Co patrocinio da Secretaría xeral de Política Lingüística e a colaboración da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.
Foto da actividade

 O ciclo chegou á súa sexta edición, desta volta co lema «Literatura galega hoxe (alba de gloria ou solpor dos deuses): poesía, narrativa, teatro. Os escritores/as perante a crise»,  Os/as autores/as falaron da súa obra persoal e as súas expectativas perante a grande crise (galega, española, europea; literaria, social, de comunicación, de visibilidade, etc.) na que estamos e como saír dela.

 

 

Crónica de M. Del Río | Diario da Universidade de Vigo

Á crise económica e de valores, no eido da literatura únese unha crise que afoga á lingua galega. En época de recortes cultura e ensino son as primeiras vítimas e os escritores e escritoras non son alleos a unha contorna hostil ante a que demandan un firme e fondo compromiso. Sobre este compromiso e a súa translación aos seus textos versou a primeira das mesas redondas da sexta edición do ciclo de Escritoraes na Universidade centrada na crise e na que os primeiros convidados foron Marilar Aleixandre e Bieito Iglesias.

Se para Aleixandre a ideoloxía e a responsabilidade de escritoras e escritores non ten por que verse reflectida explicitamente na súa obra, na opinión de Iglesias a literatura e, sobre todo, a novela son por definición comprometidas, “porque son sempre unha lectura da existencia”.

Coincidiron ambos autores, acompañados por Camiño Noia, directora do Departamento de Filoloxía Galega e Latina, en que os recortes afogan ao galego, provocan a perda de postos de traballo, o peche de medios de comunicación en lingua galega e a paulatina desaparición da lingua propia no ensino. Estas reclamacións fóronlle transmitidas ao secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, que asistiu á inauguración do ciclo, xunto con Marta Dacosta, representante da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), entidade organizado da actividade xunto co Departamento de Filoloxía Galega e Latina. 

Soñar é resistir

Anxo Lorenzo lembrou o papel dignificador da lingua que a literatura tivo dende o século XIX e animounos a seguir con “orixinalidade, creatividade, innovación e risco” e destacou, xunto con Camiño Noia, a relevancia deste tipo de actividades para que o alumnado poida coñecer de preto algúns dos escritores máis relevantes de Galicia.

Pero a crise planeou durante toda a mesa redonda, unha crise que para a literatura galega ten o agravante da situación precaria da lingua, unha lingua que “perdeu moito espazo na última década”, como explicaba Marta Dacosta, nuns “escuros días” que poñen aos escritores nunha encrucillada para resistir a pesar dos embates do Decreto do Galego. Por debaixo dos mínimos esixibles e en pleno proceso de involución, a AELG demanda compromiso para que, neste centenario de Cunqueiro, “demostremos que o galego pode ter 1000 primaveras máis”.

E de resistir se trata, porque como apuntaba Marilar Aleixandre nos anos 70 os docentes loitaban por poder impartir materias como física ou química en galego, “algo que hoxe é imposible co novo decreto”. Poñéndose a ela mesma como exemplo, madrileña de nacemento, reivindicou o modelo de inmersión lingüística que lle permitiu aprender a lingua, impartir docencia nela e dedicarse á escrita en galego. “Os escritores somos soñadores e soñamos utopías antes de que se fagan realidade”, apuntaba en referencia á loita pola defensa do galego, unha loita que tras anos volve a poñerse á orde do día, “porque esta crise está sendo aproveitada para botar atrás conquistas que tiñamos acadadas no ensino, na lingua e na cultura; pero soñar é resistir”.

A esta crise, Bieito Iglesias engadiu varios condicionantes máis que agudizan a situación. Por unha banda a “vedetización” dos escritores neste terceiro milenio, que se converten en espectáculo e, por outra, o intrusismo na literatura. Isto únese á situación económica e á lingüística e provoca situacións tan preocupantes como que na actualidade existan máis medios de comunicación en asturiano que en galego. Pero para o escritor e columnista, nestas situacións aos autores non fai falta demandarlles un compromiso explícito, téñeno de por si, para defender o seu sector e a súa lingua.

A seguir, a intervención de Marta Dacosta, en representación da AELG, no acto de inauguración:

 

É unha honra para min estar aquí representando a AELG que unha vez máis se comprace en organizar estes encontros con escritores e escritoras na Universidade. Esta actividade é froito dun convenio coa SXPL e no seu deseño contamos coa colaboración do Departamento de Filoloxía galega e latina da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. Grazas tamén pois a estas entidades por facer posíbel que esta actividade se manteña. Agardemos que no futuro a capacidade financeira e ese convencemento da importancia do papel da literatura no proceso de normalización permitan seguir adiante con este tipo de actividades.

Para a AELG esta é unha actividade fundamental no sentido de que permite a comunicación directa entre os nosos escritores e escritoras e o alumnado e o profesorado universitario. Entendemos que estas mesas redondas, son unha actividade complementaria axeitada, pois poder escoitar ao propio autor, coñecer de primeira man a súa posición e os seus motivos, é sempre altamente enriquecedor. 

Nesta ocasión a Universidade de Vigo propuxo o suxestivo título «Literatura galega hoxe (alba de gloria ou solpor dos deuses): poesía, narrativa, teatro. Os escritores/as perante a crise». Estamos pois ante unha proposta de debate que bebe directamente da problemática actual da lingua galega, a ferramenta fundamental da escritora, a que nos define e nos sitúa.

Desde 2008 o pantasma da crise percorre os países ricos, e un capitalismo esgotado reaccionou empuñando a arma do medo para sobrevivirse a si mesmo. Entón os gobernos sumáronse á ladaíña e sacaron de tesoiras. A cultura e a lingua foron as dúas primeiras vítimas: liñas de axuda que desaparecen, orzamentos que diminúen, medios de comunicación, en galego, que pechan… Neste tempo A AELG denunciou a regresión na política de investimentos en todos os sectores da cultura do noso país que, ao final, acaban por se traducir na destrución de emprego. 

Sinalábase antes a importancia do papel da literatura como ferramenta normalizadora. E si, na historia da nosa literatura, a defensa do idioma ocupa, naturalmente, un lugar central. Por iso non podo deixar de pensar que Castelao volvería hoxe falarnos daqueles que pretenden derrubar o Pórtico da Gloria, dos que elevan o inglés á categoría de lingua universal para enviarnos como paquetes teutóns a procurar traballo fóra da nosa terra. E pregúntome, con que argumentos lles explicaría hoxe Sarmiento a idoneidade de que a nosa lingua estea presente nas escolas e sexa a lingua na que os nosos nenos e nenas aprendan a ler e a escribir aos que se empeñan en dicir que o galego non serve para nada e que debemos aprender inglés? 

Esta segunda década do segundo milenio ten no seu haber o triste cómputo da perda de espazo para a nosa lingua. A Asociación de Escritoras e E. En Lingua galega manifestou no seu día a súa posición contraria ao actual Decreto 79 que modificou o estatus do noso idioma no ensino. Malia a entrega e o traballo de décadas, hoxe reduciuse a súa presenza nos centros escolares por vía normativa, e esta eiva marcará a súa vitalidade entre as xeracións futuras, esas para as que as escritoras e os escritores deixamos as nosas arquitecturas de palabras, empeñados e sermos galegas e galegos. 

 

A pasada fin de semana a asemblea xeral da Federación Galeusca pechou o encontro das tres asociacións de escritores coa lectura do Manifesto da Federación Galeusca 2011 nel recóllese a nosa afirmación de que 

“1. En contra de todo intento de invisibilización, manipulación e desvirtuación cultural e nacional, somos escritoras e escritores galegos, os que usamos como instrumento de creación as nosas linguas... que 

2. A pesar dos adiantos en normalización, non só nos atopamos moi lonxe aínda dos mínimos esixíbeis nunhas sociedades nacionais asentadas, senón que asistimos no presente ao que consideramos unha involución no recoñecemento das nosas identidades. Damos conta máis unha vez da falta de cultura plurilingüe do Estado español, que nos últimos trinta anos non manifestou a vontade de favorecer un clima de educación para a convivencia democrática real e mutuo entendemento entre as diferentes linguas e literaturas do ámbito do Estado, sometidas sempre a ese mito anacrónico do "destino histórico" da cultura española.

4. Reiteramos o noso apoio aos modelos de inmersión lingüística aplicados polos nosos sistemas educativos como modelo de adquisición das nosas linguas e culturas minorizadas.”

Neste ano 2011 en que se cumpren 100 anos do nacemento de Cunqueiro, cómpre lembrar as palabras de quen, para alén das súas posicións políticas, sempre considerou que a lingua era un deber incuestionábel. Cunqueiro era consciente e declarouno publicamente de que a lingua é fulcral para o futuro dun pobo, porque nela reside a nosa identidade. Por iso quixo que o lembraramos para sempre como quen procurou Mil primaveras máis para a lingua galega.

A poesía, a narrativa e o teatro, están unha vez máis ante a encrucillada. Deséxovos que ao longo destas mesas redondas botedes algo de luz en tan escuros días no camiño de procurarmos outras mil primaveras máis para a lingua galega.

 

O ciclo volveu o 20 de outubro cunha mesa redonda sobre poesía con Marga do Val e Enma Pedreira, presentadas polo profesor e escritor Anxo Angueira.

 

O 3 de novembro o ciclo centrouse na crise no teatro con Alfonso Becerra e Quico Cadaval, da man de Manuel Forcadela (Crónica de Mª del Carmen Echevarría e Jessica Fdez. | DUVI )

A sexta edición do Ciclo Escritorae na Universidade celebrado na Facultade de Filoloxía e Tradución baixou o pano cunha sesión dedicada ao teatro que contou coa participación do director de escena Afonso Becerra e o dramaturgo Quico Cadaval, que foi galardoado co Premio Cultura Galega 2011 na categoría de Arte Escénica. Este recoñecemento ao seu traballo en prol do impulso e constante actualización do teatro galego e a súa labor como editor, foi valorado por Cadaval antes do inicio do ciclo como “moi agradable, aínda que non é un premio para min senón para Mofa e Befa e demais compañeiros cos que traballei. É un premio de recoñecemento colectivo porque o teatro non é unha actividade individual”. Deste traballo coral e máis en concreto dos textos nos que se basea falaron Cadaval e Becerra tras a presentación do profesor da Universidade de Vigo, Manuel Forcadela.

 

Becerra defendeu na súa intervención a Cunqueiro como dramaturgo, asegurando que o teatro é un xogo, un espírito lúdico e que Cunqueiro era “un mestre xogando coas palabras e os personaxes”. O director incidiu nas diferenzas existentes entre o teatro e a literatura dramática e asegurou que “hoxe a literatura dramática que se edita non se coñece”.

 

A “decibilidade” dos textos

Pola súa banda Quico Cadaval puxo o acento na súa intervención la importancia do público que asegurou “completa o teatro”. Un público que agarda sobre a escena unha simulación de actos que parten dun texto no que o autor debe manter unha liña de “lexibilidade” co auditorio. Cadaval citou o traballo de Rodrigo García do que destacou a “decibilidade” dos seus textos entre os que destacou Haberos quedado en casa capullos. 

Luigi Pirandello foi directamente aludido por Cadaval para referirse á introdución de signos no texto o que fai que “sexan textos para ser ditos, fronte a outros que non poden ser ditos”. Fronte ao proceso creativo de Pirandello que acreditaba que os personaxes se lle aparecían desde a penumbra, Cadaval explicou que o seu traballo “non procede da visita da fantasía, senón da galaxia do ensaio, da improvisación e da tensión desordenada”.