Do 7 de outubro de 2010 ao 4 de novembro de 2010
Co patrocinio da Secretaría xeral de Política Lingüística e a colaboración da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.
Foto da actividade

 

O V Ciclo de mesas redondas "Escritores/as na Universidade" tivo lugar no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.

 

7 de outubro, xoves

Mesa Inaugural, coa presenza de:

Decana da Facultade de Filoloxía e Tradución da UVIGO, Rosa Pérez

Secretario seral de Política Lingüística, Sr. D. Anxo Lorenzo

O escritor Francisco Castro pola Asociación de Escritores en Lingua Galega

“Poesía de muller. Poesía feminista”: Estíbaliz Espinosa e Dores Tembrás Unha lectura fresca de poemas propios, con comentarios ilustrativos inclinados a aspectos que teñan que ver coa peculiar concepción das autoras sobre a relación entre literatura e loita feminista, entre poesía e muller, etc. Un encontro con escritoras nunha versión lúdica e persoal.

M. Del Río (Diario da Universidade de Vigo) Enténdese, por defecto, que a literatura feita por mulleres é literatura feminina, “pero non podemos entender que a literatura feita por homes sexa machista”, explica a poetisa Estíbaliz Espinosa, sen deixar de referirse a que “non son dous termos en pé de igualdade”. Con esta reflexión comezou a súa intervención na primeira das mesas redondas do Ciclo de Escritores na Universidade que este xoves botou a andar na Facultade de Filoloxía e Tradución. 

Inauguradas polo secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, estas xornadas van xa pola súa quinta edición achegando o panorama literario galego á comunidade universitaria e ao público en xeral. Esta primeira quenda estivo centrada na Poesía de muller. Poesía feminista e dará paso a unha segunda xornada sobre A narrativa galega recente e rematará cun debate sobre Novas artes literarias: o video-poema.

Anxo Lorenzo agradeceu á Asociación de Escritores en Lingua Galega, impulsora xunto coa facultade deste ciclo, “o seu traballo e esforzo por manter viva esta iniciativa” e ofreceu a permanente colaboración da Secretaría Xeral para “poder seguir nos tempos tan difíciles que temos por diante a nivel orzamentario”. Lorenzo agradeceu tamén a implicación da que a súa compañeira do Departamento Filoloxía Galega e Latina e directora do mesmo, Camiño Noia.

A decana do centro, Rosa López e o representante da AELG, Francisco Castro, coincidiron en resaltar a importancia deste tipo de iniciativas para visibilizar “e poñer nun primeiro plano aos escritores e escritoras galegos”.

É necesariamente a poesía de mulleres poesía feminista?

Ser muller e ser escritora son dúas características que non teñen por que desembocar en literatura feminista e así o sostivo a poetisa Estíbaliz Espinosa. “Son escritora e son feminista, pero coido que os meus textos están lonxe de clixés”. Con ela compartiu mesa nesta primeira xornada do ciclo a tamén poetisa Dores Tembrás, ambas presentadas polo profesor e escritor Anxo Angueira, que salientou o especial da literatura galega porque “o noso escritor nacional é unha escritora, Rosalía de Castro, e moi poucos países do mundo poden dicir o mesmo”. Con todo, segundo Angueira a incorporación completa da muller ao mundo literario non foi ata as últimas dúas décadas, “sobre todo na poesía, aínda que non tanto en narrativa e teatro”. O profesor lembrou que en Galicia as mulleres asumiron o protagonismo, “non só por número senón por calidade”. 

Á matriz que representa Rosalía para a literatura feminina referíronse as autoras lembrando que rompeu barreiras e tópicos sobre a literatura de mulleres para mulleres. Para Estíbaliz Espinosa existe unha cadea, ata certo punto lóxica, que establece que a muller ten que ser feminista polo feito de escribir “pero ese non é o leit motiv da miña obra, senón que o fin é a excelencia”. Para a gañadora do premio Esquío con Pan, “o binomio poética+feminismo= é unha ecuación aínda por resolver; eu son poeta e feminista” pero o resultado debe ser unha obra feminista? Para Angueira “hai tantos feminismo como discursos” pero á forza unha escritora é feminista porque é un mundo dominado por homes cun imaxinario masculino e patriarcal”.

 

21 de outubro, xoves

“Narrativa galega recente”: Xosé Monteagudo e Begoña Caamaño. Os autores leron fragmentos da súa prosa comentando pormenores da súa actividade como creadores.

 

Segunda sesión do ciclo Escritores na Universidade

As grandes obras literarias proceden de relatores cun profundo interese pola lectura

Begoña Caamaño e Xosé Monteagudo disertan sobre a narrativa galega actual

 

Romina Vázquez | (Diario da Universidade de Vigo) Cunha revisión do clásico A Odisea de Homero e unha análise da condición humana transcurriu a segunda xornada do ciclo Escritores na Universidade, celebrada na Facultade de Filoloxía e Tradución. 

 Nesta ocasión os invitados foron a viguesa Begoña Caamaño e Xosé Monteagudo, natural de Moraña, aos que Camino Noia, profesora do Departamento de Filoloxía Galega e Latina, definiu como “dous bos narradores e grandes lectores”. Os dous relatores coincidiron en afirmar que o seu interese pola escritura parte do amor polos libros que os seus proxenitores lles inculcaron dende moi cativos. “Tras deborar miles de relatos chega un momento no que precisas lerte a ti mesmo”, explica Caamaño.

 A revisión dun clásico de Homero

Xornalista de profesión, Begoña Caamaño publicou o ano pasado a súa primeira obra baixo o título Circe ou o pracer do azul, na que “da voz ás mulleres ás que Homero lla negaba, posto que as súas obras están cheas de estereotipos”, explica Camino Noia.

 Tras ter lido a Homero con tan só dez anos, a escritora viguesa retomou o clásico A Odisea preto dos corenta para reflexionar sobre o papel que o sexo feminino tiña nesta obra, creada nunha época na que a meirande parte dos textos gregos eran de corte misóxino. “As mulleres aparecían como seres malvados e perversos que sempre se equivocaban nas decisións que tomaban”, apunta Caamaño.

 Tras facer unha revisión histórica dos mitos de Penélope e Circe, protagonistas da Odisea, “atrevinme a construir un relato dentro da propia obra de Homero ensalzando os seus papeis, centrándome no porqué das súas actitudes e accións”, explica a escritora, que engade que “dende sempre estes dous personaxes reclamaban capacidade para pensar por si mesmas e para actuar segundo as súas reflexións.”

 Reflexión sobre a condición humana na sociedade actual

As voces da noticia, Un tipo listo e Noites de velorio son as obras que Xosé Monteagudo, licenciado en Dereito, ten publicadas. “Trátase de historias que relatan a cotidaneidade, xa que lle gusta falar da xente que está ao seu arredor”, explica Noia.

 Para este escritor, o relato non comeza coas primeiras liñas, senón que procede dunha imaxe anterior no tempo que vai madurando ata da lugar a uns personaxes. “Cando collo o lapis teño que saber bastante sobre os protagonistas e o seu carácter, pero non sei qué sorpresas me poden deparar, por iso resulta tan interesante”, segundo as súas palabras. “O que intento é chegar a unha reflexión sobre a condición humana na nosa época”, engade.

 Para concluír, Monteagudo resaltou que contrariamente ao que se pensa, a calidade na literatura non resulta incompatible co interese da trama, destacando que este é o seu principal obxectivo como escritor.

 

4 de novembro, xoves

“Novas artes literarias? O vídeo poema”: Lara Bacelo e María Lado. Proxeccións comentadas de vídeopoemas realizados polas autoras para tratar as posibilidades expresivas fornecidas polas novas tecnoloxías e o seu rendemento práctico en relación coa difusión da poesía.

 

A imaxe e o son póñense ao servizo da poesía para crear videopoemas

A última sesión contou coa presenza das autoras Lara Bacelo e María Lado 

Romina Vázquez | Diario da Universidade de Vigo

Unha vocación literaria marcada e unhas tremendas ganas de modernización caracterizan os videopoemas que as autoras Lara Bacelo e María Lado presentaron na Facultade de Filoloxía e Tradución con motivo da terceira e última sesión do ciclo Escritores na Universidade. As pezas proxectadas ao longo do relatorio son un perfecto exemplo de innovación na transmisión do texto literario que “ademais resultan moi útiles para reflexionar acerca da relación entre o poético e o poemático”, segundo palabras do profesor Manuel Forcadela, que actuou como conductor do acto. 

 As ansias de mudar a poesía para que non caia no olvido levaron a estas escritoras a apostar por novas técnicas encamiñadas a achegar as súas creacións ao público dun xeito ameno. “Sen coñecermos, as dúas optamos por un formato moi parecido. Tratamos de emular a animación fotográfica mediante a sucesión de imaxes con textos sobreexpostos”, explica Lado. Conscientes de que os xéneros non sempre teñen que ser encorsetados, ambas exploran as posibilidades da edición de vídeo para satisfacer a súa necesidade de mostrar ao mundo os seus traballos. “Buscamos o xeito de que a xente se achegue á poesía con interés, levándoa máis aló do simple texto literario”, apunta Bacelo, e por iso experimentan coa música, a palabra e o son. 

 As novas tecnoloxías facilitan a creatividade

Procedente das vangardas europeas, o videopoema “é un formato que as novas xeracións de escritores estamos reutilizando grazas ás enormes posibilidades que nos ofrecen as novas tecnoloxías”, explica Bacelo, que engade que “en minutos podemos facer pezas que vinte anos atrás terían precisado de meses de traballo”.

 Pola súa banda, Forcadela considera que o videopoema está contaminado de surrealismo e do reemprego da sociedade industrial que permite que cun simple teléfono móbil ou cun ordenador portátil se constrúan estes “artefactos semióticos que poden resultar verdadeiramente sorprendentes pola súa forza e creatividade”, apunta.

 

 Vexa aquí a cartelaría.