Do 26 de setembro de 2020 ao 7 de novembro de 2020
Unha iniciativa da Escola de Escritoras-es da AELG, coa colaboración do Liceo de Ourense e o patrocinio da Xunta de Galicia
Foto da actividade
A literatura insólita procede de tentar dar resposta ás grandes cuestións da humanidade dende a orixe dos tempos coñecidos: o efémero do ser, a morte, a vida noutros mundos, o alén... Unhas preguntas cuxas respostas foron dadas pola imaxinación nunha época que as vinculou a un xénero mal chamado Ciencia Ficción pero que hoxe en día, grazas á súa enorme transcendencia, constitúen temas recorrentes da literatura con maiúsculas.
Ofrecemos unha viaxe que cubra varias estacións de paso, dende as novelas de anticipación ás modernas distopías, das viaxes fabulosas de diversas mitoloxías aos libros populares de heroes máis ou menos verosímiles. Dende as viaxes no tempo de certas obras medievais ata os actuais multiversos, das xestas e eddas nórdicas á moderna fantasía épica.
Un periplo fabuloso con paradas nas nosas propias achegas creativas que demostrará como o literario flúe sen cancelas ao longo do noso existir atendendo ás nosas teimas.
O insólito no día a día
Impartido por Jorge Emilio Bóveda, e cunha sesión maxistral a cargo de Ramón Caride.

 

Terá 6 sesións de 3 horas cada unha, en horario de 10:00 a 13:00, que se celebrarán os sábados:

  • 26 de setembro
  • 3, 10, 17, 24 e 31 de outubro.

E 1 sesión final de 2 horas, en horario de 11:00 a 13:00, que se celebrará o sábado:

  • 7 de novembro.

 

Terá lugar no Liceo de Ourense (Rúa Valentín Lamas Carvajal, 5).

20 prazas, gratuítas, para maiores de 18 anos, que se adxudicarán por orde de solicitude.

A inscrición, gratuíta, pode realizarse, até o 24 de setembro de 2020, no correo electrónico oficina@aelg.org

 

 

No desenvolvemento desta actividade aplicaranse os protocolos sanitarios vixentes en cada momento.

 


O obradoiro enmárcase na Escola de Escritoras e Escritores da AELG, iniciativa que centra os seus esforzos en impartir, por concellos de todo o país, obradoiros con formatos e destinatarios diversos, nos que se abordan diferentes xéneros literarios e contidos. Trátase dunha iniciativa que, cos autores/as como guías, ten o obxectivo de transmitir a experiencia apaixonante do acto creador, tentando concienciar á sociedade do imprescindíbel que é a estimulación creativa na escrita e o seu papel complementario na formación do individuo. O proxecto aposta por ofrecer á mocidade un sistema lingüístico, literario e cultural propio no que asentar as súas raíces.

 

Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.