciar esta sétima edición como “mulleres verdadeiramente libre e pioneiras”.
Un programa que conxuga calidade e actualidade
Se a poesía protagonizou a primeira xornada do ciclo, a narrativa, o teatro e o ensaio serán o eixe das outras dúas xornadas. A cita coa narrativa será o catro de outubro e para isto contarase coa participación do escritor galego e membro numerario da Real Academia Galega Xosé Neira Vilas e un dos autores galegos máis premiados, Antonio Riveiro Coello, mentres que o teatro e o ensaio quedarán para o 18 de outubro e traerán ata o campus ao actor e director Quico Cadaval e o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e ensaísta, Carlos Callón.
Na selección dos participantes hai, sobre todo, “un criterio de calidade e, tamén, de actualidade”, subliña Forcadela, que explica que este proceso se realiza en función dos premios literarios recentemente concedidos ou da publicación de libros que están aínda en fase de promoción.
Desda a organización destacan tamén que a televisión da AELG garda rexistro filmado de todos estes actos, mesas redondas, debates, conferencias, recitais, proxección de filmes, etc. e pode ser consultado na súa páxina web: http://www.aelg.org/.
4 de outubro: Mesa redonda de narrativa
Xosé Neira Vilas e Antón Riveiro Coello
Dous pesos pesados da literatura galega. Naceron en épocas moi distintas e en realidades que nada teñen que ver pero remataron seducidos por unha mesma actividade, a escritura, e máis concretamente, a escritura en lingua galega e, se ser escritor xa ten un aquel de rebeldía, selo en galego aínda moito máis . Xosé Neira Vilas, “un clásico vivo”, e Antón Riveiro Coello, “o Paul Auster galego”, como a el se referiu a catedrática Camiño Noia, compartiron unha xornada de reflexión e debate con docentes e alumnado da Facultade de Filoloxía e Tradución sobre o por que(n) e para que(n) escribir. Coincidiron ambos na maior parte do seu argumentario pero, sobre todo, nunha idea “somos auténticos farsantes”, como subliñou Neira Vilas, ou “mentireiros posuidores dunha imaxinación hiperbólica”, como recalcou Riveiro Coello en referencia a que “a literatura non é máis ca unha mentira asumida por todos”.
Abandeirados da lingua, literariamente nunca empregaron outro idioma que non fose o galego, “únenos esa traxedia, ese medo a que a lingua na que traballamos poida desaparecer, pero tamén a firme vontade de axudar a que isto nunca chegue a pasar”, subliñou intres antes de comezar a súa intervención Riveiro Coello, que fixo fincapé no “privilexio” de compartir mesa “cun referente, unha persoa que despois de tantos anos segue mantendo viva a paixón pola escritura”.
“Porque escribo en galego”
Membro numerario da Real Academia Galega, Doutor Honoris Causa polas Universidades da Coruña e La Habana, Medalla Castelao, Pedrón de Ouro... , a Camiño Noia escaseáronlle os minutos para resumir a dilatada traxectoria vital e profesional de Neira Vilas (Vila de Cruces, 1928), autor do libro máis vendido de Galicia de todos os tempos, Memorias dun neno labrego.
Escritor atípico, nado nunha aldea e fillo de labregos, Neira Vilas transportou aos asistentes ao seu xurdir como escritor. “Escribo porque escribo en galego”, subliñou nada máis iniciar a súa intervención. “Para min a escritura foi un gran descubrimento e cando aprendín a escribir facíao por todas partes”, sinalou cun sorriso nos beizos lembrando que “custoume máis dun desgusto escribir nos tabiques da casa”. Anos despois descubriu que por contrareembolso se podían comprar libros e “mesmo fixen un curso de contabilidade a distancia”, unha formación que o levou ao seu primeiro emprego como contable dun serradoiro de madeira “onde acadei unha certa posición privilexiada”, subliñou lembrando a súa mocidade. Lonxe de permanecer “quedo”, a súa ansia por seguir formándose levouno a emigrar a Bos Aires onde entrou en contacto con intelectuais galegos exiliados, entre eles Blanco Amor, que lle aconsellou que nunca profesionalizase a súa vocación “sen embargo, eu non tiven máis remedio ca ser intelectual de oficio e a día de hoxe xa non sei facer outra cousa”.
“Porque é unha necesidade pracenteira”
Porque son un mentirán, porque me gusta chamar a atención, porque é unha necesidade pracenteira, porque me gusta converter en materia estética a realidade diaria, porque me gusta lembrar aquelas cousas que nunca me aconteceron... Antón Riveiro Coello (Xinzo de Limia, 1964) achegou en apenas un intre unha ducia de argumentos que xustifican o oficio da escrita.
Convertido nun dos escritores galegos máis premiados –recibiu galardóns como o Camilo José Cela, o Manuel Murguía, o Modesto R. Figueiredo, o Café Dublín, o García Barros ou o Álvaro Cunqueiro de Narrativa- e con obras traducidas ao castelán, ao italiano ou ao portugués, Riveiro Coello recalcou a idea de que o lector “é quen verdadeiramente lle dá senso á escrita” e el, tras vintecinco anos de profesión, “sigo escribindo para ese lector sen rostro”.
18 de outubro: Mesa redonda de teatro e ensaio
Quico Cadaval e Carlos Callón
Quico Cadaval e Carlos Callón explican en Vigo 'contra' quen escriben
Desde a organización valoran a actividade como un “milagre” avalado polo público e pensan xa noutra edición
Poder ter de preto a creadores da literatura galega, escoitar as súas verbas e mesmo intercambiar opinión con eles non é algo que sempre estea ao alcance da man. Sabedores desta realidade desde a Facultade de Filoloxía e Tradución puxeron en marcha e, xa van sete edicións, o Ciclo de Escritores en Lingua Galega, unha actividade xa consolidada que se converteu en referencia obrigada para todas aquelas persoas interesadas na lingua e cultura galega, tanto da Universidade de Vigo como de fóra dela. Dous pesos pesados do panorama literario actual, Quico Cadaval e Carlos Callón, dous “ polemistas” consagrados, puxeron este xoves o broche de ouro a derradeira sesión desta sétima edición.
Nados os dous en Ribeira, na “terra das dornas” como salientou o profesor e escritor Anxo Angueira na súa presentación , Quico Cadaval e Carlos Callón compartiron cos asistentes o por que (n) e e para que (n) da súa escritura, ou mesmo o “contra quen”, salientou Cadaval en relación aos ensaios escritos por Callón “auténticos libros de combate” en defensa da lingua e do idioma galego.
Ensaio, teatro, contacontos
Carlos Callón achegou a visión do ensaio e Quico Cadaval a teatral e outra non menos importante, a do contacontos, “unha parte fundamental da historia do noso idioma”, salientou Angueira que defendeu estes ‘textos’ como traballos cunha “extraordinaria” elaboración técnica detrás e mostra clara dun “galego vivo e enxebre”.
Ensaísta, poeta e creativo polifacético, Carlos Callón relatou como a súa escritura reflicte o seu papel como activista político e da lingua “os meus libros son resultado deste activismo en todos os sentidos”, subliñou, ao tempo que repasou os seus ensaios de temática máis lingüística: En castellano no hay problema, Como defenderes os teus dereitos lingüísticos “e non acabar cunha úlcera de estómago” ironizou, e Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, unha obra a piques de saír do prelo. Tampouco pasou por alto, aquelas obras resultado de pesquisas histórico-literarias “escritas co máximo rigor académico”: Unha historia que nos pertence: A obra poética en galego de Lorenzo Varela e Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media, unha peza da que xa está a pensar nunha segunda parte que abarcará dende o século XIX ata os anos setenta.
No caso de Cadaval, que admitiu que “eu estou sempre falando, mesmo cando escribo”, defendeu o teatro como un texto social, “escribes para un teatro cheo, para un público heteroxéneo”, salientou, ao tempo que fixo fincapé en que cando se escribe “tes que facelo de xeito que a xente pense que non está escrito”.
Balance máis ca positivo
Desde a organización manifestaron a súa satisfacción polo éxito acadado nesta xa séptima edición do ciclo. “Nos tempos nos que estamos, nos que hai unha caída salvaxe e espectacular dos orzamentos para actos culturais, que só se pode entender por motivos políticos e non económicos, que isto sobreviva é case un milagre”, salientou o profesor Manuel Forcadela, un dos principais impulsores da iniciativa.
A consolidación do ciclo notouse tamén na afluencia de público ás diferentes mesas redondas que, salvo nesta derradeira sesión, que coincidiu con xornada de folga entre o estudantado, foi “moi importante e notoria”, algo que dende a organización valoraron como “moi significativo”, xa que deixa entrever “un recuncamento ou reinicio do interese da xente, sobre todo da universitaria, pola cultura e que está en contra do envilecemento da sociedade na que vivimos neste intre”, salientou Forcadela en referencia a que unha das cousas máis importantes da cultura galega é que, ao seu xuízo, é unha cultura que xamais foi envilecida, pois por máis que se criticase o seu carácter solemne e protocolario "nunha tivo ese punto de frivolidade que conduce ao envilecemento que se produce noutras culturas limítrofes".
Pensando xa nunha oitava edición “que terá lugar, sen dúbida”, os organizadores ven neste fluir do público un indicio, un síntoma de que os tempos están a cambiar. “Estamos no peor dos peores momentos é ese peor dos peores momentos é xustamente o intre no que o ciclo cambia”
Pode ver aquí a galería de fotos, tomadas do Diario da Universidade de Vigo
Acceda aquí aos pdf's do cartel e do programa de man.